• A Galería NÉBOA debuta en SWAB cunha proposta de Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís
  • Datas: 2 – 5 de outubro de 2025
  • Localización: Stand MF2 – Pavillón Textil, Fira de Barcelona (Av. de Rius i Taulet, 10, Barcelona)
     

A Galería NÉBOA, con sede en Lugo, participará por primeira vez en SWAB Barcelona, Feira Internacional de Arte Contemporánea, dentro da sección MyFAF (My First Art Fair), un programa destinado a galerías emerxentes que se presentan por primeira vez nun contexto internacional.

Para esta edición, NÉBOA reúne o traballo recente de dúas voces destacadas da nova creación galega: Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) e Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000). A proposta xira arredor das relacións entre corpo, territorio e memoria, entendendo estes tres eixos como espazos de diálogo crítico e poético.

NÉBOA é a única galería galega presente en SWAB 2025, e chega con unha selección que reforza o seu compromiso coa arte contemporánea do país e coa visibilidade de proxectos vinculados á identidade e ao territorio. A súa presenza en Barcelona supón un paso decisivo na consolidación do proxecto, expandindo a súa proxección no panorama artístico estatal e internacional.

Sobre os artistas

Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo (2025). En 2021 completou a súa formación como investigadora predoutoral no Departamento de Filosofía do Boston College (Boston, EE. UU.) grazas a unha bolsa Fulbright-Xunta de Galiza. Ademáis, en 2025 foi becada polo Centro de Arte Fundación María José Jove para cursar o Máster en Belas Artes no Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW University de Basilea (CH) durante os cursos 2025–2027.

Desde unha mirada crítica e situada, o seu traballo propón unha ruptura coas xerarquías tradicionais entre o humano e o non humano, expoñendo formas de convivencia e coidado nas que o corpo e a súa contorna comparten unha mesma lóxica de transformación mutua. A través da súa obra, a artista explora como a práctica escultórica pode converterse nunha forma de estar no mundo, e como o corpo é capaz de activar vínculos afectivos e materiais cando se entrelaza con elementos da paisaxe, así coma outros de vida cotiá.

Nos seus traballos, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca e convértese nunha superficie viva que acolle e se deixa afectar. A súa produción máis recente afonda nesta conexión entre corpo e materia, e propón novas formas de imaxinar a coexistencia interespecie desde o artístico.

Entre as súas exposicións destacan: A sweaty dispersal into the fog, Galería NÉBOA (Lugo, 2025); A Friend of a Friend of a Friend, der TANK (Basilea, CH, 2025); A que me refiero cando falo de corpo, Sarao Studio (Ferrol, 2025); Algo que brilla… ao final do bosque, Bienal de Arte Contemporánea, Fundación Sales (Vigo, 2024); atravesar o xardín / entre as dúas esquinas, Feira de Arte Culturgal (Pontevedra, 2023); Corpo, afectos, territorio, Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona, 2023); Snapshots de Chantada, Os Casares, Galería Vilaseco (Lugo, 2022); Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense, 2022); Feira de Arte Culturgal (Pontevedra, 2021); Novos Valores, Museo de Pontevedra (Pontevedra, 2020).

Ademais, realizou residencias artísticas na Fundación Walter & Nicole Leblanc en Bruxelas (BE) e no Centro de Residencias Artísticas de Matadero Madrid, grazas á Diputación de Pontevedra en colaboración ca 32ª Bienal de arte de Pontevedra; en Atelier Mondial en colaboración co Institue Art Gender Nature (IAGN) da HGK de Basilea (CH) a través do programa internacional de arte do Museo de Pontevedra; en 12Miradas da Galería Vilaseco en colaboración ca Fundación María José Jove (Lugo, 2021), en Residency Unlimited (Nova York, 2021), e foi premiada coa Residencia Artística Celestino Cuevas en Artesantander 2025 a través da Galería NÉBOA. Tamén recibiu bolsas e premios da Universidade de Vigo (bolsa predoutoral, 2020–2023), da Deputación da Coruña (bolsa de investigación, 2023–2024), da Deputación de Ourense (primeiro premio do XVI Certame de Artes Plásticas, 2021) e da Deputación de Pontevedra (premio do Certame de Artes Plásticas Novos Valores, 2020).

