‘Medida por medida (La culpa es tuya)’, de Gabriel Chamé Buendía, gaña o Premio do Público do FIOT34

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou con éxito o pano da súa 34º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 15.000 asistentesao longo das súas seis semanas, con 44 espectáculos e máis de 20 actividades paralelas, cunha porcentaxe de ocupación do Programa de Sala dun 100%, todo un fito neste 2025

O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,39 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT (que inclúe o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contose o FIOT en Ruta) foi dun 4,43 sobre 5, cun total de 2.073 votantes rexistrados

Medida por medida (La culpa es tuya)’, de Gabriel Chamé Buendía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT34, cunha puntuación de 4,75 sobre 5, a moi curta distancia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, protagonizada por María Galiana, que obtivo a segunda posición cunha puntuación de 4,63 sobre 5

O espectáculo Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, gaña o Premio do Público do FIOT34, que botou con éxito o pano da súa 34ª edición o pasado 31 de outubro cun balance altamente positivo. Así, ‘o corazón do teatro en Galicia’ contou con preto de 15.000 asistentes ao longo das súas seis semanas, con 44 espectáculos e máis dunha vintena de actividades paralelas, cunha porcentaxe de ocupación do Programa de Sala dun 100%, todo un fito nas súas máis de tres décadas de historia.

O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,39 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT (que inclúe o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contos e o FIOT en Ruta) foi dun 4,43 sobre 5, cun total de 2.073 votantes rexistrados.

Deste xeito, Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT34, cunha puntuación de 4,75 sobre 5, a moi curta distancia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, protagonizada, entre outras, por María Galiana, que obtivo a segunda posición cunha puntuación de 4,63 sobre 5. 

En palabras de Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT: “Neste balance da 34ª edición do FIOT, cabe destacar a capacidade de reacción aos problemas e incidencias, grazas a un equipo humano e unha organización do festival solvente e madura. A altísima ocupación dos espectáculos e actividades, con máis de 15.000 persoas participantes, fan deste último FIOT o máis grande da historia. E isto é grazas a transversabilidade do festival e á súa rede de colaboradoras e colaboradores: públicos, artistas, entidades e colectivos implicados, que conforman un tecido de base, unha raíz única, que de forma horizontal e colaborativa sustenta este gran ‘corazón do teatro en Galicia’. O festival volveu ser un grande activista, defensor e motor da cultura galega, cada vez con máis adeptos e adeptas que nos visitan e nutren as nosas raíces. Por todo isto, sentimos moitísima gratitude e satisfacción. Grazas e larga vida ao FIOT”.

UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS PARTICIPATIVAS E EXITOSAS DA HISTORIA DO FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, clausurou a súa última edición cun dos mellores balances da súa historia, tanto en asistencia de público como en valoración artística e social. O evento, consolidado como un dos grandes referentes das artes escénicas de Galicia e de España, contou cunha participación de preto de 15.000 persoas entre espectáculos e actividades paralelas, con máis de 7.000 espectadores nas súas representacións teatrais.

A acollida foi masiva en toda a programación, con máis do 90% de ocupación media nos espectáculos con aforo e venda íntegra de bonos. Cabe destacar o fito do 100% de ocupación do Programa de Sala acadado por primeira vez na historia do FIOT. Cabe destacar, tamén, a rapidez coa que se esgotaron as entradas, así como a alta asistencia no ciclo OTNI, que este ano se desenvolveu no Auditorio do Pazo da Cultura, ampliando a súa capacidade e mantendo unha excelente resposta do público.

A valoración xeral da audiencia neste 2025 foi moi alta, acadando o espectáculo gañador do Premio do Público, Medida por medida, unha das puntuacións máis elevadas da historia do FIOT, ademais de rexistrarse, tamén, notables cualificacións no resto de ciclos de programación: Rúa dos Contos, OTNI, FIOT en Ruta ou o Certame de Micro-Escenas M2.

UN FESTIVAL DIVERSO, INCLUSIVO E CONECTADO COA COMUNIDADE

A programación desta 34ª edición do FIOT combinou 44 espectáculos (que inicialmente eran 45, pero houbo dúas cancelacións por causa de forza maior alleas ao festival, Territorio Regueifa, que foi substituída polo monólogo Aquí Tou, e 14.4) e unha ampla oferta de propostas para todos os públicos: familiares, escolares, maiores e colectivos diversos.

