O sábado 30 de outubro de 2021 ás 18,00 h, no salón de actos do Centro Sociocultural de Monterroso, terá lugar a presentación do quinto número da revista Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns.
Na presentación, que está integrada na programación da Feira de Santos, intervirán Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso; o xornalista Daniel Salgado, director de Cairón; Francisco Pardo, director do IEU; o xornalista Fernando Salgado; e os poetas Martiño Maseda e José Carlos Ulloa.
Tamén haberá presentacións por outras localidades. Concretamente, en Palas de Rei será o domingo 7 de novembro pola mañá e en Antas de Ulla o sábado 13 de novembro pola tarde.
O xurado do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Iria Misa Peralba, Manuel Bragado Rodríguez e Xosé Lastra Muruais acordou por unanimidade, outorgar o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A GRUTA DA TORRE presentada baixo o lema ou seudónimo de UN PESO SEMPRE SE GASTOU. Unha vez aberta a plica, resultou ser o seu autor LOIS PÉREZ DÍAZ. O xurado salienta da obra gañadora o interese da trama que se desenvolve no verán de 1990 en Ribadeo en espazos recoñecibles así como polo seu carácter como historia de formación protagonizada por un grupo diverso de rapaces e rapazas que emprenden unha viaxe de descuberta seguindo o fío das viaxes nos libros e na memoria. Escrita con mestría, empregando diversos recursos e rexistros, a novela mantén un pulso narrativo que non decae.
Este sábado, 30 de outubro, ás 20 hrs, a banda de rap galega SonDaRúa dará un concerto na Casa-Museo Manuel María onde interpretará as cancións do seu último traballo, Eterno Combate.
As entradas (5 euros) para asistir ao evento pódense reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621
LOIS PÉREZ, contador de historias e escritor, estará este sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María, para nos deleitar cun espectáculo especial para este día Entresoños chairegos, cabana e trasmundo.
A sinopse da narración que nos vai presentar este sábado é a seguinte: “O caos é a orde natural do mundo: teno pensado algún cando lle barreron os dentes. O contador de historias Lois Pérez procura conservar os seus e atraca co seu discurso terrachaísta este sábado na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Malia a carencia de recursos que sempre o aflixe, pousará a mirada do humor nun feixe de historias de fasquía informe: sucedidos chairegos, novos episodios familiares, vagas influencias literarias, contos da xente -a urbana e a rural-, aventuras na emigración, un romance e un encontro -que non romance- co presidente da Deputación de Ourense e outros seres igualmente brutais da mitoloxía galega. Lois Pérez é, coma seu pai, da casa do Havanero, en Momán, Cospeito, Terra Cha, cha, cha”.
Lois Pérez mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias, ten como centro da súa actividade artística a narración oral e a escrita, e vén recentemente de participar como guionista e narrador, baixo a dirección artística da música Uxía Senlle, en Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra. O billete para asistir a este espectáculo é de 5 euros. Cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621
Os donos marchan e eu non sei se lles seguen pertencendo enteiramente, a eles ou á súa prole, as ruínas… Ou se son do tempo ao son do tempo mentres ti te me agochas.