As súas obras forman parte das coleccións da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) desenvolve a súa práctica artística entre Galiza, Valencia e o País Vasco. O seu traballo parte dunha investigación plástica arredor da linguaxe, a superficie pictórica e a construción das imaxes, a miúdo dende unha aproximación conceptual e procesual.

É graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024). Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo e foi residente en Piramidón Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas (Reinosa, 2025). 

Nos últimos anos recibiu varios recoñecementos, entre eles o Premio Gaztea do Concello de Leioa (2024) e o Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París, 2022) polo seu proxecto Luz negra. Foi tamén finalista do certame Xuventude Crea (2020 e 2021) e seleccionado para o Encontro de Artistas Novos EAN11 na Cidade da Cultura de Galiza, baixo a coordinación de Rafael Doctor.

Entre as súas exposicións destacan Isabelle Dinoire no Espazo Peculiar (Oleiros, A Coruña, 2025), Gramática de superficie na Galería NÉBOA (Lugo, 2024), a colectiva Territorio Contemporánea 2025 na sala ABANCA (Santiago de Compostela, 2025) dos galardoados coa Cátedra Faustino & Willy Ramos na Galería Lupe Fullana (Valencia, 2023), o XXVI Certame de Novos Pintores da Fundación Gaceta (Salamanca, 2023), Paisaxe_0 na Galería Metro (Santiago de Compostela, 2022), A imaxe da memoria na Biblioteca Azorín (Patraix, Valencia, 2022), Xuventude Crea na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela, 2021) e Hidden Sessions co colectivo Orbis Vacui no Centro Cultural Escola de Russafa (Valencia, 2020). En 2024 foi seleccionado para a exposición PLURI-IDENTITATS. IV Convocatòria Biennal d’Arts Visuals no Museu de la Universitat d’Alacant (Sala Sempere, 2025), así como para a mostra colectiva Tres o Cuatro Metros, organizada pola UPV/EHU en colaboración coas Xuntas Xerais de Bizkaia.

A súa obra foi recoñecida con tres premios de adquisición en Artesantander 2025, outorgados pola Colección Norte do Goberno de Cantabria, a Fundación Campocerrado e KELLS Art Collection, a través da Galería NÉBOA, e forma parte destas coleccións públicas e privadas.

Sobre SWAB Barcelona 2025

18.ª edición de SWAB Barcelona celebrarase do 2 ao 5 de outubro de 2025 no Pavillón Textil da Fira de Montjuïc, reunindo máis de 150 artistas e 60 proxectos procedentes de 22 países, cun enfoque especial nas escenas do norte de Europa, sudeste asiático e Latinoamérica.

Nesta edición, a primeira dirixida por Carolina Díez-Cascón, a feira reforza o seu carácter como plataforma para a arte emerxente, apostando por formatos que priorizan o diálogo, a solidariedade, a autoxestión e modelos alternativos de coprodución e correpresentación.

No marco do programa MyFAF, impulsado pola Fundación SWAB Barcelona, a Galería NÉBOA foi unha das tres galerías seleccionadas, xunto a Autokomanda (Belgrado) e Outhouse (Londres), para dar visibilidade a proxectos cunha mirada curatorial definida e comprometida coas dinámicas contemporáneas.

Información práctica


📍 Stand MF2 – Pabellón Textil. Fira de Barcelona, Avenida de Rius i Taulet, 10, Barcelona
📅 2 – 5 outubro, 2025
🕔 Horario: 

  • Xoves 2 de octubre, de 5pm a 9pm (só con invitación)
  • Venres 3 de outubro, de 4pm a 9pm
  • Sábado 4 de outubro de 12pm a 9pm
  • Domingo 5 de outubro de 12pm a 8pm

Máis info: https://swab.es/es/