O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes
As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores e, prioritariamente, en lingua galega- poden presentarse até o 20 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com
O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas
As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 3 e o 26 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo
As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasiopara maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da novena edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 26 de outubro de 2025.
Neste 2025, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 20 de xuño.
288 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN OITO ANOS
Ao longo dos seus primeiros oito anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros oito anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2024, o FIOT recibiu un total de 44 propostas para participar no Micro-Escenas M2,tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #33FIOT (das cales, 4 eran estreas absolutas) foron: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. Finalmente foiRespira, da Compañía Sempre Arriba, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #33FIOT, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.
A Galería NÉBOA acollerá un novo evento cultural o vindeiro sábado, 10 de maio, ás 12.00 h. Con motivo da súa publicación no proxecto editorial Fueradcarta, presentarase en dita galería o libro de artista Quisiera ser selva, intransitable, incógnita…, de Christian Villamide. Esta edición limitada, asinada e numerada, forma parte da exposición Bufet libre. (La casi) Una década de Fueradcarta,actualmente en CentroCentro (Madrid) e comisariada por Javier Díaz Guardiola.
Durante o acto, Christian Villamide acompañará e realizará unha visita guiada pola exposición Cando a paisaxe se fixo verba, comisariada por Paula Cabaleiro e aberta ao público na Galería NÉBOA ata o 31 de maio.
O libro ofrece unha reflexión visual e poética sobre a tensión entre natureza e artificialidade, e propón un percorrido íntimo por territorios transformados, onde o artístico se converte nun acto de resistencia e beleza.
A publicación poderá consultarse e adquirirse na galería desde o día da presentación.
Christian Villamide (Lugo, 1966) é un artista multidisciplinar. A súa obra aborda a interacción entre o mundo natural e o artificial, explorando a transformación da paisaxe e as contradicións do ser humano en relación coa súa contorna. A través da pintura, a fotografía, a escultura e as instalacións, constrúe unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do home.
Villamide traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. O crítico Antón Castro describe o seu traballo como “unha expansión do concepto de pintura cara a un espazo de comportamento máis real, onde os sentidos e as emocións se integran na experiencia artística”.
O seu proxecto artístico, con influencias do conceptualismo, busca establecer unha comunicación tanto social como íntima co espectador, evidenciando o crecente desapego emocional e intelectual co espazo natural. A súa obra invita á reflexión sobre a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante.
Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Maleza” (Fundación RAC, Pontevedra, 2023), “In Landscape Mode” (CGAC, Santiago de Compostela, 2019), “PERturbacións” (CAB, Burgos, 2019), mostra site-specific comisariada por Javier del Campo, “Hortus Conclusus” (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e “A Paisaxe contra a Parede” (Museo Provincial de Lugo, 2016).
A súa obra estivo presente en numerosas mostras colectivas, bienais, feiras e certames, destacando a súa participación na “XXXII Bienal de Arte de Pontevedra” (Pontevedra, 2025), “Simultánea” (A Fundación Vigo e Lugo, 2024), “JustMad” (Madrid, 2023), “Art Madrid” (Madrid, 2018), na “II Bienal de Canarias, Arte Paisaxe y Arquitectura” (Círculo de Bellas Artes, Tenerife, 2009) e na exposición “Foron Novísimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol, 2003). Ademais, recibiu varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes puntos de España, e a súa obra forma parte de coleccións de entidades públicas e privadas como o Centro de Arte CAB – Fundación Caja de Burgos, MAC (A Coruña), a Colección Caja Canarias (Gran Canaria), Afundación, Caja Madrid, a Delegación de Cultura de Lugo, o Museo Municipal de Ourense, a Fundación de Arte Ana Torre (Buenos Aires), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e o Museo Provincial de Lugo.
O tema rescata coplas populares que se fusionan sen estridencias coa música da banda liderada por Lucía Aldao
‘8 sílabas’ soará por primeira vez en directo no concerto de PAVA deste venres, 9 de maio, na Sala Riquela de Santiago
As entradas para cita, a primeira actuación da banda en Compostela após a publicación do seu último EP, están á venda en entradium.com
PAVA, a banda liderada por Lucía Aldao, vén de presentar 8 sílabas, un tema que fai unha chiscadela á poesía popular escoitada pola artista coruñesa na súa infancia. Catro desas coplas trénzanse con estrofas de autoría propia nun tema xoguetón que funciona como homenaxe á poesía popular e como recordatorio de que “cabe a vida e máis en oito sílabas”. A canción chega acompañada dun videoclip editado por Pablo Silva xa dispoñible nas redes.
