OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Mexique. El nombre del barco

Autora: María José Ferrada

Editorial: Libros del Zorro Rojo

Ano de publicación: 2017

Coido que as persoas que xa cumprimos a maioría de idade –algunhas hai tempo- deberiamos volver con máis asiduidade aos álbums ilustrados. Porén, non coma unha moda que se nos impón desde as diferentes xanelas dixitais. Cando falo de volver é co propósito de recuperar algo noso. Algo que, talvez,necesita espertar de novo.

Despois de ler e contemplar –porque non deixa de ser unha obra de arte, cunhas ilustracións fermosísimas de Ana Penyas- Mexique, aínda fico conmocionada. Non teño reparos en manifestar que é a primeira vez que leo a María José Ferrada, autora que nos achega unha prosa poética dunha calidade incuestionábel. Mais non será a última que a lea.

A historia deste barco repleto de crianzas, tal e como se aprecia na portada, forma parte dunha das etapas máis escuras do século XX. Tras a guerra civil, unha gran parte dos fillos e fillas de republicanos españois embarcaron neste navío rumbo a Morelia (México), onde tiveron grandes dificultades para sobrevivir. 

Este é, polo tanto, un libro cun final triste, coma moitos dos episodios da nosa realidade. Sálvao a beleza. A beleza sempre nos salva.

“El mar es un lugar

que no termina nunca”.

DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “De tetas e guerras”

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga


DE TETAS E GUERRAS

Ao longo dunha semana pasan moitas cousas, e moitas máis pola nosa mente. Pero acontece que son as nosas sinapses cerebrais as que as acompasan, as que as vencellan, as que lle atopan ou non sentido. E estas gafas violetas que desque as puxen quedaron incrustadas na retina destes ollos. Atopar dentro do espello unha realidade que queren que fagamos nosa, anulando o aturuxo propio que nos sae de dentro. Esta semana descubrín que nun cadro médico ás mulleres podemos falarlles sen rubor de “saúde feminina” e englobar dentro dela a saúde meramente reprodutiva, porque para iso estamos non, diría a Bandini, para enxalzar as Mammamammmamás!, as que portan tetas, para aleitar, ou para crear beleza, para parapetar tras dun sostén ríxido, porque as tetas caídas fan feo. E non é porque a humanidade teña xerontofobia no día a día, ou si? Preguntémonos cantas artistas se viron apartadas dos focos non porque carecesen de talento, senón porque tiñan xa demasiados anos para unha sociedade que só nos ve como corpos, obxectos, fornos reprodutivos e seres sexuados e pérfidos. Volvendo de novo a un arcaísmo medievalista, no que ou se é virxe, nai, monxa ou abnegada avoa ou se é puta, desleixada, mala muller, solteirona, libertina ou bruxa. Porque o que se escapa aos patróns desta sociedade patriarcal, controladora e paternalista non ten caso. Señora e señore, hai que ser reina, dura, Bugatti e traer loquito aos daddies.
E descubrín tamén que se ás mulleres se nos pode falar de saúde reprodutiva, a eles non, porque “como se che ocorre falarlle de disfunción eréctil?” Xentiña, isto non vende, que ha vender. Eles non teñen problemas físicos, os problemas son nosos, e o capitalismo pónnolo moi sinxelo, sosténs, corsés, faixas,… todo aquilo que poida poñer todo moi grande, moi duro e moi… guerreiro. Esa é outra, porque existen unha variedade de machos Alfa dispostos a medila que é abraiante, sexa Biden, sexa Putin a cuestión é medir… pero non os intelectos; a ser posible algo máis físico, pero resulta que non nos vén ben atoparnos para ollar o que colga entre as pernas, non se preocupen que sempre poderemos medilas mesmo na distancia, saquemos o armamento que haberá quen o aplauda. E mentres xs que aínda gardamos algo de amor propio, de amor pola terra, pola memoria, polo papel da muller na historia sabemos perfectamente que hai idiomas que inventaron os afectos, os coidados, as orixes e que non hai aturuxo coma a liberdade, nin nada tan valioso.

