Vimbio e Hugo Guezeta xúntase para revivir SonDaRúa con CRISE, o seu novo sinxelo en colaboración

A banda de rap metal Vimbio e o rapeiro Hugo Guezeta unen forzaspara publicar Crise, o seu novo sinxelo en colaboración que fai lembrar á mítica banda de rap SonDaRúa. Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, e Hugo Guezeta xúntanse de novo tras o lanzamento de Dispara, sinxelo pertencente ao último disco de Hugo,  reunindo así unha vez máis ao histórico grupo de rap que marcou a toda unha xeración, SonDaRúa. Cunha forte carga de crítica social na letra e sons que mesturan o hardcore e o rap, apostan por dar peso á base instrumental, afastando un pouco os beats electrónicos e dándolle unha forza que se trasladará aos directos.

Crise bebe de referencias como a banda de punk, hardcore e rap Bob Vylan. A aposta de Vimbio de optar por sons máis contundentes neste tema bebe precisamente de ir a un dos concertos da banda londinense. O grupo preparou os primeiros bosquexos de riffs de guitarras que lle presentaron a Hugo e cando se xuntaron a temática saíu de inmediato, dando por resultado esta oda a SonDaRúa en forma de activar a fibra da rabia para espertar como sociedade contra as inxustizas que estamos a vivir.

Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, destaca que volver traballar con Hugo é sempre un pracer, e aclara que pese a ter collido camiños diferentes segue sendo moi cómodo construír á par. Aínda que SonDaRúa botase a cancela fai anos, Álex sinte que a unión segue patente en cada colaboración que fan xuntos, como se realmente só levasen un par de meses de descanso do seu proxecto conxunto.

Pola súa parte, Hugo Guezeta destaca o gratificante que foi tamén volver facer música con Álex, neste caso acompañado do seu grupo. O rapeiro sinalou tamén que o tema supuxo un reto creativo para el, ao facelo nun rexistro diferente ao que acostuma, cunha instrumental máis escura e con inspiración hardcore, pero quedou moi contento co resultado final, coa forza e enerxía que ten a canción e a mensaxe que transmite.

Este novo sinxelo ve a luz da man dun videoclip dirixido por IzanMG, autor entre moitos outros do videoclip de Eu non quero traballar, outro dos adiantos do futuro traballo discográfico de Vimbio. Gravado na Escola Audiovisual de Vigo, apostan por un produto sinxelo pero visualmente potente, mesturando fortes imaxes de protestas e disturbios con planos de Hugo e Álex.

MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.

Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio está a levar a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero.

O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta. O seu último álbum O Noso Tempoacumula máis de medio millón de reproducións en plataformas dende a súa publicación, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.

As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.

Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con sendos concertos esgotando entradas, Hugo remata a súa xira de 2025, onde xa deixou constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo a festivais da talla de Revenidas, A Candeloria, Festigal ou Millo Verde, así como na súa colaboración con algúns dos maiores representantes da música galega, como Guadi Galego ou Dakidarría. Sen dúbidas, Hugo Guezeta foi un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.

20251114-NP-GAL-LANZAMENTO-CRISE-VIMBIO-FT-HUGO-GUEZETA

Saibran publicará unha triloxía e o primeiro disco verá a luz o 5 de decembro

Saibran prepara a publicación dunha triloxía, cuxo primeiro disco, Atardecer harmonioso con gotas de primavera, verá a luz o 5 de decembro

Cibrán García (Boyanka Kostova) lidera un proxecto musical singular no que se acompaña de dous integrantes de Mundo Prestigio tanto na batería coma no baixo analóxicos: Julián Goicoa e Fiz García

Saibran dará a coñecer este venres 14 Meu, o segundo avance do primeiro álbum da triloxía; un tema no que contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a introspección

Saibran, o novo proxecto musical conformado por Cibrán García (Boyanka Kostova) e por Julián Goicoa e Fiz García (integrantes de Mundo Prestigio), publicará unha triloxía da man de Tremendo Audiovisual. Tres discos diferentes, cada un cun estilo e temática perfectamente identificable e, ademais, asinado por distintos produtores.

A triloxía de Saibran percorre os sons, ritmos e acontecementos que agroman desde as vivencias cotiás até os momentos de introspección. Parte de cuestións liviás e da retranca para avanzar, con cada disco, cara a pensamentos máis serios e fondos.  Esta evolución da tríade transita, temporalmente, desde o solpor (primeiro disco) até o amencer (o terceiro): as cavilacións desenvólvense na medida que avanza a xornada de quen sae da súa casa contra última hora da tarde, sen máis pretensión que ver ás amizades pero que, cando regresa, xa alboreceu.

