Andanzas do Suso de Lameliña. NOITES DE CAMINHA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

NOITES DE CAMINHA

A piques de rematar este segundo ano de pandemia, cheo de incerteza e malas novas, pode ser bo momento de viaxar no tempo á raia, xusto onde as augas do Coura se xuntan coas que de Irimia baixan. Falamos de Caminha e da foz do pai dos ríos, do Pinhal do Camarido, onde medra a fermosa camarinha do Atlántico, onde o Minho se entrega ás súas bravas augas,  ante a presenza silenciosa do Forte da Ínsua e de A Guarda e Santa Trega, na outra beira.

Retrocedemos a un verán calquera de xa  hai uns cantos anos, á casa da amiga Dina, moi coñecida na vila por pasar dun lado a outro da raia pequenas cantidades de produtos. Para elo, erguíase cedo e ,cargada de mercadoría e unha nota de encargos, saía á estrada, onde agardaba a que alguén a levase a Tui. En Tui, na tenda dunha amiga, deixaba os produtos encargados e regresaba con outros e outra nota de pedidos. Ao chegar, despois de levar a carne ou o chocolate (eran dos produtos máis solicitados) aos veciños que llos pediran e de xantar, saía polo centro da vila por ver se atopaba algún turista  para facer o troco de pesetas por escudos. A señora Dina, filla dun matrimonio de Camposancos, que, por mor da guerra, os seus pais se viron na necesidade de pasar a esta beira do Minho. Unha gran muller que, grazas a estes pequenos “trapicheos”, foi sacando a familia adiante  Na súa casa adoitabamos pasar parte do verán, ás veces en xullo e outras en agosto.

Tería moitas cousas que contar, pero hoxe do que vou falar eran das noites, noites calorosas de verán, nas que non apetecía deitarse ata ben pasada a medianoite. Rematada a cea, marchabamos para a Praza Conselheiro Silva, popularmente coñecida coma “O Largo”, o centro da vila, no medio da cal se atopa un fermoso “chafariz” (fonte),  construído por João Lopes, O Velho. Afamado canteiro do Porto, ao que tamén se deben dúas populares fontes: unha na Praça da Rainha en Viana do Castelo e outra na Praza da Ferrería en Pontevedra. O seu fillo, João Lopes, O Filho, continuou coa tradición familiar, e a el débese, entre outros, o chafariz da Praça da República de Viana. Nesta mesma praza tamén se atopa a famosa Torre do Relogio, que outrora foi unha das portas da muralla da vila. E, por suposto, cafeterías, tendas, o club Caminhense…

Saïamos da casa, ben untadiños para protexernos dos mosquitos, xa que  ao irse facendo noite chegaban da foz do Minho co ruín propósito de  chuchar o sangue de turistas e veciños. Estes últimos para mofarse de nós, dicían que viñan da Galiza, e logo soltaban o famoso proverbio: ” De Espanha, nem bom vento, nem bom casamento”. 

E alí,  sentados nun banco ou tomando algo na terraza dunha cafetería, cando non, no Club Camiñense, agardabamos parolando cos amigos e amigas a que a calor fose dando paso á fresca. Mentres os fillos eran aínda pequenos, xogaban cos nenos e nenas da vila, a carón do chafariz ou polo medio das cafeterías á pelota ou ás agachadas. 

Alí tiven a fortuna de coñecer as vidas e as historias de moitos  caminhenses senlleiros, coma os casos de María, a pescantina, de Ze e as súas esaxeracións falando do que pescara, de Catarina e João, grandes expertos en cantares ao desafío (as nosas regueifas), de Manuel, relatando contos de sereas, meigas ou nenos lagartos… Pero, de entre todos, un dos máis afamados e co que máis trato tiven foi, Josė Maria Gavinho Pinto. Un home singular, que tiña alí mesmo no Largo unha tenda onde vendía de todo, entre outras cousas os seus libros de poemas, ben visibles no escaparate ao lado dunhas toallas, unhas potas ou unha caixa de ferramentas.

Gavinho, escribía poemas de loanza a Caminha e ás terras do Minho, tanto dun lado coma do outro. Era un gran conversador e botaba a maior parte do tempo fóra da tenda, a carón do chafariz ou paseando e charlando con veciños e forasteiros. Unha das súas conversas favoritas era Angola, onde estivera uns anos nun barco de cabotaxe, e, por suposto, de poesía, animándose ás veces a recitarnos algo. Era un grande amante da Galiza, da Galiza que non morre, aquí, no Minho, senón que chega ata o Mondego, como adoitaba dicir. Un dos seus grandes amigos de aló da foz era Neira Vilas, co que dicía ter moito trato. E así era, tempo despois lendo “Xentes e camiños”, libro do autor de “Memorias dun neno labrego” , atopei un capítulo adicado a quen el chamaba ” O poeta de Caminha”.

