II Concerto de Verán: actuación de BOROA no Templete da Música de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o II COCERTO DE VERÁN, coa actuación do grupo musical galego BOROA, que terá lugar o venres 18 de agosto de 2023, ás 22:00 h., no Templete da Música de Vilalba.

Antes, ás 20:00h., OBRADORIO DE INICIACIÓN Á XOTA.

NOTA_INFORMATIVA_BOROA

Hoxe arranca o 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña “Viñetas desde o Atlántico 2023”

Durante sete días, até o domingo 13 de agosto, a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun centenar de propostas: exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, visitas, mesas redondas, etc. 

Este luns, 7 de agosto, o programa de Viñetas inclúe, ademais da apertura das súas sete exposicións, o primeiro dos obradoiros infantís de Viñetas Lab, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.00h, e o concerto ilustrado de Hongo, ás 21.00h, no Teatro Colón

A Rúa da BD, que reúnen a mellor selección editorial de banda deseñada de hoxe e de sempre, comezará a súa andaina de 18.00 a 21.00h e, nesta tarde de luns, contará coas sinaturas de Jorge Campos (Anaya), Paula Chesire (Fandogamia) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial)

A inauguración oficial de Viñetas desde o Atlántico 2023 terá lugar este luns, 7 de agosto, no exterior do Kiosco Alfonso, ás 18.00h, coa presencia da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o concelleiro de cultura, Gonzalo Castro; as autoras Laura Pérez Vernetti, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland; o ilustrador Manel Cráneo, autor do cartel de Viñetas 2023; os comisarios Alberto Medina, Guillermo Cobo e Raquel Jimeno; e outras personalidades do universo da BD coruñesa, representantes da Rúa da BD e de asociacións colaboradoras da cita como Coruña Gráfica e Autobán 

Hoxe arranca o 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico 2023. Durante os próximos sete días, até o domingo 13 de agosto, a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun centenar de propostas artísticas, que inclúen exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, obradoiros infantís e profesionais, visitas guiadas, mesas redondas, etc. 

O programa de Viñetas 2023 previsto para este luns, 7 de agosto, propón, ademais da apertura das súas sete exposicións, o primeiro dos obradoiros infantís de Viñetas Lab, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.00h, e o concerto de Hongo, ilustrado por Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde, ás 21.00h, no Teatro Colón.

A Rúa da BD, que reúnen máis de 40 stands profesionais de editoras e librarías coa mellor selección editorial de banda deseñada de hoxe e de sempre, comezará a súa andaina de 18.00 a 21.00h e, nesta tarde de luns, contará coas sinaturas de Jorge Campos (Anaya), Paula Chesire (Fandogamia) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).

PROGRAMA ACTIVIDADES LUNS 7 DE AGOSTO

EXPOSICIÓNS VIÑETAS 2023

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/exposicions/

CONCERTO DE HONGO, ILUSTRADO POR PAZ RODRÍGUEZ, LUIS YANG E JULIA ABALDE

Luns 7 de agosto, ás 21.00h. No Teatro Colón

Música e ilustración danse a man nun espectáculo que lle poñerá a guinda á xornada inaugural  deste Viñetas 2023. Este concerto ilustrado contará con música en directo a cargo da banda coruñesa Hongo, que será ilustrado ao vivo por tres queridos autores do panorama da autoedición de banda deseñada coruñesa: Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde. A execución das ilustracións por parte dos artistas será proxectada en tempo real no Colón mentres a banda actúa.

VIÑETAS LAB

No Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez

HORARIOS E IDADE

Luns 7 de agosto, 19.00h. Martes 8 a venres 11, 18.00 e 19.00h. Sábado 12 e domingo 13, 12.00, 18.00 e 19.00h. De 6 a 12 anos.

INSCRICIÓN

15 prazas en cada obradoiro, con inscrición previa a través do correo ludidactica@gmail.com e no propio Palco da Música antes de cada obradoiro sempre que houbese prazas libres.

