Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición de espectáculos para o programa de exhibición Itinerario Constelacións

A quinta edición do programa celebrarase do 17 de setembro ao 22 de outubro e incorpora a Navarra como quinto territorio do proxecto

CEN editará por vez primeira o ‘Catálogo de espectáculos recomendados Camiño Escena Norte’ para a súa promoción tanto nas cinco comunidades participantes coma no resto do Estado

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas, abre mañá, 6 de febreiro, o prazo de inscrición de espectáculos para xirar no Itinerario Constelacións da súa quinta edición, que se celebrará do 17 de setembro ao 22 de outubro. As compañías interesadas teñen de prazo até o 16 de febreiro para presentar as súas candidaturas. Aquelas que finalmente resulten seleccionadas, formarán parte da nova programación con diversas funcións nas comunidades autónomas que conforman o proxecto. Toda a información e ficha de inscrición está dispoñible na páxina web www.escenanorte.com

Unha das novidades desta quinta edición será o Catálogo de espectáculos recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións realizada polas comisións profesionais de CEN que levarán o selo Espectáculo recomendado Camiño Escena Norte. Esta marca de calidade servirá de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto. Este catálogo publicarase en formato dixital e enviarase ás e aos profesionais da programación das comunidades do proxecto, así como a unha selección de profesionais do resto do Estado. A programación do Itinerario Constelacións de 2023 sairá dos espectáculos incluídos no catálogos. 

Por outra banda, e logo de ser o territorio convidado na edición de 2022 -cuxas actividades superaron as 6.000 persoas participantes-, Navarra únese definitivamente a Camiño Escena Norte como quinta comunidade do proxecto, grazas a un importante reforzo da financiación achegada polo Goberno navarro, que permitirá programar en máis espazos da comunidade foral, ademais de aumentar as funcións das compañías navarras nos territorios CEN. Ademais, as e os artistas desta comunidade poderán tomar parte de todas as actividades do proxecto cultural. 

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción do norte da Península Ibérica.

Desde o seu nacemento en 2019, Camiño Escena Norte leva o teatro, a danza e o novo circo a escenarios alonxados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios e localidades que habitualmente non teñen acceso a este tipo de propostas. Tamén facilita ás compañías seleccionadas en cada edición o acceso a novos espazos e escenarios nos que desenvolver a súa creatividade. 

20220205-Camino-Escena-Norte-abre-o-prazo-de-inscricion

O FIOT, recoñecido como o mellor proxecto cultural de Galicia de 2022 pola Fundación Contemporánea

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo encabeza a lista de mellores iniciativas culturais de Galicia que anualmente elabora o prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ e obtén a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o mellor proxecto cultural galego de 2022. O FIOT recibiu, ademais, a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega e sube nove postos respecto da clasificación do pasado ano, superando así outros destacados proxectos culturais do país, como Festival Sinsal, Cidade da Cultura, Cineuropa, CGAC, Festival de Cans ou WOS Festival, entre outros. 

As ‘Insignias Culturales’, que recoñecen as propostas máis salientables en cada comunidade autónoma, conforman un cuadro de honra nesta edición con 17 proxectos: o Museo del Prado en Madrid; o Festival de Almagro en Castilla-La Mancha; o Festival de Cine de San Sebastián no País Vasco; o Festival de Málaga en Andalucía; Periferias, que comparte a distinción co Festival Asalto en Aragón; o Festival de Cine de Xixón en Asturias; Es Baluard en Baleares; Temporada Alta en Cataluña; o Museo Helga de Alvear en Extremadura; o FIOT de Carballo en Galicia; o Festival Actual e a Sala Amós Salvador na La Rioja; o Festival de Molina del Segura en Murcia; o Phe Festival en Canarias; o Centro Botín en Cantabria; a Seminci en Castilla y León; o IVAM na Comunidade Valenciana e Baluarte en Navarra.

‘OBSERVATORIO DE LA CULTURA’

O mellor da cultura 2022

Fundación Contemporánea presentou este 31 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2022. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano.

