Andanzas do Suso de Lameliña. MUDANZA DE ALMAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MUDANZA DE ALMAS

Todos os anos, pasados xa uns días do San Froilán, por iso de fuxir da barafunda,  Dositeo e mais eu citámonos nun restaurante de A Milagrosa para comer o polbo e de paso relembrar tempos pasados.

Dositeo, un home xa rondando os oitenta, que na súa época foi tratante de gando, despois de ser albeite ( entenderase máis adiante esta mudanza), é un home moi falangueiro e co que presta estar de parola. Sempre ha saír da súa boca algunha anécdota ou historia, a maioría das veces algo novo; non é dos que ten unha ducia de contos e os repite unha e outra vez.

Pero Dositeo ata os trinta anos foi un home totalmente diferente, nada tiña que ver co que é hoxe. Ía tempo que non falabamos do seu pasado, pero o mércores desta semana (poida que pola proximidade de Todos os Santos), mentres estabamos meténdolle o dente a un exquisito polbo, veu a colación a súa etapa de mozo.

Dositeo, coma xa dixen, antes de ser tratante foi menciñeiro. Xa de pequeno, era fillo de labregos, amosou uns dotes especiais cos animais. Conta que cando tiña oito anos enfermoulle un gatiño a quen lle tiña moito agarimo. Ninguén daba nada por el, ata que colléndoo no colo e despois de facerlle uns masaxes, o gato deu un chimpo e empezou a rebrincar pola aira adiante. Logo virían outras curacións, e dos animais pasaría ás persoas, ata ser o curandeiro máis famoso da bisbarra.

Patricio de Ermida, un mozo da súa idade, tratante de gando, e mais el, eran inseparables. Axudábanse nos traballos do día a día e por suposto cando tocaba xolda, alí estaban os dous. Mesmo ía para dous anos que casaran na mesma data e con dúas irmás, veciñas da aldea do lado, polo que, á parte de amigos, eran cuñados.

Un serán, Patricio, ao chegar da feira de Meira, comezou atoparse mal. Chamaron o médico e cando este chegou, atopouse con un home tumbado na cama que apenas tiña pulso e totalmente inconsciente. Despois de auscultalo, díxolles que non había nada que facerlle, que estaba morrendo, por unha doenza cardíaca e que o mellor que podían facer era chamar o crego. Nisto que se lembraron do cuñado e aló foron con el, que chegou ao mesmo tempo ca Don Eduardo, o párroco. Déixeme un momentiño, díxolle Dositeo, a ver se podo arranxar eu a doenza. Tempo terá vostede para despedilo deste mundo.

Dositeo entrou todo apresurado e ao cabo de media hora saíu abrazado ao seu amigo, e case berrando da ledicia que traía, amosoulles a Patricio, afirmando que estaba coma novo, coma se fose outro home. E nunca mellor dito, Patricio era outro; tamén, desde ese momento, Dositeo era outro.

Desde as primeiras palabras que dixo  Dositeo, os presentes déronse conta de que pasaba algo raro, non parecía o mesmo. Cousa que se confirmou  cando fixo o mesmo Patricio, que xa totalmente restablecido, empezou a falar coma se fose o  seu cuñado e amigo. Resulta que para salvalo, tiveran que intercambiar o espírito.

—Imos ver, Dositeo. Pero que foi o que realmente pasou aquela noite? —pregunteille cando xa estabamos na sobremesa.

—O que sempre dixen. Alguén lle botou o mal de ollo na feira de Meira e a súa alma xa non servía para estar no seu corpo. Ou se ía ao máis alá ou buscaba outro acubillo nestes lares.

E deste xeito foi coma Patricio pasou ser o albeite máis cotizado da zona, ata que hai cousa de dez anos, desta si, deulle un infarto e marchou para o outro mundo. Dositeo, desde aquela empezou ir de feira en feira, ata que se xubilou, tratando, principalmente, con gado vacún. 

—E non volviches a sandar ningunha vaca máis? —inquirinlle.

—Cama cho conto, meu amigo, nin se me pasou pola cabeza tentalo. Sería de loucos. Eu coma xa sabes o que me ía era andar de feira en feira —respondeu cun pícaro sorriso.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O QUE FICA FÓRA

Autor: Manuel Rivas

Editorial: APIARIO

Ano de publicación: 2021

Creo que debo confesar, antes de escribir sobre O que fica fóra, a miña debilidade por Manuel Rivas. El é un dos primeiros autores que comecei a ler en lingua galega. Linlle e léolle narrativa, ensaio, artigos de prensa, e, sobre todo, Poesía –se é que esta última non se filtra tamén no resto de xéneros cultivados polo escritor-. Devezo sempre, sempre, por escoitalo recitar. Aínda hoxe manteño nítida a imaxe do poeta nun dos seráns do pasado xullo, inaugurando o ciclo Versos na Barraca en Lugo, protexido pola nosa muralla, vixiado desde o ceo polos guindastres, mantendo desafiante a flor de toxo na man.

Acáelle ben o branco a esta obra que pouso e aloumiño entre as miñas mans. Quen logra resistir ao branco? Todo está coidado ao detalle na edición de Apiario: a encadernación, a textura e calidade do papel, a distribución entre os poemas imprentados e os manuscritos e, mesmo, a exclusión do paxinado. Este libro, coma o mar, non quere pecharse nin se pecha. Este libro “anda ás ceibas”, moi dentro de quen o le.

