Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música 2020, asina a obra e convértese na segunda muller que estrea unha ópera nos 175 anos de historia do teatro barcelonés

A directora de escena Marta Pazos dirixe esta primavera a ópera  ‘Alexina B.. O mítico Gran Teatre del Liceu de Barcelona conta entre os seus pratos fortes para esta tempada coa ópera de Raquel García-Tomás (Premio Nacional de Música 2020), na que Pazos asume a dirección de escena. A estrea de ‘Alexina B.’ no Gran Escenario supón un fito para a historia do Liceu: é a segunda ocasión que o teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos. A primeira ocasión foi hai case 50 anos, cando no 1974 Matilde Salvador estreou Vinatea

Pazos acepta o reto de dirixir na escena o universo sonoro de García-Tomás, con quen xa colaborou en Je suis narcissiste (finalista dos International Opera Awards), e que, ao igual que nas súas últimas montaxes, afronta un traballo no que pon en cuestión os prexuízos, o heteropatriarcado e o binarismo de sexo e xénero. Nesta ocasión, ademais, tamén teñen presenza a violencia das institucións médica e relixiosa.

‘Alexina B.’, cuxo libreto asina Irène Gayraud, parte das memorias de Adélaíde Hérculine Barbin (tamén coñecida como Alexina B.) persoa intersexual nada en Francia no 1838, a quen lle atribúen o sexo feminino ao nacer. Crece nun convento e, co tempo, traballa de institutriz, ocasión na que se namora dunha das súas compañeiras. Porén, nunha sociedade na que a aceptación da diferenza era complicada e a heterosexualidade a norma, Alexina reivindícase como home: cambia de sexo legal e de identidade para ser Abel Barbin. Mais, incapaz de adaptarse, suicídase na súa soidade.

A estrea absoluta de ‘Alexina B.’, unha produción propia do Liceu, será o 18 de marzo de 2023. Nesta ópera, Pazos conta cun equipo conformado por profesionais como Max Glaenzel (escenografía), Silvia Delagneau (vestiario), María Cabeza de Vaca (coreografía) e Nuno Meira (iluminación). No ámbito musical, acompáñase da Orquestra Simfònica del Gran Teatre del Liceu, dirixida por Josep Pons, e cun reparto no que destacan Lídia Vinyes-Curtis, Alicia Amo, Elena Copons, Xavier Sabata, Mar Esteve e o Cor Vivaldi-Petits Cantors de Catalunya baixo a dirección de Òscar Boada.


Máis información e entradas: https://www.liceubarcelona.cat/es/temporada-2022-23/opera/alexina-b