Presentación da obra ‘Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997)’ este sábado, 20 de novembro, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 20, ás 18 hrs, estarán na Casa-Museo Manuel María dous grandes estudosos do noso idioma e da nosa literatura, como son os catedráticos da UdC, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Ferreiro, para nos presentar a edición preparada por ambos os dous da Correspondencia entre Manuel María e Neira Vilas (1957-1997).

Manuel María (1929-2004) e Neira Vilas (1928-2015) son dous autores fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX. Ambos pertencen, por idade, á mesma xeración, mais en canto o primeiro desenvolve a súa actividade literaria desde o interior da nación en tempos de ditadura e nas primeiras décadas do período posfranquista, o segundo faino fundamentalmente desde a Galiza emigrante, seguindo o pulso cultural do seu país a quilómetros de distancia. Aínda así, mantiveron unha intensa relación por correspondencia, nomeadamente na década de 60 e nos primeiros anos da seguinte, que se foi transformando nunha amizade epistolar sustentada no compromiso mutuo coa lingua e a cultura galegas e coas clases populares.

As persoas interesadas en asistir a esta actividade, por favor, anotádevos previamente contestando este correo electrónico. 

Aproveitamos este aviso para vos anunciar que o próximo 28 de novembro, domingo, ás 18.30, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, levarase a escena A lúa vai encuberta, proxecto gañador do 2º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Animámosvos, a todos aqueles e aquelas que sexades de Lugo e comarca, a que asistades. Esta peza interpretada polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, ten como elenco artístico a Tito Asorey, Melania Cruz, Vanesa Sotelo e Davide González. Non o dubidedes, ídelo pasar moi ben e paga moitísimo a pena vela. Máis información sobre os billetes en 

https://entradaslugo.es/evento/teatro/a-lua-vai-encuberta

Esta obra que vén de pasar por Chantada e Fene esta pasada fin de semana, tamén estará en:

20 de Novembro de 2021- BETANZOS.

28 de Novembro de 2021- LUGO.

​ 04 de Decembro de 2021- CARRAL.

05 de Decembro de 2021- SARRIA.

18 de Decembro de 2021- NOIA.

14 de Xaneiro de 2021- BARBADÁS.

21 de Xaneiro de 2022- CULLEREDO.

11 de Febreiro de 2021- O BARCO DE VALDEORRAS. 

10 de Marzo de 2022- MONFORTE DE LEMOS.

11 de Marzo de 2022- AMES.

12 de Marzo de 2022- OLEIROS.

13 de Marzo de 2022- RIBADEO.

25 de Marzo de 2022- RIBEIRA.

26 de Marzo de 2022- BRIÓN.

02 de Abril de 2022- CANGAS.

03 de Abril de 2022- CAMBADOS.

08 de Abril de 2022- ARTEIXO.

‘Mar en danza’ trae á Coruña o último espectáculo da bailarina Lucía Lacarra

‘Mar en danza’ trae á Coruña o último espectáculo da bailarina Lucía Lacarra

Fordlandia, de Lucía Lacarra e Matthew Golding, representarase o 20 de novembro no Teatro Colón dentro do ciclo ‘Mar en danza’, impulsado pola promotora cultural QueArte Producciones e a Deputación da Coruña

Lacarra tamén impartirá unha clase maxistral no Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña o venres 19 de novembro, exclusiva para o alumnado do centro

As invitacións gratuítas para Fordlandia poden retirarse desde o venres, 12 de novembro, a través da plataforma web ataquilla.com

O ciclo ‘Mar en danza’ retoma a súa actividade en novembro con dous eventos protagonizados pola bailarina basca Lucía Lacarra, musa de Roland Petit e Helgi Tomasson. A primeira cita será o venres 19 e consistirá nunha masterclass para o alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña. O sábado, ás 20:30 horas, o Teatro Colón acollerá o espectáculo Fordlandia de Lucía Lacarra e Matthew Golding, que se representará por primeira vez en Galicia.

As invitacións gratuítas para o espectáculo poden reservarse desde o venres, 12 de novembro, na plataforma web ataquilla.com.

Fordlandia é a primeira incursión de Lucía Lacarra no ámbito da producción, unha aventura na que se embarcou acompañada do canadense Matthew Golding. Ambos os dous son os protagonistas deste espectáculo multidisciplinar no que conflúen danza, música e arte visual. Fordlandia foi concibido durante o confinamento e materializouse nun espectáculo onírico onde se plasma o distanciamento artístico e físico experimentado por Lacarra e Goldwing mentres vivían o encerro pandémico en Zumaia e Ámsterdam, respectivamente.

A obra trata o tema dos diferentes modos de separación forzada nunha relación aínda existindo o amor. Estrutúrase en seis piezas de danza cuxa transición se executa a través de curtas cinematográficas. Cinco pezas son de nova creación e son autoría de Anna Hop (Stillness y Close), Yuri Possokhov (Snow Storm) y Juanjo Arqués (Fordlandia y Pile of Dust). After The Rain de Christopher Wheeldon é a única peza preexistente. O título do espectáculo fai referencia a unha cidade fundada por Henry Ford no Brasil como centro produtor de caucho na década dos 30. O proxecto fracasaría e deixaría tras de si Fordlandia, unha urbe distópica estadounidense en plena selva amazónica.