O primeiro, titulado Atardecer harmonioso con gotas de primavera, e que verá a luz antes do Nadal -concretamente o 5 de decembro-, abrangue as horas desde a saída da casa até o inicio da madrugada. Producido por Mundo Prestigio, o disco -a nivel estilístico, o que se achega ao rap máis clásico, con 90-100 BPM-, que conta no numerosos instrumentos gravados analóxicamente, aborda cuestións máis cotiás, do día a día. 

Atardecer harmonioso con gotas de primaveradará paso ao segundo álbum da tríade. Un traballo máis escuro e cru, menos melódico, producido por Møu (DKTC, Lumedoloop), e que se achega a estilos coma o trap ou electrónica. Un transo que amosa o que pasou ao longo da noite, e deixa entrever o que podería pasar a continuación; e á vez o paso cara a temas máis fondos. Finalmente, o peche da triloxía de Saibran conta con Juait e crnds na produción. Este terceiro disco, que recolle a última parte da noite, destaca pola experimentación electrónica.

Meu, novo avance de Atardecer harmonioso con gotas de primavera

Este venres 14 de novembro Saibran lanzará ao mundo Meu,un novo avance do seu primeiro álbum. Se no pasado outubro publicaba Durmir é para covardes, unha canción para insomnes creadas co desvaríos que trae o desvelo; desta quenda, con Meu, contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a instrospección. “Teño cheo o cenicero, cada calada unha neurona menos, cada colilla un problema que enterro, queda gardada dentro do cerebro, teño que facelo si non me quebro e…” canta Saibran, quen xoga coa dualidade e rima ao compás das cousas propias da vida, sexan de noite ou de día. 

Doulle caña ao corpo que inda non tou morto“. Cunha base de Møu, Meu é un tema escuro e sucio. É nocturno e é (en) directo. Achégase ao máis fondo mais, se cabe, tamén abre a porta a un novo inicio. 


Pregarda Meu: https://orcd.co/saibranmeu

20251113-SAIBRAN-TRIOLOXIA-E-MEU

Carlos Ares, elixido Artista do Ano 2025 nos I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola AGEM

Carlos Ares, Artista do Ano 2025

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, elixen a Carlos Ares como  Artista do Ano e a Gandy como Persoa do Ano 2025

A directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e a súa contribución á difusión da cultura galega, como un talento innegable que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo, gañando centos de fans día a día

Na categoría de Persoa do Ano, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora destes I Premios da Industria Musical de Galicia, elixiron a Francisco Gómez, “Gandy”, polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega

Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025

A Asociación Galega de Empresas Musicais organiza así a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores no resto de categorías e se entregarán os galardóns a todos os e as premiadas

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, veñen de anunciar ás persoas seleccionadas neste 2025 pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2025 nesta primeira edición dos galardóns.

AGEM decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e a súa contribución á difusión da cultura galega, como un talento innegable que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo, gañando novas e novos seguidores día a día. Mentres, na categoría de Persoa do Ano 2025, foi elixido Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega.

Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025. A votación en liña finalizou o pasado luns, 10 de novembro, ás 23.59 horas e o proxecto máis votado nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi esta singular cita pontevedresa, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Noites do Porto ou o Atlantic Pride da Coruña. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible.

En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a Carlos Ares co galardón ao Artista do Ano nesta primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia. Destacamos o seu talento, a súa traxectoria e a súa contribución á difusión do talento galego”. Carballo apuntou, tamén, que “Carlos Ares consolidouse este ano no circuíto musical grazas a súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo. Son moitísimos os e as fans do artista que se suman día tras día e concerto tras concerto. Felicidades Carlos, noraboa!”.

Pola súa banda, Patricia Hermida, presidenta de AGEM, anunciou “que, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora dos I Premios da Industria Musical de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2025 a Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, pola súa traxectoria e o seu compromiso constante coa música en Galicia. Gandy é unha desas figuras fundamentais que, sen estar sempre diante dos focos, sostivo e sostén a estrutura do que somos como sector”.

Hermida destacou, tamén, que, “desde Copra Producciones, a súa empresa, Gandy contribuíu durante décadas a que a música suceda, que os artistas teñan escenarios, que o público viva experiencias memorables e que a cidade goce dunha vida cultural real e compartida. O seu traballo é esa labor silenciosa que constrúe comunidade: apoiar proxectos cando simplemente son unha intuición, abrir camiños, conectar persoas, crear espazos… E facelo sempre con profesionalidade, respecto, paixón é un sorriso na cara”.

A presidenta de AGEM engadiu finalmente: “Este recoñecemento ven a ser unha mostra de agradecemento colectivo pola súa constancia, pola súa visión, pola súa entrega de tantos anos e polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega. Grazas Gandy e parabéns por ser a Persoa do Ano nestes I Premios da Industria Musical de Galicia”.

Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas no resto de categorías destes I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM: 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.

As iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías xerais son:

·       Mellor deseño de iluminación: 

o   Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.

o   Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.

o   José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.

·       Mellor implementación de son:

o   Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.

o   Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.

o   Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.

·       Mellor empresa provedora de servizos:

o   Escena Sonora.

o   Luxevan.

o   Vacaline.

·       Mellor profesional de produción:

o   Paco Iglesias.

o   Victoria Blanco.

o   Xabi Carnota.

·       Mellor manager:

o   Aitana Cuétara.

o   Kin Martínez.

o   Manuel Tarrío.

·       Mellor produción discográfica:

o   Iago Pico, por Pouland Studios.

o   Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.

o   Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.

·       Mellor posta en escena:

o   Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA, de Mondra.

o   Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.

o   Tanxugueiras, Diana Ballesteros “Dii Feeling” e Manuel Escurís por DILUVIO, de Tanxugueiras.

·       Mellor promotor/a-programador/a:

o   David Pedrouzo, de Todo Medre.

o   Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.

o   Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.

·       Mellor proxecto de comunicación:

o   Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña, por Aquí tamén se fala.

o   The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.

o   Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.

·       Mellor identidade visual:

o   Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.

o   Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.

o   Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.

·       Mellor videoclip:

o   Lorenzo Negueruela, Yago Rodríguez, Mara Iglesias, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.

o   Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.

o   Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.

·       Mellor evento cultural / musical:

o   Noites do Porto.

o   Surfing the Lérez.

o   WOS Festival x SON Estrella Galicia.

·       Mellor espazo musical:

o   Sala Capitol.

o   Náutico de San Vicente.

o   Café Torgal.

·       Mellor proxecto de sustentabilidade:

o   Festival Agrocuir da Ulloa.

o   Festival de la Luz.

o   Festival Sinsal SON Estrella Galicia.

CARLOS ARES, ARTISTA DO ANO NOS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

Carlos Ares converteuse nun dos fenómenos musicais dos últimos anos en España. Desde o lanzamento do seu álbum de debut, Peregrino (2024), o artista galego non deixou de medrar. Despois de anos sendo un dos produtores de referencia da escena nacional, Peregrino supuxo un paso adiante na súa traxectoria, como unha proposta musical vangardista na súa concepción orgánica e un manifesto estético que acada a súa máxima expresión no directo. O traballo, que recolle as súas raíces galegas, o amor polo rural e a simplicidade na creación, consolidouno como un peregrino musical que explora e comparte a súa viaxe co público. 

Tras unha intensa xira en 2024 coa que presentou o disco por todo o país —e que pasou de contar con catro datas a ter máis de corenta—, o multiinstrumentista, cantautor e produtor nado na Coruña en 1997 embarcouse no proceso de creación de La boca del lobo, o seu novo álbum, que viu a luz o pasado mes de maio de 2025 e que serviu para revalidar o éxito do seu debut e ampliar unha base de fans ampla e transversal. 

Agora, Carlos Ares comeza a xira de presentación de La boca del lobo por salas de toda España, e faino dun xeito moi especial: colgando o cartel de “non hai entradas” en todos os concertos da xira —un total de 15—, desde La Riviera en Madrid ata a Sala Apolo en Barcelona, pasando por outras cidades como Bilbao, Toledo, Santiago de Compostela, Alacante, Oviedo, Burgos, Granada, Sevilla e Zaragoza. 

A xira de presentación de La boca del lobo será, sen dúbida, a confirmación de Carlos Ares como un dos artistas máis vibrantes da súa xeración e a consagración dun directo único, no que o galego se acompaña dunha banda de músicos talentosísimos —Mikaela Vázquez, Begut, Marcos Cao…—, que xa forman parte da propia esencia do seu proxecto.

Gandy, Persoa do Ano 2025

SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego. 

En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”. 

Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.

Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, hai un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións poden realizarse ata o día 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico

A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.

O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

MÁS INFORMACIÓN

2025.11.13.-NP-Artista-e-Persoa-do-Ano-AGEM

Teatro do Noroeste estrea o seu novo espectáculo, MANUAL DE PATRONAXE, este mes de decembro en Narón

Os días 5 e 6 de decembro, a compañía galega achega ao Pazo da Cultura de Narón a súa nova creación, con dirección de Clara Gayo sobre o texto de Nerea Brey, gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia en 2023

O espectáculo —unha oda ás coidadoras: ás nosas avoas— está protagonizado por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada, con produción executiva de Eva Alonso, escenografía e vestiario de Equipo Taetro e deseño iluminación e proxeccións de César Seijas

A peza é unha reivindicación, en clave feminista, de todos eses momentos que, pasando desapercibidos, son, non obstante, as puntadas que conforman o bordado da nosa vida

As entradas para a dobre función de Manual de patronaxe no Pazo da Cultura de Narón o venres 5 (20.30h) e o sábado 6 de decembro (20.00h) están xa dispoñibles na web https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/manual-de-patronaxe

Teatro do Noroeste desembarca en Narón este mes de decembro coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Manual de patronaxe. Deste xeito, os días 5 e 6 de decembro, a compañía galega achegará ao Pazo da Cultura de Narón a súa nova creación, con dirección de Clara Gayo, sobre o texto homónimo de Nerea Brey, gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia en 2023.

