..Sentada no asento deste tren en marcha, tapada cunha manta que cubría o seu maltreito corpo, a súa mente ía repasando todo o seu pasado, dende aquel día no que se unira en “sagrado matrimonio” con ese malvado ser, dende ese mesmo día a súa condena daba comenzo, esa condena a cadena perpétua, onde sufrira os abusos e maltratos máis degradantes que poida sufrir persoa algunha, sempre baixo o lema de que era propiedade privada, ela era súa, por iso creíase no dereito de mallala cando lle petase ¡se tivera o valor que agora tiña! pero cando lle deu a primeira labazada e lle partiu os beizos, sentíuse moi sorprendida e moi cobarde, sorprendida porque non agardaba ese proceder e cobarde porque o medo paralizou o seu ánimo, e el aproveitou ese medo para seguir maltratando o seu corpo e a súa alma, o seu corpo con golpes e a súa alma con desprezos, verbas e aldraxes que non facían outra cousa máis que facela sentir culpable e inútil, chea de medo e por iso seguiu aguantando os seus desprezos e os seus golpes, decíalle que a ía matar, nun deses días de seguro se lle ía ir a man e acabaríase todo, total ela non valía nada… despois, cando se lle pasaba o efecto do alcohol e do mal xenio, abrazabaa e chorando pedíalle perdón, “non volverá pasar, quérote moito, mañán estará esquecido xa verás… “pero non se esquecía, non, non podía esquecer, pois volvía unha e outra vez a pasar o mesmo conto.
Así durante tantos anos, xa perdera a conta, os seus beizos xa racharan tantas veces coma a confianza nel, estaba cansa de mentir a todos os que lle preguntaban o que lle acontecera, un día foi unha porta, outro unha caída, pero moitas máis pechábase na casa días enteiros, tragando as súas bágoas, agochando a súa dor e a súa vergoña, así non tiña que dar explicacións a ninguén; tivo ganas moitas veces de ir a denuncialo, pero o medo non lle deixaba facelo, sabía que se ía sería unha máis das vítimas mortas a mans das súas parellas, e por iso seguía aguantando os abusos.
Hoxe tivo a coraxe de fuxir, metiu cuatro pezas nunha vella maleta e algunos cartos que tiña agochados dende facía tempo e saiu pola porta, sen deixar siquera nota algunha, pra qué? cando él volvera e atopara a casa baleira, decataríase do mal que llo fixera pasar, ó mellor ata o sentiría, ó mellor…
Aquí estaba, neste tren que a levaba ó seu destino, a quen sabe onde, igual daba, con tal de que non a atopara xamais, porque se a atopaba estaba morta, xa tentaría de agocharse ben, agora que ía comenzar de novo. Coa maleta na man baixou do tren, os seus pés temerosos camiñaban pola estación, e mirando á noite, respirou, enchendo os pulmóns de aire de liberdade, esa liberdade que lle fixo rachar os bencellos do seu cativerio, agora por fín ía vivir…. (ilustración de Isabel Pardo Martínez)