Andanzas do Suso de Lameliña: CASTROFOXÁN, ALDEA CEIBE DE LIBROS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CASTROFOXÁN, ALDEA CEIBE DE LIBROS

Cando Luís do Merlo non acudiu un serán á lectura colectiva das oito, ninguén lle deu importancia. Era normal que de vez en cando alguén faltase por atoparse indisposto ou por algunha urxencia, sen que puidese avisar da súa ausencia. Pero que ao día seguinte tampouco se presentase, sen dar ningún tipo de explicación, empezou a levantar sospeitas; sospeitas que se fixeron evidentes cando por terceira vez non apareceu pola biblioteca.

Aquel mesmo serán, en asemblea urxente, decidiron nomear unha representante que fora falar con el, por ver que lle acontecera. A elixida foi Adela do Couso, muller de carácter afable e conciliador, que xa outras veces tivera que intervir en situacións conflitivas e con resultados satisfactorios. Quedou de presentarse a primeira hora da mañá seguinte na casa do Merlo.

Luís vivía nunha pequena casa, un pouco afastada da aldea. Era viúvo e sen fillos, labrego e tamén zoqueiro, aínda que deste tipo de calzado, xa en desuso, só facía algún de vez en cando para unha tenda de agasallos típicos de Lugo. Cando chegou Adela estaba regando os tomates, era pleno mes de agosto e ía máis de tres semanas que non caia unha gota de auga.

—Bo día, Luís. Este ano non imos ter nada, con esta seca morre todo. No que levamos de verán só choveu un día ou dous a principios de mes. Unha ruína.

—Que milagre, Adela. E logo que che trae por aquí?

—Pois xa o debías saber, penso eu. Que che pasou estes días?

—Nada muller, que me ía pasar?. Que non se me apetecía ir.

—Non se che apetecía? E non sabes que é obrigatorio acudir, e se non se pode, xustificalo?

—Boh! boh! Déixate de andrómenas. Non fun porque non me deu a gana e xa está.

—Mira ben o que fas e o que dis, Luís, que pode traerche problemas.

—Non teño tempo nin ganas de lerias. Lisca e dilles o que queiras —rematou a conversa Luís, dando media volta, seguindo coa rega e deixando coa palabra na boca a Adela.

Esa mesma noite volveu haber xuntanza e convocouse para o día seguinte ao veciño díscolo para que dera explicacións. Cousa que fixo. Aduciu que xa levaba máis de tres meses sen ler nada e que aínda que ía ás lecturas colectivas, era todo  aparencia, que pasaba as follas para disimular, pero que xa non lía . Que canso de finxir decidira cortar polo san e non volver máis. Dixo que se dera conta de que a lectura alienaba á persoa, que ler todas esas fantasías para o único que servía era para volver a un tolo e que desde que deixara os libros sentíase máis libre e o que era máis importante, totalmente feliz.

Non houbo xeito de que rectificase, polo que despois dun longo debate decidiuse expulsalo da comunidade e ofrecerlle a cova da rula para ir vivir; veredicto que aceptou de bo grado

—Antes de coller outro libro, voume vivir co lobo que me comprende bastante mellor ca vos —sentenciou.

Mais o que parecía ser nunha simple anécdota, non sería tal, senón todo o contrario, sería a mecha que prendería o lume.

Ao cabo dunha semana ausentouse Piedade da Torre, logo Eusebio, o Capador, Manolita da Fonte, Pedro Barxas… Non había maneira de apagar aquel lume que ameazaba con converterse nun incendio devastador, polo que foi preciso decretar unha amnistía e permitir a volta dos exiliados, deixando liberdade para que cada quen fixese o que considerase.

Mais as desercións continuaban , cada vez acudían menos veciños á biblioteca, ata que rematou por non ir ninguén. Era urxente unha asemblea para tomar unha decisión definitiva. Alí cada quen expuxo as razóns polas que deixara de ler, algunhas ben curiosas, pero todas cun nexo común, que esquecerse dos libros lles dera máis sosego, que estaban fartos de pensar tanto e que o único que lles producía era desacougo. En definitiva, que agora eran máis felices, coma xa dixera no seu día, Luís do Merlo.

A asemblea, despois de varias propostas, entre as que se atopaban a de queimar os libros e usar a biblioteca para lugar de repouso onde poder acougar do labor diario, ata outras que avogaban por queimar todo o edificio e que non ficara pegada algunha do que fora lugar de lectura, optou por unha solución intermedia. Deixar todo tal coma estaba, ben pechado, coa prohibición, baixo pena de exilio, de entrar no seu interior, e que fora o tempo, implacable verdugo, o encargado de facer xustiza. A xuntanza rematou coa declaración de, “Castrofoxán, aldea ceibe de libros”.

A prensa non agardou un día para facerse eco da noticia, que adquiriu carácter internacional. Desde esa data, aldeas, cidades, rexións, incluso nacións, seguiron  o ronsel  de Castrofoxán. Un verdadeiro andazo, que de seguir así, suporá en pouco tempo a desaparición total do que, ata o de aquí, foi un dos máis importantes vehículos de transmisión cultural.

  Suso de Lameliña

.