O IEU organiza a proxección do documental NEGRO PÚRPURA o sábado 6 de novembro en Monterroso

O sábado 6 de novembro ás 19,00 h, en colaboración coa Área de Cultura e Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o IEU proxectará no salón de actos do Centro Sociocultural de Monterroso a longametraxe  Negro Púrpura, filme de carácter documental producido por Illa Bufarda e dirixida por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. 

Ao remate da proxección celebrarase un coloquio coas directoras da película.

Proxección da película-documental NEGRO PÚRPURA o 5 de novembro no Auditorio Municipal de Vilalba

O venres 5 de novembro de 2021, ás 20:00 horas no Auditorio Muncipal de Vilalba terá lugar a proxección da película documental NEGRO PÚRPURA, dirixida por Sábela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Dita proxección está organizada polo IESCHA, en colaboración coa Área de Cultura e Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba.

Velaquí a nota Informativa desta proxeción.

Espectáculo “A Voar para cantar e contar a viaxe da xoaniña Xoana” con Cé Orquestra Pantasma este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 6 de novembro, ás 17 horas, Cé Orquestra Pantasma, home orquestra, estará na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, para presentar o seu espectáculo A voar

Esta actividade infantil dirixida para maiores de 3 anos baséase no libro-disco A voar. 

Ao son do enerxético ritmo de Cé Orquestra Pantasma, cóntase e cántase a viaxe da pequena Xoana, xoaniña que movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que mudará a súa vida.

Espectáculo divertido e dinámico deste proxecto musical, unipersoal e versátil, que leva a cabo César Freiria, músico autodidácta e apaixonado dos instrumentos musicais.Para asistirdes á actividade cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Masculino singular

Autora: Carlos Negro

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2016

Masculino singular é algo máis que un corte de sangue no medio do afeitado, tal e como podemos intuír do deseño da cuberta de Miguel Vigo. Pasado xa un lustro desde a súa publicación, segue a ser unha lectura urxente para tempos convulsos (se é que nalgún momento deixaron de selo).

Estamos ante a poesía da deconstrución, da necesidade de visibilizar outros modelos masculinos que transgriden os dogmas do patriarcado. Escrito de forma directa, partindo da cotiandade máis crúa, o libro ofrece unha interesante escolma de poemas. Atopamos así, entre as súas páxinas, poemas curtos e longos, poemas narrativos e visuais e, incluso, potentes caligramas.

Agradécese, ao mesmo tempo, a honestidade á hora de fuxir das certezas e amosarnos versos que nos interrogan a cada paso, que deixan unha especie de encomenda para seguirmos tirando do fío.

Autores como Octavio Salazar ou Jorge García Marín, entre outros, teñen transitado por estes camiños con gran acerto; mais coido que Carlos Negro, ao facelo desde unha poesía contemporánea e lúdica, conecta tamén cun público tan necesario coma o xuvenil.

Velaquí a revolución pendente: “Esixo a tenrura pró meu sexo”.