DEVAGAR. Actividades 8 de Marzo: Herbas das mulleres

Maria Frá, responsable de DEVAGAR fainos a seguinte proposta de actividades de cara ao 8 de marzo:

Chámome Maria Frá e adícome á recompilación e divulgación de saberes tradicionais relacionados coa saúde e co uso das plantas medicinais. Tedes máis información sobre o meu traballo na miña páxina web, www.devagar.eu

O mes de Marzo é moi importante desde esta perspectiva!

Por unha parte, comezan a florear as plantas nas hortas, nos camiños… incluso nos recunchos do asfalto. Un bo momento para iniciarse na aprendizaxe da identificación de plantas silvestres e conectarse con este saber ancestral do coñecemento das plantas medicinais.

Por outra banda, é un mes adicado ás mulleres, ao empoderamento e resignificación da cultura feminina, que en moitas ocasións ficou relegada a un segundo plano. Neste sentido é que revalorizar os coñecementos tradicionais sobre herbas medicinais ten un profundo impacto sobre a nosa conciencia.

Por isto é que vos achego a proposta das “Herbas das mulleres”, para achegármonos desde unha perspectiva de xénero a esta cuestión, xa que só desde aí podemos entender a importancia da nosa tradición medicinal. É un pequeno guión desde onde poder comezar a elaborar unha proposta máis concreta que se adapte aos vosos desexos, dispoñibilidade, recursos, e ao grupo co que traballades.

Andainas do Suso de Lameliña. A MULLER DE PEDRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A MULLER DE PEDRA

Rosa do Muiñeiro, muller respectada e moi apreciada en toda esta bisbarra de Ferramulín, a quen con frecuencia a veciñanza acudía para pedirlle consellos ou ben  curar algunha doenza, (era curandeira, tanto de animais coma de persoas), un día de mediados de agosto desapareceu da aldea sen deixar pegada algunha. 

Foi pasando o verán e malia as cuadrillas que percorreron parte da serra do Courel na súa procura, non houbo maneira de dar cos seus ósos. Xa o tiñan medio esquecido cando Antón, o neno máis novo da casa do Roxo, andando á souta, deu, de súpeto, de fociños con ela. Foi tal o susto que papou que saíu de alí liscando coma se o perseguira o mesmo diaño. Chegou á casa todo fatigado e berrando: “ Topeime con Rosa, topeime con Rosa…”

Ao principio os pais non lle fixeron caso, pero insistiu tanto que acabaron por acudir ao lugar onde dicía estar a desaparecida e, efectivamente, alí se atopaba sentada á sombra dun castiñeiro centenario, pero mudada en pedra.

Pronto se correu a voz por toda a redonda e aquilo converteuse nunha auténtica peregrinación para observar in situ á famosa veciña do Courel, que se atopaba igual có día que desaparecera, iso si, en lugar de ósos e carne, pedra autóctona da bisbarra.

Durante varios días foi noticia nos principais diarios e medios de comunicación. Viñeron científicos de todo o mundo para estudar, o que era un caso único e insólito; ao longo da historia, nunca se dera cousa semellante. Formuláronse moitas hipóteses, que non vén ao caso citar, xa que ningunha delas chegou a confirmarse. Ao final, decidiuse deixar a Rosa no seu sitio. Polo seu labor ao longo da vida, ben merecía unha estatua, e alí a tiñan xa, sen necesidade de encargarlla a ningún mesteiral da pedra. Só era preciso poñer unha placa co seu nome e unha pequena dedicatoria. Iso foi o que fixeron: “ A Rosa, polo seu grande labor desenvolvido nesta comarca a prol dos máis necesitados”.