Viñetas estrea unha nova actividade lúdica orientada ao público infantil este 2023. A iniciativa Viñetas Lab reúne un total de 15 obradoiros, dunha hora de duración, que celebraranse no Palco da Música Xardíns de Méndez Núñez, especialmente decorado e acondicionado para a ocasión. O programa de Viñetas Lab extenderase ao largo de todo o festival, do 7 ao 13 de agosto. As protagonistas das actividades serán as famosas esculturas de Viñetas desde o Atlántico que reproducen personaxes de tebeo como Lucky Luke, Os Simpson, Pitufina, Carpanta, Esther, Spiderman, Batman ou Mortadelo e Filemón, entre moitos outros, todas elas presentes nos xardíns onde terán lugar os obradoiros. A dinámica da actividade consistirá nun xogo colaborativo no que as nenas e os nenos introduciranse nos universos creativos destas personaxes de ficción, para logo desenvolver as súas propias historietas, nas que mesturarán estes personaxes que nunca antes conviviron todas xuntas nun mesmo tebeo. 

2023.08.06.-NP_GAL-Empieza-Vinetas-2023

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un carmen en Granada. Memorias de un hispanista dublinés

Autora: Ian Gibson

Editorial: Tusquets

Ano de publicación: 2023

Durante as últimas semanas, cargadas de grande intensidade política, quixen repasar, quizais por certa analoxía co que estabamos a vivir, algúns dos acontecementos previos á Guerra Civil. Volvín aos apuntamentos académicos, que aínda conservo, e vin algúns documentais e programas de televisión, xa desaparecidos, coma La Clave. Aí dei co final dos días dun dos poetas que máis admiro: Federico García Lorca. 

Visualicei, asemade, a serie Lorca, muerte de un poetacoa angustia de saber que o docudrama relataba un dos episodios máis terríbeis e inxustos da nosa Historia. Tirando do fío, descubrín que a serie partía do libro La represión nacionalista de Granada en 1936 y la muerte de Federico García Lorca de IanGibson. Resultábame imprescindíbel, desde ese momento, saber algo máis sobre o escritor que, con tal fervor fervor lorquiano, recompilou aquel valiosísimo material. Así foi como cheguei ás páxinas de Un carmen en Granada.

A través destas memorias, coñecemos, por voz do autor, como transcorreu a súa infancia no seo dunha familia protestante irlandesa. A rixidez do puritanismo relixioso marcará eses primeiros anos de vida, non exentos de medos e conflitos internos. Pouco a pouco, descubrimos o Ian adolescente, que nos revela a paixón pola natureza e a ornitoloxía, en particular, até chegarmos ao hispanista comprometido coa democracia e o antifascismo. Talvez fose esa etapa adulta, pola súa investigación coma biógrafo de Lorca, a que máis me interesaba nun principio, porén recoñezo que a primeira, ademais de interesante, é esencial para comprendermos algunhas conexións que se poden estabelecer entre a súa vida  e a do citado poeta.

En definitiva, Un carmen en Granada –soño cumprido polo dublinés, xa que pasou unha tempada nunha desas típicas casas granadinas con xardín secreto- déixanos ver, desde a honestidade afastada de calquera fabulación, os labirintos vitais de quen entregou boa parte do seu tempo á recuperación da memoria colectiva dos pobos ibéricos.

Viñetas desde o Atlántico 2023 propón un novo ciclo de cinema de animación, unha audioficción e un concerto ilustrado dentro das súas actividades paralelas

O programa completo do 26º festival internacional da banda deseñada da Coruña -que pódese consultar en www.vinetasdesdeoatlantico.com– inclúe, tamén, visitas guiadas, unha mesa redonda, obradoiros profesionais e infantís, un encontro sectorial e a tradicional Rúa da BD, con máis de 40 expositores de librarías e editoras de referencia do sector

Visitas guiadas, audioficción, música, cinema, obradoiros profesionais e infantís, un encontro sectorial, unha mesa redonda, a xa tradicional Rúa da BD -que concentrará máis de 40 expositores de librarías e editoras de referencia do sector do cómic de toda España, con firmas de libros, charlas e outras accións abertas ao público- e o programa parelelo de Autobán conforman o programa completo do 26º festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña Viñetas desde o Atlántico este 2023.

Da man de Viñetas 2023, Laura Pérez Vernetti e os italianos Teresa Radice e Stefano Turconi visitarán á Coruña para ofrecer unha visita guiada ás súas exposicións, mentres que a mostra ¡Mujercitas del mundo, uníos! contará tamén cun paseo guiado polos seus comisarios.