8 sílabas soará por primeira vez en directo no concerto deste venres, 9 de maio, a partir das 20.30 horas, na Sala Riquela compostelá. As entradas para a cita, que será primeira actuación da banda en Santiago após a publicación do seu terceiro EP, titulado Pava 3, están á venda, por 12 euros, a través da plataforma web entradium.com.
Neste traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada.
PAVA é a banda gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. Liderada por Lucía Aldao, conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. En decembro do 2024 publicaron Pava 3, o seu terceiro EP.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘PAVA 3’ EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
DENTRO DEL PUBLÍCASE FANTASMAS QUE SE OCULTAN, O TEMA PRINCIPAL DO TRABALLO
Un final que parece un principio. Esta é a frase que se crea ao xuntar os títulos dos dous EP de Gala i Ovidio que saíron no últimos tres meses, as primeiras cancións da súa traxectoria, os primeiros pasos xuntos deste dúo formado por Aida Tarrío e Raül Refree. Hoxe, baixo ese Que parece un principio, abren un novo camiño na súa traxectoria.
Este segundo EP, unha colección de seis cancións das que xa coñeciamos dous adiantos, Sí quiero e No puedo, é un novo xiro musical cara a terreos da canción pop, sempre experimentando coas texturas e emocionando coas melodías e as letras. Aínda que a primeira entrega, o primeiro dos dous EPs, trataba o concepto da perda, o baleiro e o final, a fogueira onde se queiman os barcos para comezar unha nova vida, Que parece un principio narra a procura dunha nova vida, a ferida en proceso de curación e a dificultade de atopar o amor cando non se está preparado. Uns textos que na voz de Aida resoan honestos e emocionantes e lévannos a imaxinar unha viaxe persoal que, ilustrado por un concepto musical tan arriscado como redondo e profundo, parécenos tan único que o facemos noso. Quen non tivo que volver comezar algunha vez? Quen non se sentiu incapaz de amar de novo?
Do mesmo xeito que en Un final, Que parece un principio acaba cunha canción tradicional, unha espadelada, que conducida por sorpresa ao terreo do noise, mesmo do metal, e da enerxía extrema lémbranos as raíces do grupo, onde se atoparon e cal é sempre é punto de partida e a orixe musical destes dous músicos que xuntos deron vida a unha das formacións máis excitantes do ano.
Foto: Beto Pinto
Fantasmas que se ocultan, focus track do EP
Fantasmas que se ocultan exerce como canción principal do segundo EP de Gala i Ovidio, vendo a luz dentro do traballo discográfico. O dúo entrega con este tema unha melodía redonda e emocional que é sen dúbida unha das cancións máis pop do seu repertorio e unha peza que mostra un rexistro que non viramos antes. Guitarras arpexadas que se mesturan con ritmos electrónicos e órganos esnaquizados para dar forma a unha homenaxe evidente á cidade onde se coñeceron, Santiago de Compostela, e a todas as pantasmas que, como en calquera cidade, se agochan nos recunchos das rúas laberínticas que forman o seu casco antigo. Unha cidade, un pasado e unha espera que non remata nunca, Gala i Ovidio e unha viaxe que xusto está a empezar pero que xa deu algunhas das mellores cancións do ano.
Foto: Pol González Novell
Aida Tarrío
Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.
Raül Refree
Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”
Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.
A actividade conta tamén coa participación da etnomusicóloga Beatriz Busto e será o vindeiro 15 de maio, ás 20 horas, con entrada libre ata completar capacidade
‘Alvela. Do arquivo ao disco’ enmárcase dentro da programación paralela á exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ do Museo do Pobo Galego
A conversa entre FAIA e Beatriz Busto revelará a vinculación de ‘Alvela’ co arquivo do museo e o proceso de traballo do disco
FAIA vai presentar o seu novo disco no marco da conversa Alvela. Do arquivo ao disco no Museo do Pobo Galego o vindeiro xoves 15 de maio, ás 20.00 horas. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión producida polo museo co gallo das Letras Galegas 2025, contará coa participación da antropóloga e etnomusicóloga Beatriz Busto e terá entrada libre ata completar capacidade.
Nesta conversa o público poderá coñecer de primeira man a estreita vinculación de Alvela co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do museo e os detalles do proceso de traballo do disco. Alén diso, será tamén a presentación pública do vinilo porque aínda que Alvela foi lanzado nas plataformas dixitais o pasado 23 de abril, é agora cando é posible adquirilo en formato físico, con portada e ilustracións da artista plástica Blanca Gracia.
Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
FAIA convida á conversa no Museo do Pobo Galego
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentou Alvela, o seu segundo traballo.
CONVERSA CON FAIA
Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Bustos Xoves 15 maio | 20.00 h | Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) Entrada libre ata completar capacidade