A primeira convocatoria do Premio de composición para arpa e orquestra Portus Apostoli, impulsado polo Noia Harp Fest, recibe 16 obras orixinais
- O director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, cualifica como “moi exitosa” a iniciativa, patrocinada polo Concello de Noia, e que recibiu creacións de compositores de EEUU, España, Finlandia, Malta, Arxentina e Brasil
- O xurado do certame fallará o premio o 15 de febreiro e a gañadora terá a súa estrea mundial no X Noia Harp Fest da man da Real Filharmonía de Galicia
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia dará a coñecer nas vindeiras semanas a obra gañadora da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. O xurado, conformado por artistas internacionais de recoñecido prestixio, fallará o premio o 15 de febreiro.
O director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, cualifica como “moi exitosa” a convocatoria do certame, patrocinado polo Concello de Noia, pois o festival recibiu un total de 16 propostas, “algo pouco usual neste tipo de concursos, nos que o habitual é recibir 5 ou 6 composicións”. “Estamos moi felices pola acollida que tivo o Portus Apostol entre o sector e pola proxección internacional que este certame abre ao noso encontro musical”, salienta Romaní, ao sinalar a diversidade da orixe xeográfica das e dos participantes desta primera convocatoria, á que se presentaron compositores procedentes de Arxentina, Brasil, Estados Unidos, España, Finlandia e Malta.
O Premio Internacional de Composición Portus Apostoli naceu como unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para o creador da peza gañadora, suporá tamén a estrea mundial da mesma na vindeira edición do Noia Harp Fest. A Real Filharmonía de Galicia, acompañada dun ou dunha intérprete solista, executará a obra no marco da décima edición do festival, do que se darán a coñecer os primeiros detalles nas próximas semanas.
NOIA HARP FEST
O Noia Harp Fest, que celebrou a súa última edición o pasado mes de agosto, é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen, desde hai nove anos, artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa.
Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador principal dun dos eventos máis singulares que se celebran na Ría da Estrela. Para máis información sobre o festival, pódese consultar o espazo web www.noiaharpfest.gal.