O novo proxecto musical liderado polo cantante e guitarrista Miguel Cernadas (ex Terbutalina) publicará nas vindeiras semanas o seu álbum debut

Tona, a banda liderada polo muradán Miguel Cernadas (Terbutalina), lanzará mañá, 11 de novembro, Carracho, unha canción con coplas retranqueiras “para bailar e deixarse levar” no que a banda avanza o son deste novo proxecto musical, que sorprende coa súa particular visión das melodías populares, e que nas vindeiras semanas publicará o seu EP debut. 

Tona dase a coñecer ante o mundo como unha banda que fai Música da Ribeira: a quen fan estes descendentes de piratas e contrabandistas, que aprenderon a falar antes que a andar. É a música que soaría na aldea muradá de Ventín, no caso de que soase algo, e que nunhas semanas se poderá escoitar tanto nas plataformas como ao vivo, pois a banda actuará na Foliada da Fonsagrada.

A troupe de Tona é unha formación única: Miguel Cernadas na voz e composición; Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición; Andrés Real (Oh Ayatollah) ao baixo; Roberto Comesaña no acordeón; e Gutier Álvarez no violinofón. Todos eles acompáñanse de Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico de son ao vivo. 

Logo de avanzar temas como O Maio, Rhumba95 ou O casal, mañá chega Carracho,  que Tona define como “unha mestura, un cruce de camiños, ritmos de aquí, melodías de alá”. Unha canción cun son diferente, con coplas retranqueiras e que convida ao baile e a deixarse levar; tal e como se poderá ver no videoclip do tema -dirixido por Paco Freire, con Manuel Tato Silva na cámara e con Óscar e Sergio Cobos de bailadores-, que tamén estará dispoñible desde mañá na canle de Youtube de Tona.

Pregarda Carracho

https://orcd.co/tona_carracho

20251110-Tona-lanza-Carracho