MARIÁN lanza ‘Portarse bien’, o penúltimo adianto antes da publicación do seu primeiro disco

MARIÁN, cantante e compositora da escena musical emerxente galega, enfrentando a recta final de publicación do seu álbume debut, segue sorprendendo co lanzamento de ‘Portarse bien’, unha canción moi orixinal onde a autora trata temas íntimos en relación á súa vivencia co cancro, con esa enerxía salvaxe e indomable que a caracteriza. Está dispoñible dende hoxe luns 6 de outubro en tódalas plataformas dixitais.

Se pensábamos que a artista outense xa non nos podía sorprender estábamos claramente equivocados. Este lanzamento proponse coma unha auténtica viaxe de superación que MARIÁN retrata á perfección recollendo sutil e simbólicamente a súa vivencia co cancro, unha experiencia de supervivencia que lle tocou enfrontar con tan só dezaoito anos e que nos axuda a entender máis en profundidade a súa visión vital e sen dúbida a súa música.

Escrita tamén en castelán coma Alas, trátase dun tema moi madurado, inicialmente composto en inglés arredor de 2014, que ve agora a luz deixando patente de novo o eclecticismo de MARIÁN como creadora. Na canción, a mestura de paisaxes sonoras nas que os estilos se fusionan libremente (con sons reais coma inclusive os dun culto cristiá) forman unha amalgama de sensacións que nos abren unha ventá directa á historia desta adolescente que tivo que agarrarse con forza a un soño para confiar na posibilidade dun futuro e sobrevivir. 

Conta coma sempre coa infalible producción musical de Iago Pico, gravado enteiramente en Pouland Studios.

‘Portarse bien’ é un convite irrevocable ao cambio, un empurrón a un renacemento forzoso, unha lembranza da fereza interna  que temos dispoñible cando todo se xoga a vida ou morte.

UN NOVO CAPÍTULO

Despois de anos de profunda adicación e mimo, MARIÁN está a piques de lanzar o seu primeiro traballo discográfico, que se publica oficialmente este xaneiro 2026, un álbume que ten como eixo conceptual a liberación da muller salvaxe, no que a compositora e cantautora galega busca explorar temas de transformación persoal, ofrecendo unha viaxe catártica e profundamente conmovedora. Ademáis, este novo disco contará ca participación de recoñecidas artistas galegas coma Guadi Galego.

Orixinaria de Outes e residente en Santiago de Compostela, MARIÁN foi recoñecida actualmente como finalista dos premios Narf da música da Deputación da Coruña que se desputarán o vindeiro dous de novembro no Salón Teatro, e participou na última edición da aceleradora de proxectos musicais “Son Emerxente”, respaldada pola AGADIC e executada pola Fundación Paideia, entre outros logros recentes.

Este lanzamento supón un novo e ilusionante paso nesta prometedora carreira artística da que aínda está todo por contar.

‘Portarse bien’ está dispoñible en Spotify, Apple Music, Youtube Music, Amazon Music, Deezer e Tidal → https://ditto.fm/portarse-bien

Para máis información sobre MARIÁN e o lanzamento de ‘Portarse bien’, visita as súas redes sociais en InstagramFacebook e TikTok.

Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do FIOT

 

A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, no Casino 1889 a noite deste xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, co monólogo das narradoras galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos 

Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana

Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións

Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos

Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025: Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica

Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz

As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función

Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do Festival Internacional Outono de Teatro, que ofrecerá, de xoves a domingo, seis novas propostas escénicas. A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Casino 1889, co monólogo das narradoras orais galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos. Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana, no Valle Inclán Café o venres, e no Mercado Municipal o sábado, respectivamente.

Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións.

Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos. Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025: Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica.

Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.