Pola súa banda, o Teatro Colón acollerá unha mesa redonda coas pioneiras do cómic underground adulto en España, ademais de programar, tamén, a novidosa audioficción da novela gráfica ‘O lume’, de David Rubín, elixida como o mellor cómic español de 2022. 

O cinema e a música súmanse este 2023 á órbita de Viñetas desde o Atlántico con dúas propostas que terán lugar, tamén, no Teatro Colón: por unha parte, os filmes de animación Lupin III: The FirstSpider-Man: Into the Spider-VerseThe First Slam Dunk e Akira 4K conforman o novo ciclo de cinema Órbita Animada. Por outra parte, o público poderá gozar, tamén no Teatro Colón, dun concerto ilustrado, que fusionará en directo a música da banda coruñesa de metal y sludge Hongo coas ilustracións creadas ao vivo polos artistas de BD da Coruña Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde. 

Ademais, este 2023 Viñetas desde o Atlántico quere tender pontes co sector da banda deseñada coruñesa e suma a celebración paralela do mercado de autoedición Autobán, con máis 70 propostas artísticas chegadas de toda a Península, ademais de música, obradoiros, exposicións, un combate de ilustración e outras actividades, que se celebrarán o sábado 12 de agosto na Praza de San Andrés ao longo de toda a xornada.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

* Todas actividades son de acceso libre, ata completar aforo.

Visitas guiadas

VISITA GUIADA POLOS COMISARIOS Á EXPOSICIÓN ‘¡MUJERCITAS DEL MUNDO ENTERO, UNÍOS!’

Martes 8 de agosto. Dous pases: 12.00h e 18.00h. No Kiosco Alfonso

Os comisarios da exposición Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo desvelarán os detalles da mostra nun paseo guiado pola mesma. As visitas son abertas ao público, sen necesidade de inscrición previa. 

VISITA GUIADA POLA AUTORA Á EXPOSICIÓN ‘VIVE LA VIDA E OUTRAS POESÍAS GRÁFICAS DE LUIS ALBERTO DE CUENCA. POR LAURA PÉREZ VERNETTI’

Mércores 9 de agosto, ás 13.00h. Na Casa Museo Picasso

A autora Laura Pérez Vernetti, pioneira do movemento underground na España dos 80 e considerada como unha das mellores historietistas españolas de todos os tempos, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona, visita Viñetas desde o Atlántico para ofrecer un paseo guiado pola súa exposición, xunto ao comisario da mesma, Asier Mensuro. A visita é aberta ao público, sen necesidade de inscrición previa.

VISITA GUIADA POLOS AUTORES Á EXPOSICIÓN ‘LAS CHICAS DEL PILLAR’

Mércores 9 de agosto, ás 17h. Na Sala de Exposicións do Palacio Municipal

Os autores italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como uns dos máis relevantes creadores do panorama actual europeo da Novena Arte, desvelarán os detalles da súa mostra nun paseo guiado pola mesma. A guionista e o debuxante asinarán exemplares da súa obra ao finalizar a actividade. A visita é aberta ao público, sen necesidade de inscrición previa.

Mesa redonda

PIONEIRAS DO CÓMIC UNDERGROUND ADULTO

Martes 8 de agosto, ás 19.00h. No Teatro Colón

As autoras Isa Feu, Laura Pérez Vernetti, Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland visitan Viñetas desde o Atlántico 2023 para participar nunha conversa aberta ao público sobre a súa exposición ‘Mujercitas del mundo entero, uníos!’. A mesa redonda estará moderada e presentada pola comisaria da mostra Raquel Jimeno.

Audioficción

AUDIOFICCIÓN ‘O LUME’ DE DAVID RUBÍN

Mércores 9 de agosto, ás 22.00h. No Teatro Colón

Viñetas 2023 presenta unha audioficción dramatizada por Xosé Barato e presentada por Neves Rodríguez, que adapta a un novo formato unha das obras máis premiadas do cómic español en 2022 e 2023: El fuego (Astiberri Ediciones) / O lume (Demo Editorial), de David Rubín.

