A quinta edición do programa celebrarase do 17 de setembro ao 22 de outubro e incorpora a Navarra como quinto territorio do proxecto

CEN editará por vez primeira o ‘Catálogo de espectáculos recomendados Camiño Escena Norte’ para a súa promoción tanto nas cinco comunidades participantes coma no resto do Estado

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas, abre mañá, 6 de febreiro, o prazo de inscrición de espectáculos para xirar no Itinerario Constelacións da súa quinta edición, que se celebrará do 17 de setembro ao 22 de outubro. As compañías interesadas teñen de prazo até o 16 de febreiro para presentar as súas candidaturas. Aquelas que finalmente resulten seleccionadas, formarán parte da nova programación con diversas funcións nas comunidades autónomas que conforman o proxecto. Toda a información e ficha de inscrición está dispoñible na páxina web www.escenanorte.com

Unha das novidades desta quinta edición será o Catálogo de espectáculos recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións realizada polas comisións profesionais de CEN que levarán o selo Espectáculo recomendado Camiño Escena Norte. Esta marca de calidade servirá de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto. Este catálogo publicarase en formato dixital e enviarase ás e aos profesionais da programación das comunidades do proxecto, así como a unha selección de profesionais do resto do Estado. A programación do Itinerario Constelacións de 2023 sairá dos espectáculos incluídos no catálogos. 

Por outra banda, e logo de ser o territorio convidado na edición de 2022 -cuxas actividades superaron as 6.000 persoas participantes-, Navarra únese definitivamente a Camiño Escena Norte como quinta comunidade do proxecto, grazas a un importante reforzo da financiación achegada polo Goberno navarro, que permitirá programar en máis espazos da comunidade foral, ademais de aumentar as funcións das compañías navarras nos territorios CEN. Ademais, as e os artistas desta comunidade poderán tomar parte de todas as actividades do proxecto cultural. 

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción do norte da Península Ibérica.

Desde o seu nacemento en 2019, Camiño Escena Norte leva o teatro, a danza e o novo circo a escenarios alonxados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios e localidades que habitualmente non teñen acceso a este tipo de propostas. Tamén facilita ás compañías seleccionadas en cada edición o acceso a novos espazos e escenarios nos que desenvolver a súa creatividade. 

20220205-Camino-Escena-Norte-abre-o-prazo-de-inscricion