O libro respira. O libro é un ser vivo. Déixase acariñar mais non atrapar. Por veces semella un ser mariño –“a náufraga que camiña no mar con pés de la”-, deixándonos algo de salitre na boca. Outras, muda as branquias por pulmóns, “abrindo galerías no manuscrito da terra”, na procura dalgún faro que nos devolva a vista, nesta cegueira perpetua dos nosos días. Porén, a metamorfose non quere ceder e a vida amosa a súa capacidade de redución, case até a extinción, para dicirnos en clave de haiku, que “pobre, pobre/ é non ter/ escuridade ningunha”. Velaí un vagalume.

Premio Follas Novas deste 2022 nas categorías de Poesía e Libro mellor editado, O que fica fóra é, sen dúbida, o único que fica en pé, despois de tantasguerras, crises e pandemias. Imprescindíbel lectura –osíxeno- para as que abrazamos moitas das formas do exilio.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A FIGURA ESPIDA

Miguel Díaz, A FIGURA ESPIDA

Son atravesado por un soño. En contorna hostil, éme negada a oportunidade. No subconsciente, mundo que treme en nós e nos abanea, traizoeiro. Golpea o soño no sono e amosa fenda ancheada. Fenda pola que foxe, non entra, a luz que teima en resistir, mais que na súa fuxida achega as sombras insinuadas dun camiño.

Acometen de cando en vez pesadelos que o remexen todo e que nos invitan a cambios de perspectiva. Que na súa fereza aniquilan partes de nós, parcelas que deben ser arrasadas.

Tralo impacto violento, quedan as miradas tremendo. E custa enfocar de novo a figura espida da esperanza.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FELICIDADE

Miguel Díaz, FELICIDADE

Felicidade. Propaganda do concepto. A palabra luída. Pronunciada en bucle por outros que non somos, outros distantes da nosa mirada. Felicidade publicada, exposta en todos os escaparates. Único obxectivo e motivo, ata a saciedade trazado como lugar de destino. A felicidade, a súa felicidade, desprezando todas as viaxes e todos os procesos, toda a non felicidade que nos habita, que nos conforma, que nos aviva.

Nesta forma nosa de estar ben a pesar das feridas. Decidindo que neste punto concreto do traxecto atopamos intres dun benestar que foxe da perfección ou da imperfección. Que non se compara con formas predefinidas. Decidindo vivos, aceptándonos na antítese.

Fuxindo do ruidoso prototipo alleo, atopamos sintonía na caída, suavidade na paciencia, harmonía na terra. E lonxe da súa felicidade, abrollan aromas de tenrura no momento.

Andanzas do Suso de Lameliña. SAN FROILÁN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

SAN FROILÁN

Estamos no San Froilán, a festa máis importante do outono galego. Desde que teño uso de razón, estas datas de principios de outubro pasaron a ser especiais para min, coma para a maioría dos lucenses.

Primeiro, cando de neno me traían ao Campo da Feira, onde estaban as barracas instaladas; os cabaliños, os carriños eléctricos, os espellos, o pozo da morte, as tómbolas… Cando se achegaban as datas, só pensaba no día en que me levasen á cidade, para poder montar nun daqueles cabaliños ou ver as motos gabeando polo pozo arriba.

Logo, xa de estudante no Instituto masculino, O San Froilán, supuña o remate do verán e o comezo, aínda sendo outono, do inverno e dun novo curso escolar. Xa non existía o Campo da Feira e as barracas cambiaron de sitio: A carón do instituto, no parque e polas costas, coma na actualidade. Daquela, os cabaliños sería trocados polos carriños eléctricos e as verbenas e o ir de viños e comer o polbo cos amigos empezaron a interesarme.

Coma mostra do que veño de dicir, deixo aquí estes dous poemas;

SAN FROILÁN

outubro

tempo de estrea de libros

nunha paisaxe festeira

coches de choque

baixo a choiva

orquestras na Praza de España

cancións de Roberto Carlos

para bailar amarrado

espellos pozo da morte

tiro e viño de Aragón

outubro

adolescencia soportada

baixo o sabre do pecado

e a fusta do represor

outubro

San Froilán 

na espiral dos meus recordos 

LEMBRANZAS DE SAN FROILÁN 

Outubro, luces e cores,

o verán aínda na pel.

San Froilán, vellas lembranzas,

festexos grandes de outono .

Pelúdez e Filomena,

bulideiros, falangueiros.

Con eles retranca e contos

para contar no Progreso.

Nenez montada ao carrelo

de algareiros cabaliños.

Puberdade que viaxa

en eléctricos carriños.

Facianas desfiguradas

por insolentes espellos.

Tómbolas de boa sorte,

emoción… pozo da morte.

Motos en torno á Muralla,

carreiras pra non perderse.

Polbo e viño nas casetas

do vello campo da feira.

Na Praza Maior, orquestras,

fogos de artificio á noite.

Tres días que non se esquecen,

cinco, domingo e doce:

O cinco, día do santo

ninguén a esta cita falta. 

O Domingo, o das Mozas,

rúas de xente ateigadas. 

E o doce, polo Pilar,

que soidosos ficabamos! 

Outubro, fin do verán,

novo curso, amigos vellos

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un elefante na sala de estar

Autor: Berta Dávila

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2022

Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.

A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.

Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.

Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.

Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:

“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.

Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.

Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.

Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.

O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.

Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.