Andanzas do Suso de Lameliña: A ROMARÍA DO CARME DE VILABADE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A ROMARÍA DO CARME DE VILABADE

Das romarías do concello de Castroverde, a da Virxe do Carme, a un quilómetro de Vilabade, foi no seu tempo unha das de maior tradición e concorrencia de fieis e amantes do bo xantar e a esmorga. Actualmente perdeu parte do seu esplendor, e non só por mor da pandemia. O despoboamento do rural e o cambio de costumes da xente nova fixeron que ano tras ano fora perdendo pulo.

Nunha variante do Camiño Primitivo, despois de baixar de A Baqueriza, alto que delimita os concellos de Baleira e de Castroverde, álzase unha pequena ermida, construída a principios do século XVII por iniciativa da familia Montenegro- Páramo Osorio Ulloa; crese que sobre un antigo santuario vinculado ao hospital de Peregrinos de San Gabriel.

Trátase da ermida en honra á Virxe do Carme. Ermida que se atopa no medio dunha fermosa carballeira; coma diría o asturiano Xurde Morán, gran coñecedor do Camiño Primitivo, “en un paraje deliciosamente mágico y encantador, absolutamente de cuentos de hadas”. A carón dela encontramos a fonte do Romeiro, vinculada aos peregrinos, coma o seu nome indica. Fonte onde é preciso deterse e botar un bo grolo das súas frescas e cristalinas augas.

“Fuente y capilla, campo de romeros y carballos, aportan especial solaz y sosiego a la estampa. Difícil sustraerse a la tentación, con la excusa de pararse a descansar y beber agua, de dormir una apacible siesta o relajarnos releyendo nuestros mapas y guías”, volve dicirnos Xurde Morán, no seu espléndido blog adicado ao Camiño do rei Afonso II o Casto.

Todos os primeiros domingos do mes de agosto celébrase a citada romaría. Eu hai moitos anos que non acudo a ela, pero cando era neno, e logo xa máis mozo, non me perdía unha. O meu padriño, José, xunto co cura D. Manuel, foi un dos encargados de recuperar a tradición que estaba case esquecida, pasando a ser a romaría máis importante do noso concello e dos concellos limítrofes. Alí todos os anos acudían fieis e non tan fieis a pasar o día, enchendo a carballeira e prados contiguos, acotío tan silenciosos, de merendas e de xolda.

Un dos que nunca faltaba era “Epiteto”. Por este nome moitos/as non se darán conta de quen falo, pero se digo Paco Pestana, coido que non me será preciso dar máis explicacións. O alcume de Epiteto, vén de cando un día, ante unha pregunta do mestre, no canto de responder epíteto, respondeu epiteto, e xa lle quedou para sempre. Paco, despois de deixar a comuna de Negueira, veuse cun amigo vivir na vivenda da escola de Rodinso, moi preto da casa de Lameliña, de onde era o meu padriño José. Alí foi onde empezou a traballar cos toros dos carballos ou castiñeiros e a ter máis relación con José, “Padre escapulario”, que era así coma era coñecido na comarca, por portar un grande escapulario da Virxe ao pescozo durante os días de romaría ou cando se celebraba algunha misa na citada capela. 

Dúas persoas totalmente diferentes. “Epiteto”, ateo radical e “Padre escapulario”, católico fervente, membro da Adoración nocturna na catedral de Lugo e de misa diaria. Algo que non impedía que tivesen unha boa relación e que todos os primeiros domingos de agosto coincidisen na carballeira do Carme, cada un co seu cometido. José preocupado polas misas e polas contas da confraría e saíndo a dar a súa prédica relixiosa ao palco dos gaiteiros e Paco de troula polo prado ou subíndose a un carballo para predicar o amor libre ou o primeira cousa que se lle viña á cabeza. Algo, si tiñan en común, o baile; cando os gaiteiros se poñían a tocar unha muiñeira ou unha xota, ou a orquestra Variedades de Viveiro, que nunca faltaba,  alí estaban os dous dispostos a botar unha baila.

A capela do Carme, lugar de obrigada visita. Visita non sen antes facer unha parada en Vilabade e visitar a súa fermosa praza, con dous monumentos salientables: o pazo do S. XVII e a Igrexa de Santa María, coñecida como a catedral de Castroverde. Igrexa do S.XV, de estilo gótico, con elementos do barroco e neoclásico na fachada e unha soa nave abovedada. No interior destaca a imaxinería e altares do S.XVI. Actualmente está considerada Ben de Interese Cultural. 

Suso de Lameliña

Representación da ópera folk ‘María Soliña’ no Auditorio Gustavo Freire de Lugo

O espectáculo escenificarase mañá, sábado 4, no Auditorio Gustavo Freire

·       O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu a un dos ensaios da peza de Nacho Mañá

·       Esta ópera mestura a música clásica coa música folk e nela participan, entre outros, Anxo Lorenzo e Anxo Pintos

Xa está todo listo para a ópera María Soliña que se vai representar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo mañá sábado 4. O espectáculo é autoría do compositor Nacho Mañá e mestura a música clásica coa música folk dun xeito pioneiro que ten como resultado a primeira ópera folk galega. A representación de María Soliña na cidade lucense é posible grazas á colaboración do Concello de Lugo e mais da Xunta de Galicia no marco da convocatoria extraordinaria de subvencións para espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu a un dos últimos ensaios da ópera folk galega María Soliña, antes da súa escenificación. As entradas pódense adquirir na web Enterticket a un prezo de 15 euros máis gastos de xestión. Na billeteira terán un custo de 18 euros.

Unha Soliña revisada

A obra narra a historia de María Soliña, unha canguesa de 70 anos que no século XVII foi acusada de bruxería polo Tribunal da Inquisición de Santiago e foi despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos. Nacho Mañá baseouse na peza teatral “A defensa da vila” de Xosé Manuel Pazos, exalcalde de Cangas e tamén dramaturgo, pero reinterpretouna desde unha perspectiva máis moderna, facendo fincapé nos valores de loita e poder feminino que Soliña encarnou ao longo da súa vida.

A soprano Patricia Rodríguez será a responsable de dar vida a María Soliña mentres que o tenor Diego Neira interpretará o papel do seu home, Pedro Barba. O contratenor Christian Gil-Borrelli será Sabela,a personaxe antagonista da historia, e o resto do elenco completarase co baixo Beltrán Iraburu no rol do inquisidor, co actor Lois Soaxe como o narrador cego e coas Arreneghadas no coro.

A designación de ‘opera folc’ para este espectáculo non é unha cuestión gratuíta. A mestura da música clásica e mais o folk galego queda patente no uso de instrumentos a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e nas contribucións do gaiteiro Anxo Lorenzo e do mestre de zanfona Anxo Pintos. A dirección musical de María Soliña é reponsabilidade de Roc Fargas e a dirección escénica leva o selo de Sigfrid Monleón.

Velaquí a nota informativa.

http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/soprano_Patricia_Rguez-opera_Maria_Solina.mp3

http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/director_musical-Roc_Fargas-Maria-Solina.mp3

http://culturaliagz.com/wp-content/uploads/2021/12/Jacobo_Sutil_Agadic.mp3