SOBRE OS ESEPCTÁCULOS DESTA SEGUNDA SEMANA DO #FIOT34

Bailen as vellas. Os contos das cereixas

XOVES 2 DE OUTUBRO, 21.00H I CASINO 1889

https://fiot.gal/programa/bailen-as-vellas-os-contos-das-cereixas

Hai contos que se resisten, coma as cereixas, que veñen da man, un detrás do outro, e saben a memoria viva. Botas os contos á boca, rir, emocionar, lembrar e resistir con retranca, poesía e música. Un lugar onde a tradición non é pasado, senón presente que latexa. As narradoras Atenea García e Vero Rilo chegan coas falas das que non calaron, das que bailaron, cantaron e fixeron da vida un conto en galego. Coa pandeireta na man, neste ano no que conmemoramos a ás cantareiras e a todo o legado da transmisión oral da man de mulleres traen á escena un espectáculo para poñer a palabra no centro, o idioma na boca e as mulleres na voz. Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Sen patrón

VENRES 3 DE OUTUBRO, 19.30H I PRAZA DO CONCELLO

https://fiot.gal/programa/sen-patron

No mundo dos malabares, todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos xiren sen fin. Pero, que pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? Aquí non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante. Tres cómicos que viven a vida como os malabares que controlan, facendo patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido. Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos. Pistacatro é unha compañía e produtora de circo referente en Galicia con vinte anos de traxectoria. Agrupa a numerosos artistas e é pioneira na creación, distribución e profesionalización das artes circenses en e desde Galicia, liderando a promoción do circo contemporáneo. Esta é a súa última obra.

Aquí tou!

VENRES 3 DE OUTUBRO, 21.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

En Aquí tou!, Xosé A. Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Sobre as táboa, revive momentos clave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touri lévanos da man cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser quen hoxe é.

Chegar e encher

VENRES 3 DE OUTUBRO, 23.00H I VALLE INCLÁN CAFÉ

https://fiot.gal/programa/chegar-e-encher

Pasen e vexan: esta muller que está no centro do escenario era unha nena adorable que alegraba ás veciñas coa súa ledicia. Aos corenta anos, aquela criatura que o tiña todo para ser feliz, sube ao escenario para confesar que a cousa non foi tan sinxela. Porque si, ás veces unha toma decisións que a levan por camiños inesperados… e remata facendo rir nun cabaré con alma de monólogo.

Narración, improvisación e cabaré. Chegar e encher é un canto ao fracaso e un divertido e ácido monólogo teatral sobre a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados e a imposibilidade de controlar as nosas vidas.Este é o segundo monólogo para adultas de Bea Campos, actriz, narradora e presentadora. Dende moi nova, comezou a contar contos, realizou milleiros de actuacións e levou as súas historias ata o outro lado do mar, participando en festivais de artes escénicas en Latinoamérica.

Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Zorras

SÁBADO 4 DE OUTUBRO, 23.00H I MERCADO MUNICIPAL

https://fiot.gal/programa/zorras

Dúas mulleres de “40 e tantos” xúntanse para contar as súas propias historias, esas que pasan por relacións, amizades e momentos que marcan unha vida. Pero non se quedan só aí: poñen ao descuberto as semellanzas entre o comportamento humano e o mundo animal, cunha mestura divertida e irreverente. Bárbara Rodríguez, do Teatro del Cuervo, e Noemí Miranda, de Trivilorio Impro, veñen de mundos distintos —teatro de texto, improvisación e cabaré— pero comparten moitas experiencias vitais e moito humor neste espectáculo no que a improvisación, a música e a complicidade co público o transforman nunha festa. Un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo.

Compaña

DOMINGO 5 DE OUTUBRO, 20.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

https://fiot.gal/programa/compana

Un personaxe solitario, atrapado no seu propio universo, decide abrir as portas da imaxinación na procura de compañía. Criaturas inesperadas e sorprendentes obxectos cobrarán vida e acompañarán ao público por un poético camiño de emoción, sorpresas e risas.O circo fusiónase coa arte das marionetas e do teatro de obxectos, e este peculiar personaxe descubriranos como o invisible se volve tanxible e como o imposible se transforma nun xogo compartido de fermosas e máxicas imaxes. Detrás desta creación está Jesús Velasco Otero, artista multidisciplinar, malabarista e clown de gran destreza técnica e cunha ampla traxectoria en compañías galegas, nacionais e internacionais. Fascinaranos pola súa capacidade de trasladar ao escenario o seu mundo interior cun selo inconfundible de fraxilidade, creatividade, precisión e tenrura.

SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. 

No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc. 

Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–. 

Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento.

“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Trátase dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

MÁIS INFORMACIÓN

www.fiot.gal 

2025.10.01.NP-Segunda-Semana-FIOT34

DEMIURXIA “Outra vez” Patricia Torrado Queiruga

Autoría da imaxe: Mohammed Dawoud

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

OUTRA VEZ

Unha e outra vez: o eterno retorno do que falaba Nietzsche, volver a cometer un a un os mesmos erros dun pasado non tan afastado; con teimosía, con grandes doses dun odio exacerbado, sen empatía e, sobre todo, sen dor dos outros.

Dicía o tamén filósofo Inmanuel Kant: algo así como que o ser humano sairá da súa “minoría de idade” cando se atreva a pensar por si mesmo usando a súa propia razón e deixe de obedecer a outros coa cegueira de quen vive máis tranquilo se llo dan feito.

Non hai moito, a arqueóloga Marga Sánchez Romero facía fincapé nunha entrevista en que o que nos fai verdadeiramente humanos son os coidados. E pregúntome: cando, como especie, deixamos de coidarnos? En que intre nos volvemos insensibles ás inxustizas? Como alguén que sabe que outras persoas sofren non é capaz de sentir ese mesmo sufrimento ou, cando menos, unha certa compaixón?

Dame en pensar que perdemos incluso a animalidade –na casa dos meus avós unha vaca aleitara os años da ovella con todo o mimo, cando perderon a nai e lográronse.

Setembro foi para min un mes difícil, mais foi un mes de aprendizaxe.

Teño unha amiga gazatí, Reem -semella que, se falamos de cifras, esquecemos que cada persoa ten un nome, que é unha entidade chea de vida, coas súas esperanzas, preocupacións, soños e realidades-; acaba de sufrir un novo desprazamento forzoso e estamos en contacto por un proxecto que nos une; ela é ilustradora. Até hai dous anos era profesora de debuxo e é nai dun neno de oito anos, Youssef, e dunha nena, Salma, de dez. A guerra deu ao traste con todo e falamos, a poder ser, cada día para sermos válvula de escape desta loucura. Unha tarde díxome: “Dame razóns para seguir debuxando, para poder esquecer que están caendo bombas a metros dos meus fillos”. E sentín o mesmo arreguizo que sinto agora mentres o escribo.

O domingo 7 faleceu a miña avoa e esquecín escribirlle. Falamos de aí a dous días e preguntoume que pasara. Conteille que a avoa fora coma unha nai para min, que era o último vencello cun lugar, cun sentimento, con certos aromas, con eses bicos e eses brazos que son refuxio. E sabedes que me dixo? “Doulle grazas a Alá porque che deixase velala, chorala e enterrala en paz”. Pódovos asegurar que me quebrou por dentro. Ela, que leva vivido todo isto: a inanición, a incomprensión por un conflito atroz e irracional; quen busca sacar forzas para inventar xogos para os seus nunha tenda cativa e plástica a onde non chega a luz ou a auga, a onde non chegan os alimentos, que teñen que desprazarse e facer longas colas para cargar os seus teléfonos e poder conectarse a internet.

E nós, ollando dende fóra, impasibles, inoportunos, impotentes. Eu, magoada dúas veces: pola perda e polo pésame sentido de quen non me coñece de hai tanto e, aínda así, empatiza coa dor de outra persoa.

Pero, como dicía, foi mes de aprendizaxes. O pasado venres, quedei cuns amigos para tomar o café na casa dunha delas, e díxenme: vou ir mercar un doce para acompañar o café posto que non me deu tempo a facelo. Teño que maldicir a hora. Que necesidade tiña?! Cheguei á pastelería en cuestión e a muller que me atendía, uns anos maior ca min, comezou a queixarse de ser autónoma, porque hai que pagar moito a Facenda, á Seguridade Social,… Tiven que interrompela e preguntarlle se a ela, cando a atendían no centro de saúde, lle pedían ver o número de conta ou se, cando lle facían unha proba, tiña que pedir un crédito para poder facela. A cousa non quedou aí porque os cruasáns seguían no forno e os moi puñeteiros non querían cocer, que ían cocer,… E a conversa seguiu marabillosamente falando de Amancio, “porque é tan boísimo que doou unhas máquinas para a diagnose do cancro, que menos mal que o temos a el”. Tiven que volver parala, porque se ese “santo” tributara neste país como debe e non evadira millóns de euros en impostos mediante o uso de filiais en Suiza, Irlanda ou Países Baixos, con eses cartos probablemente se puidese mellorar o estudo, tratamento e diagnose do cancro e doutra manchea de enfermidades. Os cruasáns,… seguían no forno. Mághoa! Porque a cousa seguiu e eu son das que “é aceptable que todo o mundo teña dereito a opinar, máis non toda opinión é aceptable”. E non vai e me defende o xenocidio palestino? Pois si, cun par, dime: “Que solten aos reféns! Verás como todo remata”. E quedei estupefacta. Porque non me falaba como unha doente psíquica; facíao coma unha persoa sen alma, sen capacidade de pórse na pel dos demais, sen poder ou querer afrontar que estamos fallando como sociedade. E cando lle dixen que non podía compararme a perda de 1.000 israelís coa de 65.000 palestinos, que a barbarie das cifras falaba soa, apostillou: “As cifras tamén hai que tomalas de quen veñen, de seguro que non son tantos e son todos terroristas”.

Quen me mandaría a min ir por cruasáns para que me fervese o sangue a primeira hora da mañá? Mais esta é unha realidade cruenta e diaria. O que si sei é a onde non vou volver entrar nin mercar ren. De seguro que haberá un Amancio que lle rescate o negocio cando as cousas lle veñan tortas e tamén sei, e sabemos, que se volvesen os tempos que algúns nostálxicos e nostálxicas ansían, estas persoas serían as primeiras en empuñar o fusil contra nós.

Por certo, o novo Papa vén de aseverar que usamos moito a palabra “xenocidio”, pero a Santa Sede non pode pronunciarse a este respecto sobre o conflito, pois igual non o é. De seguro que o anterior pontífice, que falaba de xustiza para o pobo palestino e que se interesaba diariamente polo que acontecía en Gaza, debe estar a retorcerse baixo a sepultura.

Ogallá teñades quen vos coide, a quen coidar, xente empática e loitadora, que pense por si mesma e que sexa moi consciente de que hai erros que non poden volver a cometerse.

Este sábado GALA-CONCERTO FASE FINAL DO IV CONCURSO MANUEL MARÍA DE COMPOSICIÓNS MUSICAIS na Casa-Museo Manuel María

ESTE SÁBADO CONCERTO DO BARÍTONO GABRIEL ALONSO E O PIANISTA RICARDO GARCÍA NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Será dentro da Gala-Concerto do 4º Concurso Manuel María de Composicións Musicais, onde se interpretarán as cinco composicións finalistas inspiradas en poemas de Manuel María e sete pezas baseadas en poemas Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo, Ramón Cabanillas, Álvaro de las Casas e Castelao

Actividade de acceso libro e gratuíto, mais é necesario reservar no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, 4 de outubro, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da IVª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso: Tenrura, O meu barco, Nas leves tardes de Outono, Eu son de Outeiro de Rei Alborada, compostas por Manuel Pacheco Sánchez, Luis Serrapio Fernández, Yónatan Sánchez Santianes, Manuel María Veiga Lombardía e Xosé Alfredo Oliveira Pérez.

O concerto contará como intérpretes convidados os músicas galegos Gabriel Alonso, barítono, e Ricardo García, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores galegos José Baldomir, Manuel Moreno-Buendía, Juan Durán, Xavier Montsalvatge, Antón García Abril e Rosendo Mato Hermida baseadas en poemas de Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo, Ramón Cabanillas, Álvaro de las Casas e Castelao.

A Galería NÉBOA debuta en SWAB Barcelona cunha proposta de Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís

  • A Galería NÉBOA debuta en SWAB cunha proposta de Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís
  • Datas: 2 – 5 de outubro de 2025
  • Localización: Stand MF2 – Pavillón Textil, Fira de Barcelona (Av. de Rius i Taulet, 10, Barcelona)
     

A Galería NÉBOA, con sede en Lugo, participará por primeira vez en SWAB Barcelona, Feira Internacional de Arte Contemporánea, dentro da sección MyFAF (My First Art Fair), un programa destinado a galerías emerxentes que se presentan por primeira vez nun contexto internacional.

Para esta edición, NÉBOA reúne o traballo recente de dúas voces destacadas da nova creación galega: Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) e Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000). A proposta xira arredor das relacións entre corpo, territorio e memoria, entendendo estes tres eixos como espazos de diálogo crítico e poético.

NÉBOA é a única galería galega presente en SWAB 2025, e chega con unha selección que reforza o seu compromiso coa arte contemporánea do país e coa visibilidade de proxectos vinculados á identidade e ao territorio. A súa presenza en Barcelona supón un paso decisivo na consolidación do proxecto, expandindo a súa proxección no panorama artístico estatal e internacional.

Sobre os artistas

Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo (2025). En 2021 completou a súa formación como investigadora predoutoral no Departamento de Filosofía do Boston College (Boston, EE. UU.) grazas a unha bolsa Fulbright-Xunta de Galiza. Ademáis, en 2025 foi becada polo Centro de Arte Fundación María José Jove para cursar o Máster en Belas Artes no Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW University de Basilea (CH) durante os cursos 2025–2027.

Desde unha mirada crítica e situada, o seu traballo propón unha ruptura coas xerarquías tradicionais entre o humano e o non humano, expoñendo formas de convivencia e coidado nas que o corpo e a súa contorna comparten unha mesma lóxica de transformación mutua. A través da súa obra, a artista explora como a práctica escultórica pode converterse nunha forma de estar no mundo, e como o corpo é capaz de activar vínculos afectivos e materiais cando se entrelaza con elementos da paisaxe, así coma outros de vida cotiá.

Nos seus traballos, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca e convértese nunha superficie viva que acolle e se deixa afectar. A súa produción máis recente afonda nesta conexión entre corpo e materia, e propón novas formas de imaxinar a coexistencia interespecie desde o artístico.

Entre as súas exposicións destacan: A sweaty dispersal into the fog, Galería NÉBOA (Lugo, 2025); A Friend of a Friend of a Friend, der TANK (Basilea, CH, 2025); A que me refiero cando falo de corpo, Sarao Studio (Ferrol, 2025); Algo que brilla… ao final do bosque, Bienal de Arte Contemporánea, Fundación Sales (Vigo, 2024); atravesar o xardín / entre as dúas esquinas, Feira de Arte Culturgal (Pontevedra, 2023); Corpo, afectos, territorio, Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona, 2023); Snapshots de Chantada, Os Casares, Galería Vilaseco (Lugo, 2022); Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense, 2022); Feira de Arte Culturgal (Pontevedra, 2021); Novos Valores, Museo de Pontevedra (Pontevedra, 2020).

Ademais, realizou residencias artísticas na Fundación Walter & Nicole Leblanc en Bruxelas (BE) e no Centro de Residencias Artísticas de Matadero Madrid, grazas á Diputación de Pontevedra en colaboración ca 32ª Bienal de arte de Pontevedra; en Atelier Mondial en colaboración co Institue Art Gender Nature (IAGN) da HGK de Basilea (CH) a través do programa internacional de arte do Museo de Pontevedra; en 12Miradas da Galería Vilaseco en colaboración ca Fundación María José Jove (Lugo, 2021), en Residency Unlimited (Nova York, 2021), e foi premiada coa Residencia Artística Celestino Cuevas en Artesantander 2025 a través da Galería NÉBOA. Tamén recibiu bolsas e premios da Universidade de Vigo (bolsa predoutoral, 2020–2023), da Deputación da Coruña (bolsa de investigación, 2023–2024), da Deputación de Ourense (primeiro premio do XVI Certame de Artes Plásticas, 2021) e da Deputación de Pontevedra (premio do Certame de Artes Plásticas Novos Valores, 2020).

As súas obras forman parte das coleccións da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) desenvolve a súa práctica artística entre Galiza, Valencia e o País Vasco. O seu traballo parte dunha investigación plástica arredor da linguaxe, a superficie pictórica e a construción das imaxes, a miúdo dende unha aproximación conceptual e procesual.

É graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024). Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo e foi residente en Piramidón Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas (Reinosa, 2025). 

Nos últimos anos recibiu varios recoñecementos, entre eles o Premio Gaztea do Concello de Leioa (2024) e o Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París, 2022) polo seu proxecto Luz negra. Foi tamén finalista do certame Xuventude Crea (2020 e 2021) e seleccionado para o Encontro de Artistas Novos EAN11 na Cidade da Cultura de Galiza, baixo a coordinación de Rafael Doctor.

