Este sábado 10 de maio, ás 12 h. na Casa da Cultura de Vilalba, celebrarase a presentación do poemario Meridiano Orixe, de Andrea Fernández Maneiro, obra gañadora no L Premio de Poesía do Concello de Vilalba.
Participarán en dita presentación, conducida por Xulio Xiz, ademais da propia autora, a alcaldesa de Vilalba Marta Rouco, a concelleira de Cultura Mónica González Fernández e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
Tamén se contará coa colaboración do músico Manel Dopico, que interpretará distintas pezas musicais coa guitarra, acompañando a Andrea Fernández Maneiro durante o recitado de poemas do seu libro.
O acto rematará coas palabras que dirixirá ao público asistente a alcaldesa de Vilalba e a posterior sinatura de exemplares por parte da autora galardoada.
Fillas de Cassandra presenta unha nova obra do universo Hibernarse: unha colección de xoias de cristal, feita a man, en colaboración con Toda Frágil
Hibernarse é un proxecto multiformato, híbrido e singular, cuxo núcleo é un EP que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, desta colección de xoias e doutras propostas que o dúo seguirá a desvelar proximamente
Con esta colección de xoias, obxectos e accesorios de cristal, presentes no videofilme Hibernarse, Fillas de Cassandra incide na súa reivindicación do traballo artesanal fronte á produción en masa e defende, novamente, os tempos necesarios para o desenvolvemento dos procesos creativos
As 8 pezas da colección Hibernarse faranse a man desde Toda Frágil mediante técnicas artesanais e poderanse encargar desde o 8 e até o 22 de maio
Fillas de Cassandra segue a desvelar novos mundos do seu universo HIbernarse. Se o pasado 10 de abril o dúo publicaba nas plataformas dixitais tanto un EP coma un videofilme, hoxe Sara Faro e María SOA anuncian unha proposta artesá, “feita a man” e especialmente vinculada a este último: a colección de xoias e obxectos de cristal Hibernarse, unha colaboración que nace da unión entre o dúo e a marca Toda Frágil.
A colección Hibernarse é unha serie de oito xoias e obxectos de cristal feita a man mediante as técnicas de traballo e soprado de vidro. A iniciativa nace do encontro entre Fillas de Cassandra e a marca de xoias Toda Frágil, liderada por Silvia Calvo; cadaquen desde o seu espazo, e ao seu xeito, estaba na procura de novas fórmulas de expresión.
Desta busca de “novos traxes” e da esencia compartida, do encontro entre a música, a fraxilidade do tempo e solidez do cristal, agroma unha pequena colección de pezas únicas, entre obxectos, accesorios e xoias. Unha colección onde a metáfora que presenta Fillas de Cassandra é tanxible. “As pezas de vidro soprado cicélanse co lume de arderse, coa delicadeza do que podería estar a piques de quebrantarse e coa certeza do que vai seguir aí após a hibernación. Todo feito a man, nun proceso coidado e artesanal cuxo resultado é único e singular”, sinalan María SOA, Sara Faro e Silvia Calvo.
Precisamente estes pendentes, aneis, tesoiras, flores ou pasadores de pelo formaron parte do videolfilme Hibernarse, mais agora estarán á venda por un tempo limitado a través da páxina web www.todafragil.com: desde mañá, 8 de maio, a partir das 21.00 horas, e até o xoves 22 (23.59 horas). Ademais, todas as persoas que adquiriron no período de prevenda o vinilo de Hibernarse, obterán un código de desconto -que enviará Altafonte a todas as compradoras- que poderán empregar no proceso de compra das xoias.
Esta colección é unha peza máis de Hibernarse, o novo proxecto multiformato de Fillas de Cassandra que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un álbum, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias e outras sorpresas conforman un universo que o grupo revelará, ao completo, proximamente; e no que o dúo defende firmemente o respecto sobre os tempos necesarios para o desenvolvemento do traballo manual así como da autenticidade e identidade da artesanía.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar por María SOA e Sara Faro, as artistas que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa poñendo o foco sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
O EP Hibernarse, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, pódese escoitar nas plataformas dixitais. O traballo físico, un vinilo que se acompañará dun fanzine ateigado das imaxes, reflexións, apuntamentos e lembranzas que María SOA e Sara Faro atesouran destes dous últimos anos, pódese reservar a través da páxina web de Altafonte.
O IEU organiza para o sábado 10 e o domingo 11 de maio a presentación na Ulloa do número 8 da revista Cairón, que, ademais dos apartados habituais, dispón dun apartado especial sobre o confito de Altri.
As datas de tales presentacións son as seguintes:
O sábado 10 de maio ás 12,00 h será presentado en Monterroso, na sede do IEU. O sábado 10 de maio ás 18 h na Casa da Cultura de Antas de Ulla. E o domingo 11 de maio ás 12 h no Salón de plenos da Casa do Concello de Palas de Rei.
