‘Mar en danza’ trae á Coruña o último espectáculo da bailarina Lucía Lacarra

‘Mar en danza’ trae á Coruña o último espectáculo da bailarina Lucía Lacarra

Fordlandia, de Lucía Lacarra e Matthew Golding, representarase o 20 de novembro no Teatro Colón dentro do ciclo ‘Mar en danza’, impulsado pola promotora cultural QueArte Producciones e a Deputación da Coruña

Lacarra tamén impartirá unha clase maxistral no Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña o venres 19 de novembro, exclusiva para o alumnado do centro

As invitacións gratuítas para Fordlandia poden retirarse desde o venres, 12 de novembro, a través da plataforma web ataquilla.com

O ciclo ‘Mar en danza’ retoma a súa actividade en novembro con dous eventos protagonizados pola bailarina basca Lucía Lacarra, musa de Roland Petit e Helgi Tomasson. A primeira cita será o venres 19 e consistirá nunha masterclass para o alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña. O sábado, ás 20:30 horas, o Teatro Colón acollerá o espectáculo Fordlandia de Lucía Lacarra e Matthew Golding, que se representará por primeira vez en Galicia.

As invitacións gratuítas para o espectáculo poden reservarse desde o venres, 12 de novembro, na plataforma web ataquilla.com.

Fordlandia é a primeira incursión de Lucía Lacarra no ámbito da producción, unha aventura na que se embarcou acompañada do canadense Matthew Golding. Ambos os dous son os protagonistas deste espectáculo multidisciplinar no que conflúen danza, música e arte visual. Fordlandia foi concibido durante o confinamento e materializouse nun espectáculo onírico onde se plasma o distanciamento artístico e físico experimentado por Lacarra e Goldwing mentres vivían o encerro pandémico en Zumaia e Ámsterdam, respectivamente.

A obra trata o tema dos diferentes modos de separación forzada nunha relación aínda existindo o amor. Estrutúrase en seis piezas de danza cuxa transición se executa a través de curtas cinematográficas. Cinco pezas son de nova creación e son autoría de Anna Hop (Stillness y Close), Yuri Possokhov (Snow Storm) y Juanjo Arqués (Fordlandia y Pile of Dust). After The Rain de Christopher Wheeldon é a única peza preexistente. O título do espectáculo fai referencia a unha cidade fundada por Henry Ford no Brasil como centro produtor de caucho na década dos 30. O proxecto fracasaría e deixaría tras de si Fordlandia, unha urbe distópica estadounidense en plena selva amazónica.

Sobre Lucía Lacarra

Natural de Zumaia, Guipuzkoa, Lucía Lacarra comezou a súa formación con 14 anos na Escola de Víctor Ullate e tan só un ano máis tarde iniciou a súa carreira profesional no Ballet do célebre bailarín e coreógrafo. Ao longo da súa traxectoria foi a bailarina principal de compañías coma o Ballet de Marsella, o Ballet de San Francisco, o Ballet da Ópera de Múnich ou o Ballet de Dortmund, onde na actualidade é convidada permanente.

Entre os galardóns que recibiu figuran o Danza & Danza, o Positano, o Isadora Duncan, o Nijinsky, o Prix Benois da Danse -considerado o óscar da danza- e o Premio Nacional de Danza 2005, entre outros. En 2007 convertiuse na primeira bailarina española invitada a participar no Concerto de Aninovo de Viena e en 2010 foi nomeada ‘Bailarina da Década’ no Palacio do Kremlin. É cofundadora, canda a Matthew Golding, de Goldenlac Producciones.

Sobre Matthew Golding

O canadense Matthew Golding formouse na Royal Winnipeg Ballet School desde os 14 anos e uniuse á Universal Ballet Academy en Washington D.C. En 2002, gañou o Youth America Grand Prix e unha bolsa do Prix de Lausanne para estudar en The Royal Ballet School.

Foi bailarín principal no Het National Ballet de Ámsterdam y no Royal Ballet de Londres, e actuou coma invitado en compañías tan prestixiosas como Mariinsky, a Ópera de Múnich, English National Ballet, o Tokyo Ballet e a Ópera de Oslo, por citar algunhas. Entre os seus galardóns atópase o Premio Zwaan holandés en 2010 ademais dunha nominación ao Prix Benois de la Danse en 2012/13 pola súa interpretación en Cascanoces e Cincenta.

‘Mar en danza’ é unha iniciativa cultural impulsada pola Deputación da Coruña e QueArte Producciones con motivo da celebración este ano do 30º aniversario do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación. O ciclo, que foi inaugurado por Julio Bocca o pasado mes de maio, retoma este mes a súa actividade con Lucía Lacarra e Matthew Golding e clausurarase en decembro co bailarín e coreógrafo basco Igor Yebra.

Velaquí a Nota informativa e Dossier Fordlandia