A vila coruñesa acolle do 3 ao 6 de agosto a décima edición dun festival único no noroeste peninsular no que teñen cabida o folk, a vangarda, a música tradicional ou a clásica

As arpistas Laoise Kelly, Müsgo, Beatriz Cortesão, Elisabeth Cerra e Claudia Besné son cabezas de cartel dun evento que contará coas irlandesas The Pozzies, a orquesta folk SonDeSeu, da Real Filharmonía de Galicia, o dúo Gilles Chabenat & Daniela Heiderich e o alumnado de arpa das escolas galegas

Todas as actuacións serán de acceso gratuíto e terán lugar a partir das 19:00 horas no Liceo de Noia, Santa María A Nova, Praza do Tapal e Teatro Coliseo Noela

A vila de Noia prepárase para celebrar esta semana un encontro musical único no noroeste da Península Ibérica. Do 3 ao 6 de agosto, a localidade coruñesa acollerá a décima edición do Noia Harp Fest, un evento que aposta pola diversidade estilística no seu cartel e cuxo fío condutor non é outro que a interpretación dun único instrumento: a arpa. 

A 10ª edición do Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, contará no seu programa cun total de nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público e que terán lugar en espazos singulares da vila. Ao longo de catro xornadas, estilos coma o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia. 

Así, a Praza do Tapal, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a catalá Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras da Península Ibérica e Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu. Ademais de artistas notables do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades. 

PROGRAMACIÓN


O 10º Noia Harp Fest dará comezo no serán do xoves 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local. O alumnado das escolas de arpa de Galicia abrirá, por segundo ano consecutivo, o encontro. Nesta ocasión, o estudantado renderá homenaxe a quen introduciu, por vez primeira, a arpa na música feita en Galicia, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión. De seguido celebrarase unha foliada.

O venres 4 estará fiado polo virtuosismo de mulleres arpistas do ámbito do folk. A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a xornada da igrexa de Santa María a Nova. Pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental e recoñecida pola crítica polos seus traballos en solitario, participou na gravación de máis de 70 álbums con artistas como Seamus Heaney, The Chieftains ou Sharon Shannon. Ás 21:00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións emotivas cun repertorio que incluirá tanto composicións propias modernas como músicas tradicionais francesas e alemás. A noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk nos 90, as escocesas The Poozies, e que será unha das grandes sensacións do festival pola súa gran colección de temas e melodías groovy

O sábado 5, o Noia Harp Fest e a AEDA renderán no Coliseo Noela unha homenaxe especial a Nicanor Zabaleta considerado o mellor intérprete do instrumento- no 30º aniversario da súa morte. A cita, que terá lugar a partir das 19:00 horas no Teatro Coliseo Noela, estará guiada pô-la galega Alba Barreiro,que abordará vida e obra de Zabaleta. No concerto participarán dúas arpistas integrantes da Joven Orquesta Nacional de España: Elisabeth Cerra e a vasca Claudia Besné, membro tamén da Neue Philharmonie Munchen. De seguido, contra ás 21:30 horas, xa na Praza do Tapal, terá lugar a primeira das tres estreas mundiais que haberá neste Noia Harp FestHibrys, a obra gañadora do Premio Portus Apostoli e que será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia -dirixida polo galego Maximino Zumalave e coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão como solista-. O repertorio da cita tamén contará con obras de Bach e Beethoven. 

A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19:00 horas do domingo 6 de agostocun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela. 

Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galicia. SonDeSeu estreará na praza do Tapal, a partir das 21:30 horas, dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán as suites Micelio, de Anxo Pintos, que contará coa participación de Begoña Riobó, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que participarán Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez. 

Xoves 3 de agostoLiceo de Noia, 19:00 horas | II Encontro de Escolas de Arpa de Galicia. Homenaxe Emilio Cao.
Liceo de Noia, 20:30 horas | Foliada de benvida ao X Noia Harp Fest

Venres, 4 de agosto
Santa María A Nova, 19:00 horas | Laoise Kelly
Praza do Tapal, 21:00 horas | Gilles Chabenat & Daniela Heiderich
Praza do Tapal, 22:00 horas | The PozziesSábado 5 de agostoTeatro Coliseo Noela, 19:00 horas | Homenaxe Nicanor Zabaleta: Elisabeth Cerra e Claudia Besné.
Praza do Tapal, 21:30 horas | Real Filharmonía de Galicia con Beatriz Cortesão. Estrea de Hibrys.

Domingo 6 de agosto
Teatro Coliseo Noela, 19:00 horas | Müsgo
Praza do Tapal, 21:30 horas | SonDeSeu + convidadas. Estrea de Micelio e Escumas Atlánticas

O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Todos os concertos serán de entrada libre e celebraranse a partir das 19:00 horas. Para máis información, pódese visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal.

20230731-NP-Comeza-o-10-Noia-Harp-Fest

DOSSIER

Dossier-GAL-10-Noia-Harp-Fest-1