Manual de patronaxe é unha oda ás coidadoras: ás nosas avoas, que está protagonizada por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada, con produción executiva de Eva Alonso, escenografía e vestiario de Equipo Taetro e deseño de iluminación e proxeccións de César Seijas. A peza quere ser unha reivindicación, en clave feminista, de todos eses momentos que, pasando desapercibidos, son, non obstante, as puntadas que conforman o bordado da nosa vida.

As entradas para a dobre función de Manual de patronaxe no Pazo da Cultura de Narón o venres 5 (20.30h) e o sábado 6 de decembro (20.00h) están xa dispoñibles na páxina web https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/manual-de-patronaxe

O proxecto, que representa a nova liña creativa de Teatro do Noroeste, é unha obra de autoficción na que a personaxe da ‘escritora’ busca descubrir a súa identidade como muller e como creadora nunha crise creativa. A través dos recordos do pasado de cando era ‘nena’, descobre que a súa ‘avoa’, que era modista, foi para ela un verdadeiro modelo feminista. Manual de patronaxe é unha peza aberta e flexible que abre un suxestivo diálogo interxeracional.

En palabras da produtora do espectáculo, Eva Alonso, Manual de patronaxe é “un proxecto que marca unha nova liña creativa en Teatro do Noroeste, aberta xa hai un par de anos, que supón o inicio do cambio xeracional da compañía. Así, en Teatro do Noroeste conviven agora os proxectos habituais con estes novos, nunha transición tranquila”. Alonso apunta, tamén, que “eliximos o texto de Nerea Brey porque fala desde unha perspectiva feminista das coidadoras, en concreto, das avoas que, dalgún xeito, criáronnos a todas e todos. Fala do proceso de facerse adulta e reivindica os pequenos momentos e detalles que van tecendo as nosas vidas. Que o texto fora dunha autora contemporánea galega, nova, e que gañara o Premio Abrente da MIT de Ribadavia foron as guindas do pastel”. Sobre a nova colaboracion de Teatro do Noroeste coa directora Clara Gayo, quen xa dirixiu As damas de Ferrol para a compañía, a produtora confía no bo facer da directora e eloxia a súa mutua sintonía.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros.  Na súa última etapa, súmanse obras como Último verán en Santa CristinaAs damas de Ferrol ou Guerra, actualmente en xira por toda Galicia.

MÁIS INFORMACIÓN:

www.teatrodonoroeste.com

VENDA DE ENTRADAS:

https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/manual-de-patronaxe

NP_Teatro-do-Noroeste-MANUAL-DE-PATRONAXE

The Homens regresa aos escenarios e actuará o 21 de novembro na Sala MARDI GRAS da Coruña

A banda compostelá de power pop volve ao directo 16 anos despois do seu último disco e mantendo a súa formación orixinal

As entradas para a cita, imprescindible para entender o camiño percorrido pola escena galega nos últimos 25 anos, están á venda desde hoxe en Ataquilla.com 

O uniforme de raias máis recoñecible da escena galega volve aos escenarios tras unha década de ausencia. The Homens, a mítica banda compostelá de power pop, actuará coa súa formación orixinal o venres 21 de novembro na sala coruñesa Mardi Gras. As entradas están a venda desde esta mesma tarde na plataforma www.ataquilla.com

O trío compostelán é unha das pezas clave da escena musical galega e fundamental para entender o camiño percorrido pola mesma no último cuarto de século. Após a publicación do seu último traballo discográfico hai dezaseis anos, e unha década da súa retirada dos escenarios, LeRoi, Martin Wu e Xocas reuníronse de novo na última edición do festival Psicotroita. A xuntanza, na que revisaron temas dos seus catro traballos discográficos e ofreceron novas pistas desde feliz encontro, deu pé a retomar unha andaina ateigada de enerxía e luminosidade. 

A primeira cita en salas de concertos desta segunda etapa de The Homens, un dos grupos con máis quilómetros do panorama galego, será nun dos templos da música ao vivo do país: a Mardi Gras. O público máis nostálxico e melómano poderá volver gozar, en directo, dunhas das bandas máis aclamadas da nosa historia recente.



THE HOMENS NA CORUÑA
21 de novembro de 2025
Sala Mardi Gras
22.30 horas

Entradas á venda
www.ataquilla.com