Concerto de AIRIÑOS DA FREBA este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 13 de novembro, ás 19 horas, AIRIÑOS DA FREBA estará na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, para nos presentar en semiacústico o seu último traballo Con Grelos.

Música divertida e bailábel inspirada nos cuartetos, conxuntos, bandas e orquestras lucenses de mediados do século pasado que amenizaban as festas das nosas aldeas e vilas.

Con Grelos, como o anterior traballo O de Lacón, é froito do estudo, recolleita, pesquisa e divulgación da música tradicional da provincia de Lugo.

Para asistir ao concerto cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete: 5 euros.

Deixámosvos aquí un vídeo dun dos temas  de Con Grelos, “Polichinela” 

Andrea Fernández Maneiro, coa obra “Contra-Tempos”, gaña o IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

E quedou como finalista a obra DA CARNE, de Rafael Lobelle González

Reunión do xurado en Cospeito

O IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O xurado de dito certame, composto por Beatriz Dourado, Adolfina Mesa. Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda, reuniuse este sábado 6 de novembro de 2021 no salón de plenos do Concello de Cospeito e, despois dunha longa deliberación, valorando entre as 32 obras presentadas, fallou por maioría de votos conceder o primeiro premio da categoría de 18 anos en diante á obra CONTRA-TEMPOS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, corresponde a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa, por “tratarse dun poemario moi equilibrado, cunha voz poética potente e conmovedora, que outorga visibilidade a unha temática tan silenciada como é a da saúde mental”. E o segundo premio recaeu na obra DA CARNE, cuxo autor é Rafael Lobelle González, de Chantada, porque, tendo en conta o criterio do xurado, “estamos ante unha poesía escénica, ben estruturada, que se abre a diferentes dimensións e interpretacións, destacando a riqueza cromática no xogo das palabras”.
A categoría de menores de 18 anos quedou deserta por ausencia de participación.
A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 13 de novembro de 2021, no local social de Pino, lugar onde se sitúa a Torre de Caldaloba.

Presentación virtual do libro “MANIFESTO 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller” a través do Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo

O Centro de Documentación e Recursos Feministas, en colaboración coa Concellería de Igualdade do Concello de Vigo organiza unha presentación virtual do libro MANIFESTO 25 N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado baixo o selo de Alvarellos Editora,. Dita presentación terá lugar o vindeiro martes, 9 de novembro de 2021 ás 19:00 h.

Dita presentación contará coa participación das autoras Cristina Corral Soilán, Fátima Domínguez Silva, Eilún Del Pazo Moa e Pilar Maseda.

Ademais intervirán Henrique Alvarellos, editor e director de Alvarellos Editora, e Martiño Maseda, escritor e administrador da web Culturalia GZ, co-promotora de dita publiación

Andanzas do Suso de Lameliña: O CUARTO DAS RATAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O CUARTO DAS RATAS

A MODO DE PRESENTACIÓN

Comezo hoxe a miña colaboración periódica en Culturalia GZ coa publicación de pequenos relatos entre a realidade e a fantasía. Toda unha honra formar parte deste proxecto cultural que sigo desde hai tempo e que incluso me publicou un libro de poemas co título de A Chamada de Brigid. A miña máxima gratitude a Martiño Maseda, por lembrarse de min; agardo non defraudar tanto a el coma aos lectores/as.

O meu nome é Xesús Trashorras. Exercín de mestre principalmente no occidente asturiano e agora de xubilado adico parte do meu tempo a escribir poemas e pequenas historias, algunhas das cales, aparecerán nesta xanela aberta á nosa cultura. Os textos van estar asinados co nome de Suso de Lameliña, que é coma me coñecen os veciños e veciñas da miña vila, Castroverde. Lameliña, vén da casa onde naceu meu pai, en Frontoi (Vilabade), a uns dous quilómetros da capital do concello. Os meus avós, labregos, a quen non coñecín por teren falecido a idade moi temperá, tiveron once fillos. Tres deles, o meu pai un, carpinteiros. Ao casar deixaron a casa patrucial e alugaron unha en Castroverde, mentres canteiros vidos de Pontevedra, construían unha nova vivenda con tres pisos, e un taller de carpintería. Os Lameliñas, que era así coma se coñecían, foron uns carpinteiros moi afamados e recoñecidos na contorna, a quen acudían moitos veciños para realizar obras, xa que a parte de traballar a madeira, tamén facían labores de albanelería.

Pero, agora que xa sabedes algo da miña vida, vaiamos ao gran, e para iso vou comezar cun breve relato que me leva aos primeiros anos da nenez. Espero que vos guste.

O CUARTO DAS RATAS

Tería cinco anos cando pisei por primeira vez unha escola, a escola de párvulos. Esta estaba nun vello edificio na parte máis antiga da vila, mesmo a carón do castelo, no barrio coñecido coma “A Praza”. O edificio fora no seu tempo Casa do Concello, para despois albergar unha aula de párvulos e outra de primaria. Na planta baixa, segundo se entraba, en fronte mesmo, ao fondo, un gran portón, no que sobresaía unha pequena xanela con reixas, daba paso a unha pequena peza chea de todo tipo de trastos: pupitres, mesas, cadeiras, libros vellos… Era o cuarto co que nos ameazaban se nos portabamos mal ou non faciamos axeitadamente as nosas tarefas; o cuarto das ratas, outrora calabozo.

Todos sentiamos un gran pánico a ser castigados a pasar alí dentro, sós cos roedores, unha hora ou o que fose; era o maior castigo que nos podían pór. Mais, a pesar do medo que nos daba, e a min, se cadra aínda máis, a curiosidade era máis poderosa, e sempre que podía trataba de empoleirarme polo portón arriba ata a xanela por comprobar se era quen de ver algunha rata. Tal cousa nunca sucedeu, pero ao pouco de estar mirando comezaba a imaxinarme ratas enormes saíndo de debaixo dunha mesa ou gabeando pola parede arriba. Entón subíame un  frío arreguizo polas costas que facía que fuxira de alí correndo, para, non pasados aínda dous minutos, volver asomarme á fiestra.

Hoxe o edificio está rehabilitado e úsase para actividades culturais. Alí foi onde recibín as primeiras leccións de acordeón. Cantas veces, tocando “A Rianxeira” ou “Catro vellos mariñeiros”, me lembrei daquel cuarto! Colosais ratas, a dúas patas, camiñaban cara a min, ollándome fixamente en actitude ameazante. Volvía revivir aqueles anos escuros e represores, pero ao mesmo tempo con esa inxenua felicidade da infancia.

ESCOLA DE PÁRVULOS

Ruinas dun vello castelo,

grallan paxaros mouros.

Poceiras, aquí e acolá,

gris que en silencio esbagoa.

Entre vetustas pedras,

Casa do concello, outrora,

bate a choiva na xanela,

o frío rila nos ósos.

Unha mestra agarimosa,

unha recua de cativos,

mandilón de cor azul.

Entre as mans un silabario,

Romano é o seu nome,

Catón: ma, me, mi, mo, mu…

Todos a coro cantando.

E no soto, o gran misterio,

o cuarto, chamado das ratas,

seica antano foi prisión.

Cándidas e pícaras olladas

entre as reixas da xanela

procurando algún roedor.

Vella escola de párvulos,

fóra chove con máis forza,

as choias grallan na Torre.

Suso de Lameliña