
Desde este martes 11, e até o martes, 25 de novembro, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na vila coruñesa na súa proposta Sagrado Corazón
Sagrado Corazón é unha investigación da artista arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que escolle o marco estético da Idade Media europea, con cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios, a través dunha linguaxe híbrida entre poesía, danza, videoproxección e instalación
Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade
Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N, co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A artista Isolda Comesaña inicia a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este martes, 11 de novembro, en Corcubión. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Capela do Pilar da vila coruñesa acollerá desde mañá e até o martes 25 de novembro a derradeira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Sagrado Corazón, de Isolda Comesaña.
Sagrado Corazón é unha investigación escénica da artista galega Isolda Comesaña Alcaraz arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.
Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade. Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N, co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas.
SOBRE O PROXECTO
Sagrado Corazón é unha investigación escénica da artista galega Isolda Comesaña Alcaraz arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.
A armadura amósase como o símbolo perfecto para as moitas fortalezas e muros que se constrúen ás veces nos corazóns das persoas, desconectadas das propias emocións e das dos demais. O cabaleiro é o símbolo do heroe que emprende unha viaxe iniciática, onde a superación de distintos obstáculos para “salvar” (tradicionalmente, unha princesa, ou liberar ao reino das garras dalgunha criatura máxica como un dragón) non é máis que un salvamento propio, unha viaxe interna, cuxo fin é abandonar a armadura para atopar o propio corazón: ese é o destino final.
Este interese estético trae consigo unha reflexión necesaria desde o prisma político: que teñen que ver todas estas lendas coa construción de Europa como entidade? Como contribúe este imaxinario medieval á identidade europea? Cando, como e por que se constrúe o relato do cabaleiro medieval cristián e que relación ten coa presenza musulmá? Canto de relato contemporáneo hai na nosa visión dese pasado que, en realidade, non coñecemos tanto? Canto de racismo e etnocentrismo hai nesa construción? Foi ou é Europa branca, cristiá e nobre?
Ademais, Sagrado Corazón é unha investigación escénica que, a través dunha linguaxe híbrida entre poesía, danza, videoproxección e instalación, aborda o corpo no artefacto artístico, xurdindo a tensión entre o imaxinario medieval e o corpo, neste caso, especificamente, das mulleres. Deste xeito, Isolda se pregunta: En que lugar desta cartografía se sitúa o desexo e a erótica? Que pasa se observamos moitas das obras ao longo da historia da arte europea, de contido cristián, que nos pasa cando vemos esas éxtases, paixóns, martirios? Como nomear este conflito subterráneo entre a propia institución da culpa xudeocristiá, a monitorización do corpo das mulleres e a súa adscrición ao pecado orixinal, e a erótica das éxtases, da percepción sensíbel da presenza divina, os versos de Santa Teresa de Xesús? Foi o cristianismo o principio ordenador que veu a trastocar esencialmente a relación dos pobos coa natura fértil e exuberante?
En Sagrado Corazón, Isolda busca cuestionar a feminidade extasiada e erótica da pasividade fértil, da muller-nai, muller-natureza, muller dadora de vida, para situarse na loita, na restauración da propia axencia, mediante os símbolos que se negaron historicamente ás mulleres: a espada, a armadura, o lume, a guerra, que, como na tradición sufí, non é unha guerra fronte a un inimigo externo, senón que as máis das veces esa yihad é, en realidade, unha guerra interna, unha viaxe pola paisaxe interior e descubrir os colonos do propio corazón.

SOBRE A ARTISTA
Isolda Comesaña Alcaraz é unha creadora e actriz formada en Interpretación Xestual pola ESAD, que actualmente estuda o Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación pola USC, ademais de Ciencias Ambientais pola UNED.
En 2022 creou Derrubo. Camille Claudel, un monólogo baseado no texto orixinal de Laura Rubio Galletero, ademais de desenvolver a investigación escénica arredor do desastre ecolóxico do Prestige Visions of Prestige. No 2023 obtén unha residencia de creación teatral arredor da literatura medieval galaico-portuguesa e a literatura renacentista de Creta, coordinado por SONSGaliza e a Universidade de Atenas, co proxecto Lyriqas Project, organizando, tamén, ese mesmo ano, o proxecto de microteatro Microescena Lab na Morada Cooperativa en Vigo. No 2024 resultou gañadora do 1º premio do Xuventude Crea na categoría teatro coa súa peza Prázdno, un traballo Fin de Estudos arredor da deconstrución da feminidade desde o hexemónico até o grotesco.
Como actriz, participou de reparto no filme de Irati Gorostidi Anekumen / Aro Berria e na produción do Centro Dramático Galego Os actos e as profecías.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
MÁIS INFORMACIÓN
Fundamentacion-Residencia-Paraiso-Isolda-Comesana 2025.11.10.-NP-Residencia-Paraiso-Isolda-Comesana