Andanzas do Suso de Lameliña: O CUARTO DAS RATAS
O CUARTO DAS RATAS
A MODO DE PRESENTACIÓN
Comezo hoxe a miña colaboración periódica en Culturalia GZ coa publicación de pequenos relatos entre a realidade e a fantasía. Toda unha honra formar parte deste proxecto cultural que sigo desde hai tempo e que incluso me publicou un libro de poemas co título de A Chamada de Brigid. A miña máxima gratitude a Martiño Maseda, por lembrarse de min; agardo non defraudar tanto a el coma aos lectores/as.
O meu nome é Xesús Trashorras. Exercín de mestre principalmente no occidente asturiano e agora de xubilado adico parte do meu tempo a escribir poemas e pequenas historias, algunhas das cales, aparecerán nesta xanela aberta á nosa cultura. Os textos van estar asinados co nome de Suso de Lameliña, que é coma me coñecen os veciños e veciñas da miña vila, Castroverde. Lameliña, vén da casa onde naceu meu pai, en Frontoi (Vilabade), a uns dous quilómetros da capital do concello. Os meus avós, labregos, a quen non coñecín por teren falecido a idade moi temperá, tiveron once fillos. Tres deles, o meu pai un, carpinteiros. Ao casar deixaron a casa patrucial e alugaron unha en Castroverde, mentres canteiros vidos de Pontevedra, construían unha nova vivenda con tres pisos, e un taller de carpintería. Os Lameliñas, que era así coma se coñecían, foron uns carpinteiros moi afamados e recoñecidos na contorna, a quen acudían moitos veciños para realizar obras, xa que a parte de traballar a madeira, tamén facían labores de albanelería.
Pero, agora que xa sabedes algo da miña vida, vaiamos ao gran, e para iso vou comezar cun breve relato que me leva aos primeiros anos da nenez. Espero que vos guste.
O CUARTO DAS RATAS
Tería cinco anos cando pisei por primeira vez unha escola, a escola de párvulos. Esta estaba nun vello edificio na parte máis antiga da vila, mesmo a carón do castelo, no barrio coñecido coma “A Praza”. O edificio fora no seu tempo Casa do Concello, para despois albergar unha aula de párvulos e outra de primaria. Na planta baixa, segundo se entraba, en fronte mesmo, ao fondo, un gran portón, no que sobresaía unha pequena xanela con reixas, daba paso a unha pequena peza chea de todo tipo de trastos: pupitres, mesas, cadeiras, libros vellos… Era o cuarto co que nos ameazaban se nos portabamos mal ou non faciamos axeitadamente as nosas tarefas; o cuarto das ratas, outrora calabozo.
Todos sentiamos un gran pánico a ser castigados a pasar alí dentro, sós cos roedores, unha hora ou o que fose; era o maior castigo que nos podían pór. Mais, a pesar do medo que nos daba, e a min, se cadra aínda máis, a curiosidade era máis poderosa, e sempre que podía trataba de empoleirarme polo portón arriba ata a xanela por comprobar se era quen de ver algunha rata. Tal cousa nunca sucedeu, pero ao pouco de estar mirando comezaba a imaxinarme ratas enormes saíndo de debaixo dunha mesa ou gabeando pola parede arriba. Entón subíame un frío arreguizo polas costas que facía que fuxira de alí correndo, para, non pasados aínda dous minutos, volver asomarme á fiestra.
Hoxe o edificio está rehabilitado e úsase para actividades culturais. Alí foi onde recibín as primeiras leccións de acordeón. Cantas veces, tocando “A Rianxeira” ou “Catro vellos mariñeiros”, me lembrei daquel cuarto! Colosais ratas, a dúas patas, camiñaban cara a min, ollándome fixamente en actitude ameazante. Volvía revivir aqueles anos escuros e represores, pero ao mesmo tempo con esa inxenua felicidade da infancia.
ESCOLA DE PÁRVULOS
Ruinas dun vello castelo,
grallan paxaros mouros.
Poceiras, aquí e acolá,
gris que en silencio esbagoa.
Entre vetustas pedras,
Casa do concello, outrora,
bate a choiva na xanela,
o frío rila nos ósos.
Unha mestra agarimosa,
unha recua de cativos,
mandilón de cor azul.
Entre as mans un silabario,
Romano é o seu nome,
Catón: ma, me, mi, mo, mu…
Todos a coro cantando.
E no soto, o gran misterio,
o cuarto, chamado das ratas,
seica antano foi prisión.
Cándidas e pícaras olladas
entre as reixas da xanela
procurando algún roedor.
Vella escola de párvulos,
fóra chove con máis forza,
as choias grallan na Torre.
Suso de Lameliña