Andanzas do Suso de Lameliña: BAR PARRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

BAR PARRA

BAR PARRA

O nome de “Bar Parra”, era, digamos o oficial, ou mellor dito, o que aparecía escrito, por riba da porta nun cacho de madeira de cor verde. Creo que a idea de chamarlle así saíu dun cliente:“Oes por que non lle pos Bar Parra? Sería o axeitado, pola parra que tes á entrada”. Dito e feito, mais non serviu de nada, todo o mundo o seguiu chamando coma antes de bautizalo, “O Pudriqueiro”, alcume do señor Eduardo, propietario do mesmo.
É de onde viña ese nome? Pois da aldea onde estivera de caseiro antes de chegar a Castroverde, Podriqueiro (aínda que a xente cambiaba o “o” polo “u” e dicía Pudriqueiro). Un lugar da parroquia de San Cibrao de Montecubeiro, a freguesía de máis aldeas de Galicia -trinta e sete- e unha das de maior extensión. Crese que Podriqueiro procede de podricos, que veñen ser as cañotas dos castiñeiros, polo que non tiña porque parecerlle mal. Pero a realidade era ben distinta, non lle gustaba nada que o chamaran así, e máis dunha vez ten pasado das palabras aos feitos con algún veciño, por mencionar o citado nome; o señor Eduardo era un home de malas pulgas. 

O señor Eduardo, casado e sen fillos, zoqueiro el, veuse, xa non de moi novo, para Castroverde procedente do Podriqueiro e no barrio da Feira, comezou o seu oficio de taberneiro nun bar que abría os domingos que tocaba feirear ( cada dous, alternando con Meira). Mais ao pouco tempo mercou unha casiña no barrio do Codesal, preto do Cuartel da Garda Civil, na estrada de Rodinso e Frontoi, o famoso Bar Parra. Unha tasca que se fixo moi popular polo bo cociñar da súa dona, a señora Josefa, moi boa muller, natural de Romeán e que elaboraba uns pratos exquisitos, amais de cocer un pan e unhas empanadas, envexa da bisbarra. A parte diso, tiña un moi bo viño, que todos loaban, traído da Ribeira Sacra.
Moita xente ten pasado por alí, era o lugar apropiado para ir tomar uns chanqueiros ou papar unha boa merendola cos amigos. E claro, cando xa ían uns viños de máis, sempre había alguén presto a facer algunha trasnada co conseguinte enfado do dono. “Non se anoxe, señor Aduardo, non lles faga caso que son uns condenados” , tratábao de calmalo algún cliente. E o remedio era peor ca doenza e moi alporizado respondía: “Non é coná , que é coné”. E o que era peor, en lugar de Aduardo, chamarlle señor Pudriqueiro. Entón subía polas paredes e comezaba a murmurar polo baixo, para pronto esquecerse; no lle conviña anoxarse moito, xa que os que por alí pasaban eran moi bos clientes e deixaban os seus pesos. Cartos que non conseguía facendo zocas, por aquel entón pouca xente usaba xa ese tipo de calzado. Finos eran os gardas civís, clientes habituais, que para non ofendelo, e non chamalo polo alcume, dicíanlle: “Que hai, Montecubeiro”; cousa que si lle agradaba.

Entre as leas que chegaron a acadar máis popularidade estaban as que tiña con José Ramón, que se adicaba a teitar, pero que amais nas horas de asueto gustáballe mollar a palabra. Un día tiveron un forte enfrontamento e chegaron ás mans. Algún que presenciou os feitos, comentouno polo centro da vila. Logo á tardiña, un cliente no seu percorrido cotián, despois de pedir un viño, díxolle: “Oín que se learon dous “quicos”, aquí no Codesal. Sería verdade? Ti sabes algo?” Cousa que fixo acedar aínda máis do que estaba ao bo de O Pudriqueiro.

Noutra ocasión, por consello dos clientes, comprou un frigorífico con conxelador. Ata aquí todo normal, era moi necesario para chegado o verán poder tomar as bebidas frías, lle comentaran. Pois ben, que facía o bo do señor Eduardo? Cobrar unha peseta por cada cubiño de xeo; a fama de tacaño era ben coñecida máis aló da Fonsagrada.

Cando foi de comprar un televisor estaba moi contento co novo aparello. Mais para amolalo, sempre había alguén que lle comentaba: “ Ai ho, pero aquí as noticias chegan con atraso, vai boa que as escoitei eu na Rampla!”. A Rampla, é o centro da vila e “O Pudriqueiro”, atopábase nas aforas. Moita rabia lle daba, e sempre remataba por dicir : “Será porque estamos moi afastados do centro”. “Pois será”, respondíalle o cliente.

