Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024 

O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014

Moitas das xoves promesas que gañaron o Combate de Debuxantes de Autobán nesta década de historia acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey

Autobán celebra neste 2024 o seu 10º aniversario. Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. 

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o. seu Combate de Debuxantes acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.

SOBRE A HISTORIA DO AUTOBÁN

O Autobán xurdiu en agosto de 2014 na Coruña como unha alternativa independente ao festival de cómic galego de referencia, o Viñetas desde o Atlántico. Un grupo de autores e debuxantes locais que non acababan de atopar un oco para os seus fanzines no marco deste evento decidiron crear o seu propio festival paralelo de autoedición, seguindo o modelo de moitas outras citas que empezaron a proliferar polo estado na mesma época.

A primeira edición argallouse en poucas semanas recorrendo á xenerosidade dos amigos e aos recursos de internet para compensar a falta de orzamento e de medios. Foi un modesto festival cun mercado onde se presentaron unha vintena de publicacións e varias actividades paralelas, como faladoiros ou o Combate de Debuxantes, que sería unha das súas marcas de identidade xunto ao brilé brutal.

De natureza nómade e improvisada, tras pasar por diversos emprazamentos, o local autoxestionado Nave 1839 converteríase na súa sede oficiosa. Esta unión daría lugar a un spin-off invernal de dimensións máis reducidas, o Autobom. Este modelo autoxestionado mantívose até que chegou a covid-19. A pandemia obrigou a reformular como se viñan facendo as cousas e, tras unha edición dixital en 2020, o proxecto renacería asumindo novos obxectivos coa fundación da Asociación Cultural Autobán no ano 2023.

Tras consolidar durante este último ano un clube de debuxo mensual no que participaron ducias de debuxantes locais, o Autobán chega en 2024 ao seu 10º aniversario afianzando o emprazamento do seu mercado de verán na céntrica Praza de San Andrés, onde máis de 70 expositores de toda a península reciben un fluxo constante de visitantes que repercute nun éxito de vendas. O evento mantén o patrocinio de entidades como Punto Gal e a colaboración co Viñetas desde o Atlántico, con quen organiza un concerto ilustrado no Teatro Colón. Pero a principal e máis ambiciosa novidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, é a convocatoria do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, cunha dotación económica de 1.250 €. 

Ademais do seu xa clásico mercado de fanzines, entre as actividades que regresarán este ano a Autobán destacan o brilé brutal, o Autobombo (minipresentacións rápidas dos proxectos participantes), os concertos ilustrados, o Autolab (un laboratorio de banda deseñada experimental), as pinchadas de dj’s ou o Minibán (obradoiros pensados para os máis cativos), sen esquecer a impresión do Autozine, a súa publicación anual gratuíta.

FITOS DUNHA DÉCADA DO AUTOBÁN

Ademais das persoas gañadoras do Combate de Debuxantes, outros autores destacados coma Jano Viñuela, Diego Burdío, Paula Esteban ou David Calviño colaboraron como creadores dos pósters para esta cita ao longo dos anos.

As sedes máis populares do Autobán foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. Este ano súmase o Círculo de Artesáns.

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGBT+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

Vídeo primeira edición de Autobán I Ano 2014

Vídeo 1º Combate de Debuxantes en Autobán I Ano 2014

2024.07.08.-NP-10o-Aniversario-Autoban