OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un carmen en Granada. Memorias de un hispanista dublinés

Autora: Ian Gibson

Editorial: Tusquets

Ano de publicación: 2023

Durante as últimas semanas, cargadas de grande intensidade política, quixen repasar, quizais por certa analoxía co que estabamos a vivir, algúns dos acontecementos previos á Guerra Civil. Volvín aos apuntamentos académicos, que aínda conservo, e vin algúns documentais e programas de televisión, xa desaparecidos, coma La Clave. Aí dei co final dos días dun dos poetas que máis admiro: Federico García Lorca. 

Visualicei, asemade, a serie Lorca, muerte de un poetacoa angustia de saber que o docudrama relataba un dos episodios máis terríbeis e inxustos da nosa Historia. Tirando do fío, descubrín que a serie partía do libro La represión nacionalista de Granada en 1936 y la muerte de Federico García Lorca de IanGibson. Resultábame imprescindíbel, desde ese momento, saber algo máis sobre o escritor que, con tal fervor fervor lorquiano, recompilou aquel valiosísimo material. Así foi como cheguei ás páxinas de Un carmen en Granada.

A través destas memorias, coñecemos, por voz do autor, como transcorreu a súa infancia no seo dunha familia protestante irlandesa. A rixidez do puritanismo relixioso marcará eses primeiros anos de vida, non exentos de medos e conflitos internos. Pouco a pouco, descubrimos o Ian adolescente, que nos revela a paixón pola natureza e a ornitoloxía, en particular, até chegarmos ao hispanista comprometido coa democracia e o antifascismo. Talvez fose esa etapa adulta, pola súa investigación coma biógrafo de Lorca, a que máis me interesaba nun principio, porén recoñezo que a primeira, ademais de interesante, é esencial para comprendermos algunhas conexións que se poden estabelecer entre a súa vida  e a do citado poeta.

En definitiva, Un carmen en Granada –soño cumprido polo dublinés, xa que pasou unha tempada nunha desas típicas casas granadinas con xardín secreto- déixanos ver, desde a honestidade afastada de calquera fabulación, os labirintos vitais de quen entregou boa parte do seu tempo á recuperación da memoria colectiva dos pobos ibéricos.