En calquera das tres presentacións os socios do IEU poderán recoller os exemplares de Cairón nº 8. E no caso da presentación na sede de Monterroso terán á súa disposición exemplares de números anteriores.
O público pode escoitar nas plataformas dixitais as once cancións ou estados do corpo que integran o disco, un traballo atravesado pola sexualidade, o amor propio, a comunidade e o valor da mocidade
A Sala Capitol acolle esta fin de semana os concertos de presentación de DE RONDA e a estrea do novo espectáculo co que Mondra xirará neste 2025
As últimas entradas dispoñibles para o directo do venres 9 están á venda en www.salacapitol.com
DE RONDA, o segundo LP de Mondra, xa está dispoñible desde hoxe, martes 6 de maio, nas principais plataformas dixitais. O novo álbum do cantareiro e bailador, publicado da man de Altafonte, chega dous anos despois do seu exitoso debut con ARDĒN. Desta volta, Mondra propón un disco persoal e íntimo, á vez que irreverente e desenfadado; un traballo autoral, mais sempre en diálogo constante cunha manchea de elementos propios da tradición oral galega.
DE RONDAé un álbum no que Mondra presenta un novo son, máis orgánico e fresco, da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz). Neste disco, o artista aborda “a sedución, seducir ou ser seducido” a través de once cancións ou “estados do corpo” que se poden dar nunha noite de ronda. Desde o desexo ou o impulso sexual até a aceptación ou mesmo da ruptura. Deste xeito, Mondra presenta unha escolma moi persoal de pezas que soan contemporáneas, mais que son traídas e interpretadas a través de elementos que tamén son doutro tempo. Ás xa coñecidas vale máis un canciño, teño caldo quente, por te ver ou férveme o cú, agora súmanse novos temas que completan o relato musical.
Así, DE RONDAarranca con ata que enrouqueza, que aborda as noites sen medida; para continuar con por te ver -sinxelo publicado o 10 de abril- e achar con quen casar, que se mofa do casamento e aborda os xuízos sociais. O impulso sexual faise explícito con férveme o cu, para dar paso á aceptación e ao amor propio con se queres; que serve de preámbulo a púxenme guapo, que transita amablemente por todas as sensacións que se viven nunha noite ata o regreso a casa.
O sétimo estado do corpo é a evocadora e retranqueira teño caldo quente, o segundo avance do disco; mentres que viva viva pon en valor o carácter comunitario da propia ronda. Neste punto chega vale máis un canciño, a reflexión anticapitalista coa que Mondra anunciou a saída do álbum; e como se colea, que aborda a loita entre o desexo e a toxicidade, coma se fose “un peixe que atrae é, a vez, atrapa”. Finalmente, DE RONDA despídese co tema ventilar o cuarto, que conta coa colaboración de Antía Ameixeiras, e que fala da ruptura e de deixar ir. O traballo complétase con once pezas audiovisuais -que corresponden a cada un dos temas do disco-, producidas polo propio artista e polo estudio elmembrillo baixo a dirección creativa de Zeltia Iglesias, e que tamén se poden ver desde hoxe na canle de VEVO de Mondra.
Mondra recunca na Capitol Logo deste lanzamento, Mondra concentrará todas as súas enerxías na dobre presentación pública de DE RONDA desta fin de semana na Sala Capitol nun espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez. Aínda que inicialmente estaba previsto un único concerto para o sábado 10, tras esgotar todas as entradas nun tempo récord, o cantareiro anunciou nas redes sociais unha segunda data no mesmo recinto: a noite anterior.
Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza. Nas dúas sesións, ademais, haberá artistas convidadas. Aínda quedan algunhas entradas para a cita do venres 9, desde 18 euros, na páxina web salacapitol.com.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica; mais tamén galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA. Este mes de maio Mondra lanza o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA.
Tracklist DE RONDA (enlace a cada un dos 11 videoclips).
Este domingo 11 de maio, antesala do gran día das Letras Galegas adicado ás Cantareiras, desde Castiñeiro Milenario propoñen a revisión do filme documental “Dorothé na vila” dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío sobre a viaxe que a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth fixo a Galicia nos anos 70 e que tivo unha importancia capital para (re)descubrir a grandísima tradición oral gardada polas mulleres durante décadas.
A proxección será na Casa da Cultura de Begonte a partir das 18 horas e de balde ata completar aforo. Posteriormente celebrarase un pequeno debate con Carolina Vázquez, mestra e recoñecida tocadora das Adufeiras de Salitre e Roberto Rodríguez, mestre de canto e pandeireta e recoñecido “recolledor” de música tradicional, para que nos falen da súa visión da película, da música tradicional, das recolleitas e de calquera tema relacionado coa nosa música.