GALICIA DESIGN WEEK inicia este venres 16 a súa sexta edición, marcada pola extensión do festival cara á cidade da Coruña e ao seu tecido creativo

  • A #GDW25 ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país
  • Este venres, entre as 17.00 horas e as 21.00 horas, celebrarase USUAL PLACES, unha serie de eventos singulares que terán lugar en espazos de barrio vinculados á cultura, á imaxe e ao deseño; e que inclúen concertos, exposicións, obradoiros e até a inauguración dunha librería

GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular e membro da prestixiosa organización  World Design Weeks, inicia este venres, 16 de maio, a súa sexta edición. Até o sábado 24 de maio, #GDW25 reunirá na cidade da Coruña o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais.

GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caraméns, é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego. Durante nove días ofrecerá unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, parladoiros, exposicións a ceo aberto ou sesións musicais. Todas elas forman parte dunha proposta que pretende poñer en valor un sector profesional e cultural fundamental para o país pola súa relevancia social e empresarial, ademais de abrir o deseño galego ao exterior.

Na súa sexta edición, #GDW25 pon o foco especificamente na relación co tecido creativo coruñés, a quen dedica toda a liña de programación OFF, actividades que se realizarán a partir de mañá, venres 16, de man de diferentes axentes creativos da cidade. A intención non é outra que estender o festival cara o propio sector á vez que visualiza, de cara á veciñanza, o papel dos seus profesionais.

A primeira das citas será USUAL PLACES, unha actividade organizada da man do proxecto coruñés USUAL. Desde as 17.00 e até as 21.00 horas, sucederanse as actividades en seis espazos de barrio vinculados á cultura, a imaxe e ao deseño, como son Austrohúngara, Casa Cecu, Rare Books for Rare People (Restory), The Future Fan Club, Two of Hearts, e Varaston. Estes locais acollerán exposicións, concertos, mercadiños, obraodoiros e proxeccións abertos á cidadanía ao longo da tarde. Ao remate, celebrarase unha quedada xeral no bar La Barra.

Ao día seguinte, o 17 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas, a liña OFF celebrará ORIXES, un encontro de arte, artesanía e deseño impulsado polas ceramistas Verónica Moar Risco no estudio deste último. A cita contará cunha convidada moi especial, como é a artista sonora Paula Pintos. A entrada é gratuíta, mais como espazo é limitado, recoméndase facer unha reserva previa reserva de praza a través da conta de Instagram de @orixes_encontros.

A programación OFF retomarase o mércores 21 co lanzamento da Burguer GDW ás 20.00 horas en Rosmon, local que acollerá unha exposición de pósters do deseñador gráfico galego Miguel Quiroga. Finalmente, o xoves 22, Malte Atochas será sede de USUAL SUMMIT, unha conversa entre mulleres creadoras sobre a capacidade do deseño como axitador cultural comisariada e moderada por Daniela Arias, responsable de USUAL.

Nesta conversa, que comezará ás 20.00 horas, e que xirará sobre os procesos creativos, as inspiracións ou a difusión dos mesmos, participarán Aldara Pardo e Laura Calvo, do colectivo Lengua de Fuego; Iria do Castelo, responsable de Castelo Studio; Leti Cabana, de Casita Salvaje; Victoria Blanco, de MASGALICIA e Raso Estudio; e Xulia Lago, da Grelería. A entrada será libre ata completar capacidade e poderase gozar, durante a conversa, da Burguer GDW.


PROGRAMACIÓN #GDW25


A programación da GALICIA DESIGN WEEK divídese en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade e que comezan este venres 16. 

A liña SHOW arrancou o venres 9 de maio con dúas exhibicións: a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or que presenta o máis salientable talento emerxente da comunidade. Ambas mostras poderanse visitar até o 24 de maio.  SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas deste ano.

Un dos pratos fortes será a liña da programación profesional PRO -que o sábado 24 de maio será 100% feminina. Contará con parladoiros da prestixiosa produtora catalana Canada, da gran tipógrafa catalana Marta Cerdà ou mesmo da escenógrafa pontevedresa Marta Pazos. Nesta parte PRO, tamén haberá espazo para unha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, da creativa internacional Isabelita Virtual, do estudio de arquitectura madrileño Burr, da axencia de branding Novagarda, da marca de moda Rígido e as súas creativas Carta et Stik; ademais dun taller de deseño de mobiliario impartido polo Grupo Malasa e outro de branding con Vagrant, que mostrará a nova identidade do festival de música Sónar de da propia GDW.

Ao peche das xornadas PRO, celebraranse as SESSIONS, que correrán da conta co DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente.

#GDW25

GALICIA DESING WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Dida, Goloso Coffee Counters, Gràffica, Malte, News&Coffee, Rosmon, Studio Follow e Usual. 

A #GDW25 ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.



PROGRAMACIÓN GALICIA DESIGN WEEK \ OFF

16 de maio, 17.00 a 21.00 horas \ varias localizacións
USUAL PLACES 

17.00h a 21.00h \ Two of Hearts Tattoo
Flashday e mercadiño con pezas de Garm BL, Fandi, El Diego, El Puma, Rachel Who!? e Little Tony

17.00h a 21.00h \ Casa Cecu
Obradoiros de pintar cerámica Birras & cerámica

17.30h \ Varaston
Fugaz x Mark Zlick; exposición de cerámica de Risco Estudio, Verónica Moar e Rípula; e DJ set

18.00 -21.00h \ Rare Books for Rare People (Restory)
Inauguración en Marqués de Pontejos, 9.

19.00h \ The Future Fan Club
Proxección Hope!

19.30h a 21.00h \ Austrohúngara Sombrerería
Expo de Milicia Gráfica e concerto de David L.H.

21.00h \ La Barra Bar
Peche da xornada

17 de maio, 12.00 horas \ Risco Estudio
ORIXES.  Con Verónica Moar, Risco Estudio e Paula Pintos

21 de maio, 20.00 horas\ Rosmon
Presentación Burguer GDW + exposición Miguel Quiroga

22 de maio, 20.00 horas \ Malte Atochas
USUAL SUMMIT Con Aldara Pardo, Laura Calvo, Iria do Castelo, Leti Cabana, Xulia Lago e Victoria Blanco. 
Modera: Daniela Arias


Máis información \ www.gdw.gal