O historietista e animador galego David Rubín -gañador, entre moitos outros, do Premio Josep Toutain ao autor revelación do Salón do Cómic de Barcelona en 2007, ademais de ser nominado en catro ocasións aos Premios Eisner, os Oscar do mundo do cómic- fará unha breve introdución ao espectáculo, nunha conversa con Neves Rodríguez sobre o proceso creativo da obra. A intervención estará acompañada de proxeccións. A continuación , chegaralle a súa quenda á audioficción. Ao remate do evento, o autor asinará exemplares da obra El fuego (Astiberri Ediciones) / O lume (Demo Editorial), editada en galego e en español, no hall do propio Colón.

Música

CONCERTO DE HONGO, ILUSTRADO POR PAZ RODRÍGUEZ, LUIS YANG E JULIA ABALDE

Luns 7 de agosto, ás 21.00h. No Teatro Colón

Música e ilustración danse a man nun espectáculo que lle poñerá a guinda á xornada inaugural deste Viñetas 2023. Este concerto ilustrado contará con música en directo a cargo da banda coruñesa Hongo, que será ilustrado ao vivo por tres queridos autores do panorama da autoedición de banda deseñada coruñesa: Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde. A execución das ilustracións por parte dos artistas será proxectada en tempo real no Colón mentres a banda actúa.

Cinema 

ÓRBITA ANIMADA. CICLO DE CINEMA

Mércores 9 de agosto, ás 16.30 e 18.30h. Venres 11, ás 12.00 e 17.00h. No Teatro Colón

O Sétimo Arte fai a súa aparición en Viñetas desde o Atlántico cun novo ciclo de cinema para públicos de diferentes idades, que poderán gozar das proxeccións en pantalla grande, no Teatro Colón, dos filmes de animación Lupin III: The FirstSpider-Man: Into the Spider-VerseThe First Slam Dunk y Akira 4K.

Sesións mércores 9 de agosto

16.30h Lupin III: The First (93 min. +7 anos) 

18.30h Spider-Man: Into the Spider-Verse (116 min. +17 anos)

Sesións venres 11 de agosto

12.00h The First Slam Dunk(124 min. +7 anos) 

17.00h Akira 4K (124 min. + 12 anos)

Ibáñez en Viñetas

IBÁÑEZ EN VIÑETAS

Do 7 ao 13 de agosto, nas Bibliotecas Municipais

O recentemente finado Francisco Ibáñez, historietista de referencia e autor de personaxes fundamentais da cultura popular española da Transición, visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos. Foi entón, en agosto de 1998, cando A Coruña acolleu unha exposición en homenaxe á súa figura polo 40 aniversario de Mortadelo e Filemón.

Viñetas desde o Atlántico 2023 non pode pasar por alto esta triste perda e, en recordo de Ibáñez, incluirá un punto continuado de lectura das súas obras nas Bibliotecas Municipais da cidade. Velaquí unha proposta para que todos los públicos poidan achegarse ou reconectar coa súa figura e a súa obra a través de icónicos títulos e personaxes xa inmortais no imaxinario da banda deseñada universal. 

Autobán 

AUTOBÁN: MERCADO E OBRADOIROS

Sábado 12 de agosto, de 12.00 a 01.00h. Na Praza de San Andrés

Viñetas desde o Atlántico propón unha edición 2023 que pon en valor o sector e as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na Coruña ao redor do cómic e que tende pontes con iniciativas da cidade como Autobán e a súa coidada proposta de fanzine de banda deseñada alternativa.

O Mercado de Autoedición de Autobán ofrece a oportunidade de amosar e vender o seu material a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais. Este ano conta con máis de 70 propostas chegadas de toda a Península. O mercado desenvolverase na Praza de San Andrés coa axuda da Galería Grelería e contará con música ao longo de todo día a cargo de Pinchos e Pinchadas, Willy the Squid, PUTA PUTA PUTA, Pandereperras e outras artistas. Non faltarán á cita delicias veganas e unha cata de cervexas artesás de Alé Alé. Tamén haberá obradoiros (para público adulto e infantil), exposicións, un combate de debuxantes e moitas outras sorpresas. 

Encontro sectorial

PECHE DE VIÑETAS 2023

Sábado 12 de agosto, 21.00h. No Copacabana Coruña

Un distendido acto profesional que servirá de espazo de conversa e lugar de encontro para o sector, co fin de valorar a edición actual da feira e de escoitar suxerencias de mellora para a vindeira edición de Viñetas 2024.

