Este vindeiro sábado 29 de novembro terá lugar un novo recital dentro do Ciclo 1/2 HORA DE POESÍA que se vén celebrando na taberna cultural A Despensa do Saa de Lugo. Baixo o lema Poesía contra a barbarie, esta nova sesión poética contará coa participación do poeta chairego Martiño Maseda, que estará acompañado pola tamén poeta e escritora Beatriz Dourado, encargada da presentación do autor nado na parroquia vilalbesa de Xoibán.

Esta iniciativa cultural, que comezou a finais do 2024, está promovida polo escritor Manuel Vázquez e polo propietario e activista cultural Xosé Manuel Saa Vázquez. Desde que botou a andar xa pasaron pola Despensa do Saa as voces literarias ou artísticas de Marica Campo, Luís Valle, Xulio Pardo de Neyra, Ánxela Gracián, Xulio López Valcárcel, Nieves Neira Roca, Toño Núñez, Xesús Trashorras, Diana Varela Puñal, Christian Villamide… ou a da propia Beatriz Dourado.

Ademais deste ciclo de recitais poéticos, na Despensa do Saa tamén se celebran presentacións de libros, coloquios ou conferencias, sen esquecer o acompañamento musical en moitas desas actividades culturais que acolle o local lucense.