Título do libro: Principio de incerteza
Autora: Pilar Ortega
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2018
Menos de cen páxinas abondan para contar unha historia tan interesante como a de Lía, unha profesora de física nun instituto de secundaria, que se veinmersa nun conflito emocional cunha alumna.
Merecedora do Premio Ánxel Fole de narrativa curta 2017, esta novela de Pilar Ortega saca á luz asuntos aínda silenciados, poñendo en evidencia as dificultades de comunicación que existen entre as persoas na era da hiperconexión.
Baixo a metáfora do principio de Heisenberg, asistimos a unha viaxe que nos interpela a cada paso, que establece relacións entre as experiencias propias e alleas, desfacendo calquera suceso casual da nosa existencia.
Sen dúbida, Principio de incerteza é unha obra valente, que ousa relatar aquelas leccións vitais que se agochan tras o currículum oculto. Quizais sexa este, motivo máis que suficiente, para apostar por lecturas que nos afasten do exceso de edulcorantes destas datas.
Velaquí un petisco: “Hai estrelas que desaparecen devagar. O seu diámetro engorda ao longo de millóns de anos ata convertelas en xigantes vermellas e despois decrece para deixalas reducidas a ananas brancas, estreliñas insignificantes que acabarán por conxelarse e esmorecer para sempre na noite dos tempos”.