HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: VICEVERSA

Miguel Díaz, VICEVERSA

En achega, o teu corpo. Que non rendido. E o meu, en entrega, que non submiso. En efémero encontro de seres fugaces, que se saben perecedoiros. Que se eternizan nun amor inexacto, que medra coas espiñas que fican nos dedos despois dunha tarde na breña. Sabemos, por tanto, que toxos e silvas forman parte da historia que no solpor talvez calamos, que na noite talvez contamos. Ou viceversa.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ÚNICA

Miguel Díaz, ÚNICA

O momento, na súa exclusividade, dispón o singular. O que xa non poderá ser copiado. No segundo que se define e se amosa. Que se ispe e marcha. Nunca somos os mesmos despois da caída da folla. Distintos trala caída dunha folla única. Fenecemos con cada latexo, mais cada latexo vencéllanos a todo mentres o vento folga, mentres o vento sopra.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ACROBACIA

Miguel Díaz, ACROBACIA

Acéndense os versos que aínda me habitan e non son quen de agarralos. Soños vagalume na noite das silveiras. Agochado brillo da esperanza. Teño no bico un bico desprendido. Teño no peito as acrobacias do felgo. Na boca, un murmurio que asoma aos beizos e te procura. Agroma na humidade. Semella próximo a estoupar e, porén, non é quen de se falar. Non son quen de pronunciarme en ti. E non sei onde pousar esta sensación que renxe na saliva do silencio, afundida na barafunda da túa ausencia.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: AFASTADOS

Cómplices na risa, sosteñen a barbarie coa súa aquiescencia. Na ausencia de compromiso, bourean asemade, nunha estúpida sinfonía de compadreo. Tecidos nunha desmemoria escollida que os iguala na mesquindade. Os imparciais, que non toman partido ante situacións inxustas. Os indiferentes, os adaptados.

Son o que son, afastados do que cren ser, sentados na mesma mesa de iguais. Son o que son, afastados do que teiman en amosar, vendéndolle ao mundo a súa farsa. Tristes personaxes danzando na mediocridade, simples comparsas dun desvarío en medras. Son o que son, afastados de min, que os evito.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A LIÑA

Miguel Díaz, A LIÑA

Definímonos co noso ego, polo tanto erroneamente. Acotío. Pero tamén combaténdoo. Trazando, con el ou a pesar del, formas no aire, curvas no espazo.

Definímonos en variadas expresións. En lugares angostos e húmidos tamén. Trazando neles horizontes e reflexos, caricias e anhelos. Nas tebras e nos días solleiros.

Galopamos precipitados en ocasións. Tentamos calmarnos entre o caos. Cinguimos ao tempo ilusións afastadas, plans alcanzables. Nun teimudo exercicio de esperanza.

Debuxamos unha liña que é tamén unha fronteira ante hordas violentas, ante a fereza dun mundo que non comprende e abate. A liña necesaria que sinala o límite. A partir da cal somos e fluímos. A liña sobre a que nos escribimos. En prosa, en poesía, con sutileza ou con atropelo. Unha liña propia que define tamén o respecto que nos debemos. A liña que non permitimos que outros superen.