Estar en ti, sen un sentido de pertenza. Sinxelamente definido á beira dos teus trazos. Nos límites dispostos polo teu movemento. Nese territorio no que a túa sombra se expresa. No que me golpea a luz que che cae das mans.
Xa sei que ocorre. Xaora. Que vén así definido e que non queda máis que aceptalo. Que chega o contratempo violento e que nos queda unha expresión adusta de baleiro e incomprensión. Que ficamos perdidos, dándolle voltas a un nobelo que nos fere. Xa sei que si, que prontas están sempre as navallas, afiadas na súa expresión devoradora. Ben sei de que falas. Todo iso que chamas vida e comparas coa batalla. Que veñen, ás veces, mal dadas. Capear o temporal e todo iso. Obrigado erguerse trala lostregada. Sei que é o que hai e corenta mil caralladas. A vida, seica. Coas súas trapalladas.
No contexto do desencanto, trazabamos unha físgoa que cuestionaba a desesperanza. E probablemente diso trataba, de proxectar unha danza que puidera sosternos, aínda, nun exercicio de voluntario desapego co que espreguizarnos. Co que distanciarnos do fastío e contrarrestar unha velocidade opresora que pretendía impornos formas que nos diluían. Que nos privaban da singularidade. Que guillotinaban as mellores expresións coas que podiamos regalarnos.
No contexto do desencanto, teimabamos en crer, a pesar de todo, na físgoa. Pola que entraba a luz procurando o noso encontro.
O lugar ignorado no que moramos, pintado pola distancia. O lugar que ocupamos, definido polos que nos foron negados.
Contamos historias e as historias, asemade, vannos contando. Na procura de novos fogares, alleos á descomposición das contras, ao abandono das fiestras, ao desleixo das trabes.
Nalgún momento xorde o estrondo da crebadura, a decisión do cambio. E o tempo acaba por crear un espazo no que o silencio se declara, habitando o rexeitado. Nunha calma trémula axitada pola renuncia, o home foxe e os balcóns observan.
A fondura, acotío desairada. Como unha chave oxidada, esquecida nun caixón apartado. A fondura, diluída no veleno do cotiá. Afogada na axitación violenta dunha convención anuladora.
A dor, que sempre deriva. Que decontino se ramifica. Que multiplica a súa raizame para estenderse. Dentro. Ata os límites do que somos. Como unha enredadeira devoradora. A dor. Que nos ocupa, que nos habita, que nos invade e aniquila. Coas súas feras navalladas. Que estende a súa pezoña imparable.
A fractura, que chama por alguén que non escoita, que te ignora. A fractura íntima. Que enteiramente nos pertence e rudamente nos conforma.
A liña, definida polo gume, nunha expresión xélida de desprezo. A pedra de afiar, presta. O tallo da gadaña. Sons efémeros desfilando pola liña dun desapego en foliada.
O gume, o gume, o gume. Co seu monótono silencio ameazante. O gume que miro e que me viola.