Inauguración da exposición O GABINETE DE BELVÍS, de JM Méndez, no castelo de Pambre

O sábado 28 de xaneiro ás 12,00 h o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) inaugurará no castelo de Pambre (Palas de Rei) a exposición O Gabinete de Belvís, con obras de pintura, escultura e escenografía do polifacético artista compostelán José Manuel Méndez.

A exposición, comisariada polo galerista Braulio Vilariño e con carteis e dípticos da deseñadora gráfica Azucena Souto (DuAs), poderá ser visitada na sala 1 do castelo de Pambre ata o 17 de marzo.

DA_ptico-O-Gabinete-de-BelvA_s-JM-MA©ndez-Instituto-de-Estudos-UlloA¡ns

Proxección do filme documental ARREDOR DA RODA. DE CÁNTIGAS DA TERRA A MIRO CASABELLA, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 28 de xaneiro, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María proxecta ARREDOR DA RODA. DE CÁNTIGAS DA TERRA A MIRO CASABELLA.

Filme documental de sesenta minutos sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros galegos, Miro Casabella. Dirixido por Federico A. Rioboo, é unha produción de Cántigas da Terra.

A aula de zanfona de Escolas da Terra de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galiza na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galiza.

A entrada para ver este documentario é libre, mais é necesario facer reserva no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Presentación este sábado do Caderno SÍMBOLOS NACIONAIS DE GALIZA na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, ás 18 horas, na Casa-Museo Manuel María preséntase o o caderno “SÍMBOLOS NACIONAIS DE GALIZA, O HIMNO E A BANDEIRA”.

No acto, aberto ao público, contarase coa presenza e a intervención de Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña e especialista e investigador da obra de Eduardo Pondal, e de Xoán Costa, profesor, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza e investigador da orixe da bandeira galega.

As persoas que asistan poderán levar, de balde, cadanseu exemplar desta publicación sobre a bandeira e o himno galego coa letra restituída de acordo co texto orixinal de Eduardo Pondal.

O acto está promovido por Vía Galega (Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza), editora do caderno.

Marta Pazos estrea a ópera ‘Alexina B.’ no Gran Teatre del Liceu esta primavera

Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música 2020, asina a obra e convértese na segunda muller que estrea unha ópera nos 175 anos de historia do teatro barcelonés

A directora de escena Marta Pazos dirixe esta primavera a ópera  ‘Alexina B.. O mítico Gran Teatre del Liceu de Barcelona conta entre os seus pratos fortes para esta tempada coa ópera de Raquel García-Tomás (Premio Nacional de Música 2020), na que Pazos asume a dirección de escena. A estrea de ‘Alexina B.’ no Gran Escenario supón un fito para a historia do Liceu: é a segunda ocasión que o teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos. A primeira ocasión foi hai case 50 anos, cando no 1974 Matilde Salvador estreou Vinatea

Pazos acepta o reto de dirixir na escena o universo sonoro de García-Tomás, con quen xa colaborou en Je suis narcissiste (finalista dos International Opera Awards), e que, ao igual que nas súas últimas montaxes, afronta un traballo no que pon en cuestión os prexuízos, o heteropatriarcado e o binarismo de sexo e xénero. Nesta ocasión, ademais, tamén teñen presenza a violencia das institucións médica e relixiosa.

‘Alexina B.’, cuxo libreto asina Irène Gayraud, parte das memorias de Adélaíde Hérculine Barbin (tamén coñecida como Alexina B.) persoa intersexual nada en Francia no 1838, a quen lle atribúen o sexo feminino ao nacer. Crece nun convento e, co tempo, traballa de institutriz, ocasión na que se namora dunha das súas compañeiras. Porén, nunha sociedade na que a aceptación da diferenza era complicada e a heterosexualidade a norma, Alexina reivindícase como home: cambia de sexo legal e de identidade para ser Abel Barbin. Mais, incapaz de adaptarse, suicídase na súa soidade.

A estrea absoluta de ‘Alexina B.’, unha produción propia do Liceu, será o 18 de marzo de 2023. Nesta ópera, Pazos conta cun equipo conformado por profesionais como Max Glaenzel (escenografía), Silvia Delagneau (vestiario), María Cabeza de Vaca (coreografía) e Nuno Meira (iluminación). No ámbito musical, acompáñase da Orquestra Simfònica del Gran Teatre del Liceu, dirixida por Josep Pons, e cun reparto no que destacan Lídia Vinyes-Curtis, Alicia Amo, Elena Copons, Xavier Sabata, Mar Esteve e o Cor Vivaldi-Petits Cantors de Catalunya baixo a dirección de Òscar Boada.


Máis información e entradas: https://www.liceubarcelona.cat/es/temporada-2022-23/opera/alexina-b

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: BALCÓN

Miguel Díaz, BALCÓN

O lugar ignorado no que moramos, pintado pola distancia. O lugar que ocupamos, definido polos que nos foron negados.

Contamos historias e as historias, asemade, vannos contando. Na procura de novos fogares, alleos á descomposición das contras, ao abandono das fiestras, ao desleixo das trabes.

Nalgún momento xorde o estrondo da crebadura, a decisión do cambio. E o tempo acaba por crear un espazo no que o silencio se declara, habitando o rexeitado. Nunha calma trémula axitada pola renuncia, o home foxe e os balcóns observan.