DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

A urxencia da creación, a necesidade imperiosa de alzar a voz dende a tinta impresa, o impulso primixenio da artesanía, aquel que lle deu forma ao universo dende o inicio dos tempos, facer do caos algo perfecto, facer da perfección un deconstructo imperfecto do espazo, do tempo, da sociedade, da vida, dos azos, das arelas.

Cada persoa esconxura os males dun xeito ou outro, o meu avó era carpinteiro e os seus poucos anos de escola déronlle para aprender a ler e escribir, nunca moitos libros tivo, só un herdado do seu avó, tamén carpinteiro e que gardaba no bandullo a escrita de varias xeracións nas marxes dos proxectos de carpintería, aprendendo a recoñecerse polo trazo do grafito na celulosa. El deunos o herdo da palabra escrita, da necesidade do impulso lector que rematou por concretarse nunha bibliopatía que a día de hoxe aínda me persegue.

A avoa deunos o herdo da fala, das cantigas e recitares aprendidos de memoria, da expansión. O seu era esconxurar os males e as preocupacións no seu refuxio, aquela cociña na que traballaba, a da casa e a que lle deu cartos nos veráns cociñando para aqueles rapaces de poucos recursos que viñan da capital a un campamento a carón do mar. Ela fora moi poucos días á escola, porque ese era un galano reservado para os homes da casa. Difícilmente ganduxaba o seu nome, e xa de ben maior foi á escola de denoite, pero escribir todo o que sentía éralle moi traballoso e leváballe un tempo que non tiña. Inda a lembro estonando as patacas sobre un cesto que poñía no regazo, a carón do vertedoiro. Alí berraba polo baixo coas veciñas por non dicírllelo á cara e quedar a mal con elas; laiábase dos males do mundo e escoitaba promesas políticas do outro lado da radio que sempre zanxaba dicindo “a estes poñíaos eu a traballar e verías ti como funsionaba o país”.

Eu sempre fun máis de poñer en papel o que me bulía por dentro e aquí estamos, deixando levedar o amor de tantas xeracións polo idioma.