
Falta apenas unha semana para que a compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro presente ao gran público a súa última creación no Auditorio do Cine Alovi da localidade coruñesa
Con Alta Costura, unha peza de linguaxe xestual sobre a industria ‘fast fashion’, Elefante Elegante convida a reflexionar sobre o consumo de roupa actual
As entradas para ver Alta Costura nas Pontes o sábado 24 de maio están xa dispoñibles a través de https://aspontes.sacatuentrada.es/
A compañía de teatro físico Elefante Elegante aborda o fenómeno da industria “fast fashion” coa súa última creación, Alta Costura. Esta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro terá a súa estrea absoluta en apenas unha semana, o sábado 24 de maio, ás 20.00h, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes. A peza é unha obra de linguaxe xestual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo.
A peza, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa. As entradas para a estrea están xa dispoñibles en: https://aspontes.sacatuentrada.es/.
Previamente, o pasado mes de abril, o Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, en Culledero, acolleu a preestrea do espectáculo en funcións escolares acompañadas dun proceso de mediación xunto á compañía, que ofreceu coloquios posfunción onde se recolleron e intercambiaron opinións co alumnado, que tivo a oportunidade de acompañar de cerca todo o proceso creativo da peza. Durante este proceso, Elefante Elegante realizou unha residencia artística no Concello de Culleredo, coprodutor de Alta Costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Agora, do 18 ao 24 de maio, a compañía de teatro físico traballará nunha residencia técnica previa á estrea absoluta no mesmo Auditorio Cine Alovi das Pontes.
SOBRE O ESPECTÁCULO
Alta Costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes.
Segundo datos recollidos en greenpeace.org, do libro La moda justa, de Marta Riezu (Anagrama, 2021) e do traballo divulgativo de Nicolas Olea, catedrático de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Granada, hoxe en día, consumimos un 60% máis de roupa que hai 10 anos. A roupa que se deposita para reciclar, a que se dona e a que se devolve, remata, na maior parte das veces, en praias e desertos convertidos en vertedoiros en África e América Latina. Unha camiseta require 2.700 litros de auga para súa produción, a mesma que un humano bebe en 2 anos e medio. Existen 3.500 produtos químicos rexistrados para a produción téxtil. Destes, 750 son altamente perigosos para a saúde.
A partir desta investigación, o traballo de Elefante Elegante aséntase nunha filosofía ecoloxista e defende os principios básicos de liberdade, igualdade e solidariedade, a partir dun xogo alegre no que a risa brota do sarcasmo, do impulso e da emoción do acto creativo relativo á realidade social e política na que hoxe vivimos. A compañía busca un teatro que non se acomode á psicoloxía nin ás ideas, senón que se converta nunha diversión brillante semellante ao cinema de Charles Chaplin ou Buster Keaton.
Alta Costura é unha creación de teatro visual que propón unha reflexión sobre as consecuencias tráxicas do fenómeno “fast fashion” a través dun espectáculo onde os performers, mediante a súa creatividade, usan o corpo como acróbatas e achéganse ás palabras como músicos que dominan o tempo, as pausas e o ritmo que esixe o feito de falar en escena. Elefante Elegante continúa a súa busca manifesta da estética con esta nova creación. A escenografía e o atrezzo teñen a dobre misión de articular o movemento físico e organizar o espazo escénico. As cores e as forman gañan protagonismo para potenciar a evocación simbólica da peza.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013, sendo o máis recente o recibido en 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.
ESTREA DE ‘ALTA COSTURA’, DE ELEFANTE ELEGANTE
Sábado, 24 de maio, 20.00 horas
Auditorio de Cine Alovi (As Pontes)
Venda de entradas:
https://aspontes.sacatuentrada.es/
MÁIS INFORMACIÓN