E, ademais… 

OBRADOIROS PROFESIONAIS E ACTIVIDADES INFANTÍS NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/actividades/

2023.08.01.-NP_Actividades-Vinetas-2023-GAL

O alumnado de arpa de Galicia inaugura mañá, xoves 3 de agosto, o 10º Noia Harp Fest

As e os estudantes, procedentes de diferentes escolas de Vigo, Santiago, Mos e Ferrol, ofrecerán a partir das 18:00 horas no Liceo de Noia un repertorio cheo de temas populares e arranxos de Bohemian Rapsody, de Queen, ou d’O vals do mencer, de Emilio Cao

A vila noiesa acolle até o 6 de agosto a décima edición dun festival único no noroeste peninsular no que teñen cabida o folk, a vangarda, a música tradicional ou a clásica

O Noia Harp Fest, o único festival dedicado á arpa no noroeste da Península Ibérica, inaugurará mañá, xoves 3 de agosto, a súa décima edición. Até o vindeiro domingo, día 6, a vila noiesa acollerá un evento musical aberto a todos os públicos e que aposta pola diversidade estilística na súa programación, na que a interpretación do instrumento é o fío condutor. 

10º Noia Harp Fest comezará no serán do xoves 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local. O alumnado das escolas de arpa de Galicia abrirá, por segundo ano consecutivo, o festival. Estudantes de Vigo, Santiago, Mos e Ferrol actuarán a partir das 18:00 horas no Liceo de Noia, nun concerto cun repertorio que contará con temas tradicionais de distintas rexións do mundo e até un arranxo da Bohemian Rapsody de Queen. Como peche, todas e todos renderán homenaxe a quen introduciu, por vez primeira, a arpa na música feita en Galicia, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión. De seguido celebrarase unha foliada de benvida ao festival. 

Nesta segunda edición do Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, participará o alumnado de Mayeusis, Conservatorio das Artes de Vigo (cuxa profesora é Mayca Alleres); da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional ETRAD, de Vigo (Begoña Riobó); da Escola Municipal de Música de Santiago (Bleueen Le Friec); do Conservatorio Profesional de Música de Torroso, de Mos (Alba Barreiro); e doConservatorio Profesional de Música Xan Viaño, de Ferrol (María José Carralero). Ademais do concerto no Liceo de Noia, o grupo participará nunha xornada de convivencia, que incluirá un ensaio conxunto e ruta en kayak pola ría de Noia. 

Noia Harp Fest

O 10º Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, ofrecerá este 2023 nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público e que terán lugar en espazos singulares da vila. Ao longo de catro xornadas, estilos coma o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia. 

Así, a Praza do Tapal, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a andaluza Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras de Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolasElisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu. Ademais de artistas notables do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades. 

O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Para máis información, pódese visitar www.noiaharpfest.gal

Axenda do Noia Harp Fest para o xoves, 3 de agosto

Liceo de Noia, 18:00 horas |  II Encontro de Escolas de Arpa de Galicia. Homenaxe Emilio Cao.
Liceo de Noia, 20:30 horas |  Foliada de benvida ao 10ª Noia Harp Fest

20230802-NP-Noia-Harp-Fest-Axenda-xoves-3

DOSSIER

Dossier-10NHF_GAL

Nove concertos de balde, tres estreas mundiais e homenaxes coa arpa como protagonista: comeza a celebración do 10º Noia Harp Fest

A vila coruñesa acolle do 3 ao 6 de agosto a décima edición dun festival único no noroeste peninsular no que teñen cabida o folk, a vangarda, a música tradicional ou a clásica

As arpistas Laoise Kelly, Müsgo, Beatriz Cortesão, Elisabeth Cerra e Claudia Besné son cabezas de cartel dun evento que contará coas irlandesas The Pozzies, a orquesta folk SonDeSeu, da Real Filharmonía de Galicia, o dúo Gilles Chabenat & Daniela Heiderich e o alumnado de arpa das escolas galegas

Todas as actuacións serán de acceso gratuíto e terán lugar a partir das 19:00 horas no Liceo de Noia, Santa María A Nova, Praza do Tapal e Teatro Coliseo Noela

A vila de Noia prepárase para celebrar esta semana un encontro musical único no noroeste da Península Ibérica. Do 3 ao 6 de agosto, a localidade coruñesa acollerá a décima edición do Noia Harp Fest, un evento que aposta pola diversidade estilística no seu cartel e cuxo fío condutor non é outro que a interpretación dun único instrumento: a arpa. 