“Ondas de mar de Caminha” é o seu libro máis popular do que teño un exemplar adicado que gardo con moito cariño e do que aquí deixo unha mostra, para rematar este breve percorrido por estas fermosas e queridas terras.

RIO MINHO

Lá vai o rio sereno
Sempre a correr sem parar
Vem lá das terras de Lugo
Para se juntar ao mar.

Acordai, corações da minha terra,
Evitai destruir tanta beleza,
Preservemos con carinho
As águas do rio Minho,
A nosa mãe natureza.

Passarinhos da Galiza
Têm ninhos en Portugal
Os caminhos são os mesmos,
E a paisagem é igual.

Lá para os lados da barra,
Há uma beleza tamanha:
Onde o Minho se despede
De Portugal e de Espanha.

Suso de Lameliña

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

A urxencia da creación, a necesidade imperiosa de alzar a voz dende a tinta impresa, o impulso primixenio da artesanía, aquel que lle deu forma ao universo dende o inicio dos tempos, facer do caos algo perfecto, facer da perfección un deconstructo imperfecto do espazo, do tempo, da sociedade, da vida, dos azos, das arelas.

Cada persoa esconxura os males dun xeito ou outro, o meu avó era carpinteiro e os seus poucos anos de escola déronlle para aprender a ler e escribir, nunca moitos libros tivo, só un herdado do seu avó, tamén carpinteiro e que gardaba no bandullo a escrita de varias xeracións nas marxes dos proxectos de carpintería, aprendendo a recoñecerse polo trazo do grafito na celulosa. El deunos o herdo da palabra escrita, da necesidade do impulso lector que rematou por concretarse nunha bibliopatía que a día de hoxe aínda me persegue.

A avoa deunos o herdo da fala, das cantigas e recitares aprendidos de memoria, da expansión. O seu era esconxurar os males e as preocupacións no seu refuxio, aquela cociña na que traballaba, a da casa e a que lle deu cartos nos veráns cociñando para aqueles rapaces de poucos recursos que viñan da capital a un campamento a carón do mar. Ela fora moi poucos días á escola, porque ese era un galano reservado para os homes da casa. Difícilmente ganduxaba o seu nome, e xa de ben maior foi á escola de denoite, pero escribir todo o que sentía éralle moi traballoso e leváballe un tempo que non tiña. Inda a lembro estonando as patacas sobre un cesto que poñía no regazo, a carón do vertedoiro. Alí berraba polo baixo coas veciñas por non dicírllelo á cara e quedar a mal con elas; laiábase dos males do mundo e escoitaba promesas políticas do outro lado da radio que sempre zanxaba dicindo “a estes poñíaos eu a traballar e verías ti como funsionaba o país”.

Eu sempre fun máis de poñer en papel o que me bulía por dentro e aquí estamos, deixando levedar o amor de tantas xeracións polo idioma.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Principio de incerteza

Autora: Pilar Ortega

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2018

Menos de cen páxinas abondan para contar unha historia tan interesante como a de Lía, unha profesora de física nun instituto de secundaria, que se veinmersa nun conflito emocional cunha alumna. 

Merecedora do Premio Ánxel Fole de narrativa curta 2017, esta novela de Pilar Ortega saca á luz asuntos aínda silenciados, poñendo en evidencia as dificultades de comunicación que existen entre as persoas na era da hiperconexión.

Baixo a metáfora do principio de Heisenberg, asistimos a unha viaxe que nos interpela a cada paso, que establece relacións entre as experiencias propias e alleas, desfacendo calquera suceso casual da nosa existencia.

Sen dúbida, Principio de incerteza é unha obra valente, que ousa relatar aquelas leccións vitais que se agochan tras o currículum oculto. Quizais sexa este, motivo máis que suficiente, para apostar por lecturas que nos afasten do exceso de edulcorantes destas datas.

Velaquí un petisco: “Hai estrelas que desaparecen devagar. O seu diámetro engorda ao longo de millóns de anos ata convertelas en xigantes vermellas e despois decrece para deixalas reducidas a ananas brancas, estreliñas insignificantes que acabarán por conxelarse e esmorecer para sempre na noite dos tempos”.

Presentación das obras HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, e UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, no Museo das Aves de Cospeito

Este sábado 18 de decembro, a partir das 12 horas, no Museo das Aves de Cospeito terá lugar a presentación da obra gañadora e mais da finalista no III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ. HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, é UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, 1º e 2º premio respectivamente, sairán nunha primeira edición baixo o selo da Editorial Toxosoutos, na súa colección poética letra inversa.