Coma dixen antes, a señora Josefa era moi boa cociñeira e facía unhas empanadas moi ricas. O señor Eduardo, que era daquela maneira, cando era de cocer, ía dar unha volta pola Rampla, entraba nun bar do centro e o primeiro que facía, era dicíalle ao oído ao dono coma se se tratara dun secreto de estado:”Hoxe cocemos”. Xa estaba armado o lío. O informante comezaba a divulgar a nova entre os seus clientes e ás oito da tarde O Bar Parra a tope. E claro co compromiso que iso supuña para a señora Josefa, non había empanada para todos.

Aínda hoxe se seguen a correr de boca en boca anécdotas pola vila e arredores do señor “Aduardo”, mesmo contadas por xente moza que non chegou a coñecelo en persoa. Sen lugar a dúbidas, o Bar Parra, marcou toda unha época nesta bisbarra entre a Terra Chá e A Montaña.

Suso de Lameliña

Homenaxe a Manuel Lourenzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura convídanos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo, figura central do teatro galego. Esta levarase a cabo este domingo, 19 de decembro, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía De Castro da Coruña, e anímanos a asistir e difundir esta homenaxe por toda Galiza. A entrada é libre até completar a capacidade do teatro.

Cartón de convite

Igor Yebra clausura a I edición de ‘Mar en danza’ cunha clase maxistral e unha conferencia na Coruña

O bailarín e coreógrafo basco pecha o ciclo ‘Mar en danza’ impulsado pola promotora cultural QueArte Producciones e a Deputación da Coruña para celebrar os 30 anos do Conservatorio Profesional de Danza

Este mércores, 15 de decembro, Yebra impartiu unha clase maxistral exclusiva para o alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña

Mañá xoves o Teatro Colón acollerá unha masterclass e unha conferencia aberta ó público cuxa invitación pode retirarse na web ataquilla.com

O bilbaíno Igor Yebra formouse na escola de Víctor Ullate en cuxo ballet debutou como profesional en 1988 e onde permaneceu ata 1996. Desde aquel momento comezaría o seu periplo internacional por compañías de todo o mundo e que estivo marcado principalmente por tres escolas: a francesa grazas a Charles Jude, a italiana da man de Carla Fracci e a rusa a través de Yuri Grigorovich.

Entre os galardóns que recibiu ó longo da súa traxectoria figuran o Gran Premio de Eurovisión para jóvenes bailarines (1989), o Premio ‘Danza & Danza’ al ‘mejor bailarín del año’ en Italia (1996), el segundo premio en el concurso Maya Plitseskaya (1998) y el Premio Leonidas Massine en Italia (2003), entre outros. Ademais, Igor Yebra foi bailarín estrela do Ballet da Ópera de Burdeos e o primeiro bailarín invitado do Ballet da Ópera de Roma. Entre os seus fitos profesionais atópase o seu rol protagonista en Iván el Terrible no Palacio de Congresos do Kremlin en 2004 e que converteu a Yebra no primeiro bailarín non ruso que interpretou este papel. 

Mención aparte merece o seu labor na dirección artística do Ballet Nacional Sodre (BNS) de Uruguai entre xaneiro de 2018 e decembro de 2020. Durante este periodo o BNS colleitou grandes éxitos de público e crítica coa reposición das principais obras do repertorio clásico e romántico, pezas de coreógrafos do século XX e as novas producións como El Quijote del Plata e La tregua, baseada na obra homónima de Mario Benedetti. Como coreógrafo, Igor Yebra deixou no repertorio do BNS El Cisne XXI, unha versión masculina de La muerte del cisne. Ó finalizar a súa etapa no BNS, Igor Yebra recibiu o galardón máis importante de Uruguai no ámbito da cultura, a Medalla Delmira Agustini, e foi nomeado Ciudadano Ilustre de Montevideo

Na súa faceta como profesor, Yebra decidiu fundar en 2006 a súa propia escuela de danza y coreografía en Bilbao e dous anos despois recibiu o encargo de poñer en funcionamento a Escuela Municipal de Amurrio, deixando a dirección un lustro depois da súa inauguración.

‘Mar en danza’ é unha iniciativa cultural impulsada pola Deputación da Coruña e QueArte Producciones con motivo da celebración este ano do 30º aniversario do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación. O ciclo, que foi inaugurado por Julio Bocca o pasado maio, tamén contou coa participación de Lucía Lacarra e Matthew Golding e clausurarase en decembro con estas actividades do bailarín e coreógrafo basco Igor Yebra.