O obxectivo principal de ‘Observatorio de la Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía española e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.040 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de todos os campos; responsables de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así coma responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal. 

O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2022’ pódese descargar aquí: 
https://www.lafabrica.com/wp-images/Informe-Observatorio-de-la-Cultura_2022.pdf

O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega. 

Desde hai 31 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas. 

Nas súas 31 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, perto de 300 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…


Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais desta recente ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

20230201-NP-GAL-FIOT-Observatorio-Cultura

O espectáculo infantil e familiar “Consertasso na horta”, de Brais das Hortas, na Casa-Museo Manuel María

O PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR PODERÁ ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, GOZAR CON BRAIS DAS HORTAS E O SEU ESPECTÁCULO MUSICAL “CONSERTASSO NA HORTA”

O auditorio da Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 4 de febreiro, ás 17 horas, o espectáculo, para público infantil e familiar, “Consertasso na horta”, de Brais das Hortas.

Grelos e temazos, cun equilibrio variado de formas e estilos – como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudábel! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenouras, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda á veciñanza para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia. Letras e arranxos coidados para sementar e apañar risos e ganas de cantar xuntas.

Billete: 2 euros. É necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FÍSGOA

Miguel Díaz, FÍSGOA

No contexto do desencanto, trazabamos unha físgoa que cuestionaba a desesperanza. E probablemente diso trataba, de proxectar unha danza que puidera sosternos, aínda, nun exercicio de voluntario desapego co que espreguizarnos. Co que distanciarnos do fastío e contrarrestar unha velocidade opresora que pretendía impornos formas que nos diluían. Que nos privaban da singularidade. Que guillotinaban as mellores expresións coas que podiamos regalarnos.

No contexto do desencanto, teimabamos en crer, a pesar de todo, na físgoa. Pola que entraba a luz procurando o noso encontro.

Noia Harp Fest. O Premio internacional de composición Portus Apostoli recibe 16 creacións na súa primeira convocatoria

A primeira convocatoria do Premio de composición para arpa e orquestra Portus Apostoli, impulsado polo Noia Harp Fest, recibe 16 obras orixinais 

  • O director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, cualifica como “moi exitosa” a iniciativa, patrocinada polo Concello de Noia, e que recibiu creacións de compositores de EEUU, España, Finlandia, Malta, Arxentina e Brasil
  • O xurado do certame fallará o premio o 15 de febreiro e a gañadora terá a súa estrea mundial no X Noia Harp Fest da man da Real Filharmonía de Galicia

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia dará a coñecer nas vindeiras semanas a obra gañadora da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. O xurado, conformado por artistas internacionais de recoñecido prestixio, fallará o premio o 15 de febreiro. 

O director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, cualifica como “moi exitosa” a convocatoria do certame, patrocinado polo Concello de Noia, pois o festival recibiu un total de 16 propostas, “algo pouco usual neste tipo de concursos, nos que o habitual é recibir 5 ou 6 composicións”. “Estamos moi felices pola acollida que tivo o Portus Apostol entre o sector e pola proxección internacional que este certame abre ao noso encontro musical”, salienta Romaní, ao sinalar a diversidade da orixe xeográfica das e dos participantes desta primera convocatoria, á que se presentaron compositores procedentes de Arxentina, Brasil, Estados Unidos, España, Finlandia e Malta. 

O Premio Internacional de Composición Portus Apostoli naceu como unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para o creador da peza gañadora, suporá tamén a estrea mundial da mesma na vindeira edición do Noia Harp Fest. A Real Filharmonía de Galicia, acompañada dun ou dunha intérprete solista, executará a obra no marco da décima edición do festival, do que se darán a coñecer os primeiros detalles nas próximas semanas. 

NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest, que celebrou a súa última edición o pasado mes de agosto, é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen, desde hai nove anos, artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa.

Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador principal dun dos eventos máis singulares que se celebran na Ría da Estrela. Para máis información sobre o festival, pódese consultar o espazo web www.noiaharpfest.gal.

20230125-GAL-Convocatoria-Portus-Apostoli