A Antón, cando non tiña nada que facer, gustáballe moito visitala e falar con ela, momentos que aproveitaba para contarlle as súas cuitas de neno. Pasado xa un tempo, un día, despois de saudala, e ante a súa sorpresa, Sara comezou a mover aqueles beizos de pedra e a falar. O susto que levou aínda foi maior có daquel día que a viu por primeira vez. Saíu correndo cara a súa casa para contarlle aos pais o que lle viña de suceder. Por suposto, non llo creron, pero insistiu tanto, que ao final foi o seu pai con el e unha vez diante da muller de pedra, esta empezou a falar. 

Pronto souberon os veciños do acaecido e desde aquela, cando alguén tiña algún problema, acudía ao castiñeiro centenario a escoitar os consellos da sabia Rosa. Os veciños decidiron non contar a ninguén o que alí sucedía. Pero claro, xa se sabe,  cando a cousa pasa de dous é difícil agochala; alguén se foi da lingua e acabou de novo por ser noticia en todos os medios de comunicación.

Xentes vidas de todas partes comezaron a acudir ao castiñeiro co propósito de sandar as doenzas físicas e psíquicas que padecían. Mais non sempre,  Sara atendía as demandas, só a quen ela tivese a ben. Coma sucede en moitos casos similares, pronto se viu a oportunidade de sacar proveito económico da situación. O dono da cantina da aldea, que era moi espelido e dado aos negocios, falou co alcalde e propúxolle preparar aquilo decentemente, para  atender dun xeito adecuado os visitantes e turistas que cada día que pasaba aumentaba en número. E así se fixo, comezando por unha pista alcatranada, e a construción dun cámping  e un restaurante, que serían xestionados polo cantineiro. Aquilo acabou por converterse nun auténtico formigueiro de xentes vidas, mesmo máis aló dos Perineos. Comezaron a idearse novos proxectos, todo o mundo quería investir e ao concello chegaron numerosas solicitudes de futuros negocios.

Mais, enseguida se foi todo a pique, xa que Rosa, dun día para outro, deixou de falar e de dar consellos. Volveuse en pedra, que xa era, pero agora muda. A xente deixou de ir por alí e ao pouco tempo, cámping e restaurante, acabaron por pechar.

Hoxe só existen catro pedras daqueles tempos de bonanza, comestas polas silvas, sapagueiras e lagartos, mais Rosa segue igual, impoluta, coma o día que desapareceu. Conta Antón, agora xa un ancián, que seguiu acudindo sempre que tiña un momento libre á cita coa sabia para falar con ela; aínda é o día de hoxe que vai polo menos unha vez á semana. As xentes da bisbarra, din que desde que a viu por primeira vez, non volveu ser o Antón de antes.  Desde entón téñeno por un pobre demente e de Rosa non queren nin oír falar.

Suso de Lameliña

Presentación dun estudo de Antón Meilán sobre Caldaloba este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 29 de xaneiro, ás 20 hrs, preséntase, na Casa-Museo Manuel María“Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte”, do mindoniense e profesor emérito da Universidade de Oviedo, Antón Meilán. 

Esta obra, que ten como finalidade contextualizar e dar a coñecer dunha maneira divulgativa os feitos que decorreron na fortaleza de Caldaloba ou Vilaxoán e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza, insírese nunha serie de accións e actividades que veñen desenvolvendo máis de vinte entidades da Terra Chá e concellos limítrofes, sob a lenda “Caldaloba. Recuperarmos o noso Patrimonio. Recuperarmos a nosa historia”, coas que reivindican á administración galega que a torre pase a propiedade pública e que se leve a cabo a recuperación e posta en valor dun ben que ten un valor histórico e simbólico importantísimo para a descuberta dun capítulo transcendental da historia de Galiza, frecuentemente agochado e negado. 

Na presentación, alén do autor, estará presente o estudo e divulgador do patrimonio da Terra Chá, Orlando Viveiro. As persoas asistentes recibirán gratuitamente un exemplar e para asistir é necesario anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.