A 10ª edición do Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, contará no seu programa cun total de nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público e que terán lugar en espazos singulares da vila. Ao longo de catro xornadas, estilos coma o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia. 

Así, a Praza do Tapal, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a catalá Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras da Península Ibérica e Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu. Ademais de artistas notables do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades. 

PROGRAMACIÓN


O 10º Noia Harp Fest dará comezo no serán do xoves 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local. O alumnado das escolas de arpa de Galicia abrirá, por segundo ano consecutivo, o encontro. Nesta ocasión, o estudantado renderá homenaxe a quen introduciu, por vez primeira, a arpa na música feita en Galicia, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión. De seguido celebrarase unha foliada.

O venres 4 estará fiado polo virtuosismo de mulleres arpistas do ámbito do folk. A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a xornada da igrexa de Santa María a Nova. Pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental e recoñecida pola crítica polos seus traballos en solitario, participou na gravación de máis de 70 álbums con artistas como Seamus Heaney, The Chieftains ou Sharon Shannon. Ás 21:00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións emotivas cun repertorio que incluirá tanto composicións propias modernas como músicas tradicionais francesas e alemás. A noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk nos 90, as escocesas The Poozies, e que será unha das grandes sensacións do festival pola súa gran colección de temas e melodías groovy

O sábado 5, o Noia Harp Fest e a AEDA renderán no Coliseo Noela unha homenaxe especial a Nicanor Zabaleta considerado o mellor intérprete do instrumento- no 30º aniversario da súa morte. A cita, que terá lugar a partir das 19:00 horas no Teatro Coliseo Noela, estará guiada pô-la galega Alba Barreiro,que abordará vida e obra de Zabaleta. No concerto participarán dúas arpistas integrantes da Joven Orquesta Nacional de España: Elisabeth Cerra e a vasca Claudia Besné, membro tamén da Neue Philharmonie Munchen. De seguido, contra ás 21:30 horas, xa na Praza do Tapal, terá lugar a primeira das tres estreas mundiais que haberá neste Noia Harp FestHibrys, a obra gañadora do Premio Portus Apostoli e que será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia -dirixida polo galego Maximino Zumalave e coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão como solista-. O repertorio da cita tamén contará con obras de Bach e Beethoven. 

A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19:00 horas do domingo 6 de agostocun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela. 

Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galicia. SonDeSeu estreará na praza do Tapal, a partir das 21:30 horas, dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán as suites Micelio, de Anxo Pintos, que contará coa participación de Begoña Riobó, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que participarán Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez. 

Xoves 3 de agostoLiceo de Noia, 19:00 horas | II Encontro de Escolas de Arpa de Galicia. Homenaxe Emilio Cao.
Liceo de Noia, 20:30 horas | Foliada de benvida ao X Noia Harp Fest

Venres, 4 de agosto
Santa María A Nova, 19:00 horas | Laoise Kelly
Praza do Tapal, 21:00 horas | Gilles Chabenat & Daniela Heiderich
Praza do Tapal, 22:00 horas | The PozziesSábado 5 de agostoTeatro Coliseo Noela, 19:00 horas | Homenaxe Nicanor Zabaleta: Elisabeth Cerra e Claudia Besné.
Praza do Tapal, 21:30 horas | Real Filharmonía de Galicia con Beatriz Cortesão. Estrea de Hibrys.

Domingo 6 de agosto
Teatro Coliseo Noela, 19:00 horas | Müsgo
Praza do Tapal, 21:30 horas | SonDeSeu + convidadas. Estrea de Micelio e Escumas Atlánticas

O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Todos os concertos serán de entrada libre e celebraranse a partir das 19:00 horas. Para máis información, pódese visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal.

20230731-NP-Comeza-o-10-Noia-Harp-Fest

DOSSIER

Dossier-GAL-10-Noia-Harp-Fest-1