Sobre Lucía Lacarra

Natural de Zumaia, Guipuzkoa, Lucía Lacarra comezou a súa formación con 14 anos na Escola de Víctor Ullate e tan só un ano máis tarde iniciou a súa carreira profesional no Ballet do célebre bailarín e coreógrafo. Ao longo da súa traxectoria foi a bailarina principal de compañías coma o Ballet de Marsella, o Ballet de San Francisco, o Ballet da Ópera de Múnich ou o Ballet de Dortmund, onde na actualidade é convidada permanente.

Entre os galardóns que recibiu figuran o Danza & Danza, o Positano, o Isadora Duncan, o Nijinsky, o Prix Benois da Danse -considerado o óscar da danza- e o Premio Nacional de Danza 2005, entre outros. En 2007 convertiuse na primeira bailarina española invitada a participar no Concerto de Aninovo de Viena e en 2010 foi nomeada ‘Bailarina da Década’ no Palacio do Kremlin. É cofundadora, canda a Matthew Golding, de Goldenlac Producciones.

Sobre Matthew Golding

O canadense Matthew Golding formouse na Royal Winnipeg Ballet School desde os 14 anos e uniuse á Universal Ballet Academy en Washington D.C. En 2002, gañou o Youth America Grand Prix e unha bolsa do Prix de Lausanne para estudar en The Royal Ballet School.

Foi bailarín principal no Het National Ballet de Ámsterdam y no Royal Ballet de Londres, e actuou coma invitado en compañías tan prestixiosas como Mariinsky, a Ópera de Múnich, English National Ballet, o Tokyo Ballet e a Ópera de Oslo, por citar algunhas. Entre os seus galardóns atópase o Premio Zwaan holandés en 2010 ademais dunha nominación ao Prix Benois de la Danse en 2012/13 pola súa interpretación en Cascanoces e Cincenta.

‘Mar en danza’ é unha iniciativa cultural impulsada pola Deputación da Coruña e QueArte Producciones con motivo da celebración este ano do 30º aniversario do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación. O ciclo, que foi inaugurado por Julio Bocca o pasado mes de maio, retoma este mes a súa actividade con Lucía Lacarra e Matthew Golding e clausurarase en decembro co bailarín e coreógrafo basco Igor Yebra.

Velaquí a Nota informativa e Dossier Fordlandia

Andanzas do Suso de Lameliña: O PRIMEIRO AMOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O PRIMEIRO AMOR

O PRIMEIRO AMOR

Falando do primeiro amor, véñenme á mente aqueles dous irmáns de Fabeiro (O Bierzo), Tito e Tita, que se fixeron famosos nos oitenta, cantando rancheiras, unha delas, precisamente “El primer amor”. Lembrádevos? Tiñan un bar na vila de nome  “Tito y Tita”, montado co que gañaron vendendo discos e rexentado polos irmáns. Eran en total dez, fillos dun  traballador de Unión Fenosa. 

Preguntarédesvos. E que pintan aquí os irmáns de Fabeiro? Pois eu mesmo non o sei. Hai uns meses lin en “La Nueva Crónica”, unha entrevista que lles facían para saber o que fora da súa vida e a que se adicaban na actualidade, e hoxe cando estaba a piques de durmir a sesta, véuseme a mente a canción: “Oye hermanita quiero contarte, quiero pedirte que me aconsejes…”  E dixen. Teño que falar do primeiro amor. 

E aquí estou, lapis e papel na man, disposto a abrirme en canle. Mais non vos fagades ilusións, porque realmente o que ides ler non ten nada que ver co primeiro amor, nin tan sequera co amor, ou poida que si. Porque, sendo sincero, non me lembro cal foi ese amor, por todos loado, si, ese do que ninguén se esquece. Pois resulta que eu, si o esquecín, raro que é un. A non ser que sexa amor o que me pasou cando tiña cinco anos, aínda que eu coido que foi sexo puro, e non sei se duro.

A historia, podería ser bonita. Alumno que se namora da súa mestra, un clásico; neste caso neno de párvulos que se namora da mestra. Pero aviso, se foi amor, foi efémero e con desenlace fatal, castigado ao cuarto das ratas, aquel do que vos falei o outro día.

Eu daquela, gustábame andar a catro patas, nada por outro lado raro, para un neno desa idade. Raro, si foi despois, cando xa de adolescente, sendo estudante en Lugo, imitaba polos corredores do piso  o salto da ra, emitindo o célebre son: croa, croa,croa… Pois ben, canso de escribir “ ma me mi mo mu mi mamá me mima” , cando a mestra estaba despistada, comecei a camiñar a catro patas ata chegar a debaixo da súa mesa. Niso que me ve e dime:

—Pero Susito, que es lo que haces aquí?

Apenas dixen a frase “Nada, señora maestra”, un compañeiro, mágoa que non me lembre quen foi, a vinganza ía ser terrible, érguese da cadeira e di:

—No le haga caso maestra, que lo que quería era verle las piernas, que me lo dijo a mí.

Mal raio o parta! Aínda hoxe non se me esquece, dúas horas no cuarto temible, esperando que dun intre a outro aparecese unha manda de ratas, dispostas a comerme as orellas. Nada diso ocorreu e todo rematou nun susto e, quen sabe, no fin dun prometedor amorío.

Ai, o primeiro amor!

Suso de Lameliña