A obra CORPO DA PALABRA, de Rafael Catoira, foi recoñecida cun accésit

No mediodía deste sábado tivo lugar a entrega de premios do VIII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino. Este certame é convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.

O xurado desta edición, integrado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, aos que acompañaba Martiño Maseda, con voz mais sen voto, reuniuse para deliberar e dar a coñecer o resultado de dita deliberación. Así acordaron conceder os seguintes galardóns:

1º Premio á obra Chernóbil revival, cuxa autoría corresponde a Abraham Pérez, que recibe 1.500 € e mais a edición da obra.

Accésit á obra Corpo da palabra, da que resultou autor Rafael Catoira, consistente na publicación de dita obra.

De Chernóbil revival o xurado salientou o seu propósito compositivo, onde destaca a estrutura en prosa poética alternando con outra estrutura versal máis clásica, e coa intencionalidade de brincar pontes entre espazos interiores e exteriores, nun xogo continuo de vibrantes imaxes, como un tránsito por lenzos abstractos de poesía, que desembocan nun corpus de reivindicación existencialista fronte ao cataclismo que se precipita sobre o tempo da vida.

De Corpo da palabra o xurado apuntou como, partindo dunha estrutura compositiva máis clásica có poemario anterior, supón un reclamo emocional da linguaxe, da palabra na súa esencia máis íntima, para servir de expresión configuradora dunha realidade que nos viste e nos afecta. Unha exaltación do ser a través do gume afiado da palabra que o rabuña e define.

O vindeiro 13 de decembro, no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase a presentación das obras de Fran Fernández Dávila e Amauta Castro,

e A vasteza do nó, respectivamente, premiadas na 7ª edición do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA.