MARIÁN, cantante e compositora da escena musical emerxente galega, enfrentando a recta final de publicación do seu álbume debut, segue sorprendendo co lanzamento de ‘Portarse bien’, unha canción moi orixinal onde a autora trata temas íntimos en relación á súa vivencia co cancro, con esa enerxía salvaxe e indomable que a caracteriza. Está dispoñible dende hoxe luns 6 de outubro en tódalas plataformas dixitais.

Se pensábamos que a artista outense xa non nos podía sorprender estábamos claramente equivocados. Este lanzamento proponse coma unha auténtica viaxe de superación que MARIÁN retrata á perfección recollendo sutil e simbólicamente a súa vivencia co cancro, unha experiencia de supervivencia que lle tocou enfrontar con tan só dezaoito anos e que nos axuda a entender máis en profundidade a súa visión vital e sen dúbida a súa música.

Escrita tamén en castelán coma Alas, trátase dun tema moi madurado, inicialmente composto en inglés arredor de 2014, que ve agora a luz deixando patente de novo o eclecticismo de MARIÁN como creadora. Na canción, a mestura de paisaxes sonoras nas que os estilos se fusionan libremente (con sons reais coma inclusive os dun culto cristiá) forman unha amalgama de sensacións que nos abren unha ventá directa á historia desta adolescente que tivo que agarrarse con forza a un soño para confiar na posibilidade dun futuro e sobrevivir. 

Conta coma sempre coa infalible producción musical de Iago Pico, gravado enteiramente en Pouland Studios.

‘Portarse bien’ é un convite irrevocable ao cambio, un empurrón a un renacemento forzoso, unha lembranza da fereza interna  que temos dispoñible cando todo se xoga a vida ou morte.

UN NOVO CAPÍTULO

Despois de anos de profunda adicación e mimo, MARIÁN está a piques de lanzar o seu primeiro traballo discográfico, que se publica oficialmente este xaneiro 2026, un álbume que ten como eixo conceptual a liberación da muller salvaxe, no que a compositora e cantautora galega busca explorar temas de transformación persoal, ofrecendo unha viaxe catártica e profundamente conmovedora. Ademáis, este novo disco contará ca participación de recoñecidas artistas galegas coma Guadi Galego.

Orixinaria de Outes e residente en Santiago de Compostela, MARIÁN foi recoñecida actualmente como finalista dos premios Narf da música da Deputación da Coruña que se desputarán o vindeiro dous de novembro no Salón Teatro, e participou na última edición da aceleradora de proxectos musicais “Son Emerxente”, respaldada pola AGADIC e executada pola Fundación Paideia, entre outros logros recentes.

Este lanzamento supón un novo e ilusionante paso nesta prometedora carreira artística da que aínda está todo por contar.

‘Portarse bien’ está dispoñible en Spotify, Apple Music, Youtube Music, Amazon Music, Deezer e Tidal → https://ditto.fm/portarse-bien

Para máis información sobre MARIÁN e o lanzamento de ‘Portarse bien’, visita as súas redes sociais en InstagramFacebook e TikTok.