SAN FROILÁN
Estamos no San Froilán, a festa máis importante do outono galego. Desde que teño uso de razón, estas datas de principios de outubro pasaron a ser especiais para min, coma para a maioría dos lucenses.
Primeiro, cando de neno me traían ao Campo da Feira, onde estaban as barracas instaladas; os cabaliños, os carriños eléctricos, os espellos, o pozo da morte, as tómbolas… Cando se achegaban as datas, só pensaba no día en que me levasen á cidade, para poder montar nun daqueles cabaliños ou ver as motos gabeando polo pozo arriba.
Logo, xa de estudante no Instituto masculino, O San Froilán, supuña o remate do verán e o comezo, aínda sendo outono, do inverno e dun novo curso escolar. Xa non existía o Campo da Feira e as barracas cambiaron de sitio: A carón do instituto, no parque e polas costas, coma na actualidade. Daquela, os cabaliños sería trocados polos carriños eléctricos e as verbenas e o ir de viños e comer o polbo cos amigos empezaron a interesarme.
Coma mostra do que veño de dicir, deixo aquí estes dous poemas;
SAN FROILÁN
outubro
tempo de estrea de libros
nunha paisaxe festeira
coches de choque
baixo a choiva
orquestras na Praza de España
cancións de Roberto Carlos
para bailar amarrado
espellos pozo da morte
tiro e viño de Aragón
outubro
adolescencia soportada
baixo o sabre do pecado
e a fusta do represor
outubro
San Froilán
na espiral dos meus recordos
LEMBRANZAS DE SAN FROILÁN
Outubro, luces e cores,
o verán aínda na pel.
San Froilán, vellas lembranzas,
festexos grandes de outono .
Pelúdez e Filomena,
bulideiros, falangueiros.
Con eles retranca e contos
para contar no Progreso.
Nenez montada ao carrelo
de algareiros cabaliños.
Puberdade que viaxa
en eléctricos carriños.
Facianas desfiguradas
por insolentes espellos.
Tómbolas de boa sorte,
emoción… pozo da morte.
Motos en torno á Muralla,
carreiras pra non perderse.
Polbo e viño nas casetas
do vello campo da feira.
Na Praza Maior, orquestras,
fogos de artificio á noite.
Tres días que non se esquecen,
cinco, domingo e doce:
O cinco, día do santo
ninguén a esta cita falta.
O Domingo, o das Mozas,
rúas de xente ateigadas.
E o doce, polo Pilar,
que soidosos ficabamos!
Outubro, fin do verán,
novo curso, amigos vellos