Entre as súas exposicións destacan Isabelle Dinoire no Espazo Peculiar (Oleiros, A Coruña, 2025), Gramática de superficie na Galería NÉBOA (Lugo, 2024), a colectiva Territorio Contemporánea 2025 na sala ABANCA (Santiago de Compostela, 2025) dos galardoados coa Cátedra Faustino & Willy Ramos na Galería Lupe Fullana (Valencia, 2023), o XXVI Certame de Novos Pintores da Fundación Gaceta (Salamanca, 2023), Paisaxe_0 na Galería Metro (Santiago de Compostela, 2022), A imaxe da memoria na Biblioteca Azorín (Patraix, Valencia, 2022), Xuventude Crea na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela, 2021) e Hidden Sessions co colectivo Orbis Vacui no Centro Cultural Escola de Russafa (Valencia, 2020). En 2024 foi seleccionado para a exposición PLURI-IDENTITATS. IV Convocatòria Biennal d’Arts Visuals no Museu de la Universitat d’Alacant (Sala Sempere, 2025), así como para a mostra colectiva Tres o Cuatro Metros, organizada pola UPV/EHU en colaboración coas Xuntas Xerais de Bizkaia.

A súa obra foi recoñecida con tres premios de adquisición en Artesantander 2025, outorgados pola Colección Norte do Goberno de Cantabria, a Fundación Campocerrado e KELLS Art Collection, a través da Galería NÉBOA, e forma parte destas coleccións públicas e privadas.

Sobre SWAB Barcelona 2025

18.ª edición de SWAB Barcelona celebrarase do 2 ao 5 de outubro de 2025 no Pavillón Textil da Fira de Montjuïc, reunindo máis de 150 artistas e 60 proxectos procedentes de 22 países, cun enfoque especial nas escenas do norte de Europa, sudeste asiático e Latinoamérica.

Nesta edición, a primeira dirixida por Carolina Díez-Cascón, a feira reforza o seu carácter como plataforma para a arte emerxente, apostando por formatos que priorizan o diálogo, a solidariedade, a autoxestión e modelos alternativos de coprodución e correpresentación.

No marco do programa MyFAF, impulsado pola Fundación SWAB Barcelona, a Galería NÉBOA foi unha das tres galerías seleccionadas, xunto a Autokomanda (Belgrado) e Outhouse (Londres), para dar visibilidade a proxectos cunha mirada curatorial definida e comprometida coas dinámicas contemporáneas.

Información práctica


📍 Stand MF2 – Pabellón Textil. Fira de Barcelona, Avenida de Rius i Taulet, 10, Barcelona
📅 2 – 5 outubro, 2025
🕔 Horario: 

  • Xoves 2 de octubre, de 5pm a 9pm (só con invitación)
  • Venres 3 de outubro, de 4pm a 9pm
  • Sábado 4 de outubro de 12pm a 9pm
  • Domingo 5 de outubro de 12pm a 8pm

Máis info: https://swab.es/es/

O IESCHA organiza unha visita á Exposición VIGO-MURAS SERIGRAFÍA GALEGA 1971

O vindeiro sábado 4 de outubro de 2025, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) ten previsto visitar, no lugar de AS AGUIAS-MURAS, a exposición “Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971”, un tributo aos irmáns Álvarez Blázquez que acerca ao público 41 serigrafías saídas dos talleres da Serigrafía Gallega (Sega), fundada en Vigo por Álvaro Álvarez Blázquez, e expostas por primeira vez en Galicia en 1971.

Na exposición, promovida polo LEGADO ACTIVO BEIRAS CAL (LABC), poderán verse obras de artistas como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio Prego, Xosé Luis de Dios, os irmáns Quesada, Mercedes Ruibal, María Antonia Dans, Vidal Souto ou Maside, entre outros, configurando un percorrido pola creación galega contemporánea a través da serigrafía.

A chegada á As Aguias-Muras está prevista para as 12:00. A continuación faremos unha visita á exposición acompañados por Carme Varela, secretaria do LABC (Legado Activo Beiras Cal).

Nesta ocasión, non hai prazo de inscrición. Todas as persoas que desexen participar na visita acudirán polos seus medios ao punto de inicio, lugar de ÁS AGUIAS-MURAS, ás 12:00 horas

(Hora prevista de remate da visita: 14:00)

NOTA-INFORMATIVA-VISITA-EXPO-MURAS-2025