O FIOT reforzou a súa conexión social e cultural a través dun intenso programa de máis dunha vintena de actividades paralelas de mediación e promoción das artes escénicas: exposicións, lecturas dramatizadas, conversas arredor de espectáculos, obradoiros, charlas, proxeccións, presentacións de espectáculos en proceso de creación, Onda FIOT e presentacións de publicacións dramáticas, entre outras.

A diversidade de escenarios —25 espazos diferentes, desde o Auditorio do Pazo da Cultura ata a praia de Razo, as prazas de Carballo, centros educativos, bares, comercios e a residencia de maiores— reflectiu a vontade do festival de achegar o teatro á cidadanía e ocupar a vila enteira co espírito do FIOT.

O compromiso coa accesibilidade estivo presente en toda a programación, con tres espectáculos e presentacións interpretadas en lingua de signos, butacas reservadas para persoas con mobilidade reducida ou dificultades sensoriais e xornadas profesionais sobre accesibilidade en colaboración coa Deputación da Coruña.

O festival contou, un ano máis, coa colaboración do tecido social e cultural local, con máis de trinta entidades e colectivos implicados, entre institucións galegas, administracións locais, centros educativos, asociacións culturais e empresas da contorna. Destacaron as alianzas con entidades como o Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Camiño Escena Norte, Radio Nordés-Cadena SER, o Centro da Terceira Idade, Senda Nova e múltiples servizos municipais.

Tamén se salientou a participación de artistas locais, coa sorprendente instalación de Noelia Paz, os Premios do FIOT realizados por María Barca, de Crúa, e o labor de ZoomFIOT no seguimento fotográfico do festival.

AGRADECEMENTOS

O FIOT reafirma a súa posición como un dos eventos culturais máis importantes de Carballo e unha das propostas teatrais máis destacadas de Galicia, pola calidade artística, a ampla participación e o recoñecemento do público e da crítica, tanto dentro como fóra de Galicia. 

Un ano máis, a organización quere amosar o seu “agradecemento a artistas, compañías, institucións, patrocinadores, voluntarios e público, cuxo entusiasmo e compromiso fan posible un festival ambicioso, rigoroso e profundamente enraizado no ecosistema cultural galego”. Así, o FIOT dálle as grazas a:

·    “Aos que actúan ou participan no programa  porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dunha proposta de prestixio, que perciben como diferenciado pola calidade e o mimo con que se tratan todas as súas facetas”.  

·       “Ás institucións, polo seu respecto a un proxecto ambicioso, rigoroso e honesto co ecosistema cultural”. 

·      “A un equipo moi consolidado de voluntarios e numerosos colaboradores e colaboradoras, base na que nos sustentamos e da que sentimos o seu apoio incondicional, e que son os mellores embaixadores do FIOT”. 

·       “Aos espectadores que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, que participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, transmítennos a ilusión polo FIOT”.

De cara ao futuro, o FIOT retomará a coprodución con Ainé Producións de Territorio Regueifa, para a súa estrea a principios de ano, e continuará traballando na consolidación de proxectos que manteñan viva a ilusión e a excelencia que caracterizan o festival.

SOBRE ‘MEDIDA POR MEDIDA’, ESPECTÁCULO GAÑADOR DO PREMIO DO PÚBLICO DO #FIOT34

O duque Vincentio de Viena, preocupado pola decadencia moral do seu pobo, deixa no poder ao intachable Angelo. Mais, en segredo, disfrazarase de frade para observar o que acontece. Angelo aplica inflexiblemente a lei e condena a morte a Claudio por deixar embarazada á súa prometida. O duque, desde a sombra, intervirá nunha trama chea de tensións éticas, políticas e sexuais, ata chegar a un final inesperado.

Dez anos despois da súa anterior visita ao FIOT, o prestixioso arxentino mestre de actores Gabriel Chamé Buendía volve a reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa.

A obra cuestiona as estruturas morais que nos gobernan e revela as tensións entre o poder e a responsabilidade, situando a figura feminina no centro dun conflito inquedante e actual: o abuso de poder político e sexual. Chamé propón unha reflexión sobre un presente infantil e vixente que culpabiliza sempre ao outro e sobre os lazos íntimos ente a nobreza e a baixeza do ser humano.

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegou a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encheu ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volveu converterse no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. 

No FIOT houbo Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.

Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltaron producións con selo galego que forman parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.

Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas estiveron orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, houbo espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes e, en definitiva, o descubrimento. 

“Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Tratouse dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

MÁIS DE TRES DÉCADAS CREADO TEATRO DESDE CARBALLO: O FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

MÁIS INFORMACIÓN

www.fiot.gal 

2025.11.11.NP-balance-FIOT34

A cineasta viguesa Adriana Páramo presenta o documental GRELEI RAÍCES NO TEU LAR en Cineuropa

  • O cinema documental articula esta reflexión íntima sobre o proceso de (re)construción dun fogar
  • Ao rematar a proxección, que será este venres 14 de novembro ás 18:15 horas no Salón Teatro, haberá un coloquio coa directora
  • Os convites para a actividade, de balde, pódense retirar na web de compostelacultura.gal

A cineasta viguesa Adriana Páramo presenta no festival Cineuropa de Compostela, este venres 14 de novembro, Grelei raíces no teu lar, unha longametraxe documental que reflexiona sobre os conceptos de identidade, maternidade e fogar. O público asistente poderá manter un coloquio coa realizadora ao rematar a proxección, prevista ás 18:15 horas no Salón Teatro. A actividade, que forma parte da sección Panorama Audiovisual Galego do veterano encontro, conta con entrada gratuíta previa reserva na web de compostelacultura.gal.

A orixe de Grelei raíces no teu lar está directamente ligada a unha experiencia persoal de perda e reencontro de Adriana Páramo. A morte inesperada da súa tía, figura central na súa vida, levouna a deixar Londres, onde residira durante once anos, e regresar á súa cidade natal, Vigo, para estar preto da súa familia.

Instalada na casa da tía, Páramo iniciou un proceso de reflexión no que a cámara se transformou nunha ferramenta de acompañamento e expresión. Nese espazo íntimo, a directora gravou o seu dó, o seu día a día e o proceso de reconstrución emocional que culminou na decisión de emprender a maternidade en solitario.

O documental bebe de referentes como No home movie de Chantal Akerman, Les glaneurs et la glaneuse de Agnès Varda e Joyce at 34 de Joyce Chopra, filmes nos que a ollada persoal e o doméstico adquiren unha dimensión política e colectiva. Con esa inspiración, Páramo constrúe un diario visual no que o fogar, a identidade e o papel das mulleres da súa contorna se entrelazan nun relato honesto e próximo.

Grelei raíces no teu lar forma parte da tese doutoral que Adriana Páramo está a desenvolver na Royal Holloway University de Londres, onde investiga a representación do parto no cinema. Desde o seu lanzamento, o documental foi exhibido na Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín e mais no Festival Internacional de Cine de Pasto (FICPA) de Nariño, Colombia.

Adriana Páramo (Vigo, 1985) é directora e investigadora audiovisual. No seu traballo explora a identidade, a maternidade e a representación. A súa curta Anatomía dunha serea (2022) destacou en festivais pola súa mirada de xénero, e Illa Pedra (2010) foi a primeira curta de ficción en galego con audiodescrición para persoas invidentes. Tamén creou videopoemas baseados na obra de Lara Dopazo, como ovella (2017). Alén diso, é cofundadora do Galician Film Forum, organización que programa cinema galego no Reino Unido, e conta con máis de dez anos de experiencia en produción audiovisual.

Grelei raíces no teu lar

 Web de Adriana Páramo | https://paramoimaxinario.com

DOSSIER INFORMATIVO

Dossier-Grelei-raices-no-teu-lar

20251112-Presentacion-Grelei-raices-no-teu-lar-en-Cineuropa

Concerto de CATRO NUN ZOCO na Casa-Museo Manuel María

CATRO NUN ZOCO EN CONCERTO este sábado, 15 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María.

Conformado por Mini Rivas, Navia Rivas, Iria Rivas e Mariña Quintillán CUARTO NUN ZOCO combina a canción de autor con temas tradicionais, pretendendo divulgar a canción de compromiso social e todo o relacionado coa cuestión identitaria galega. Música para sentir e pensar.

Para asistir ao concerto de Catro nun zoco é necesario facer reserva (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A artista Isolda Comesaña inicia a súa Residencia Paraíso 2025 na Capela do Pilar de Corcubión no marco dos actos arredor do 25N

Desde este martes 11, e até o martes, 25 de novembro, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na vila coruñesa na súa proposta Sagrado Corazón

Sagrado Corazón é unha investigación da artista arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que escolle o marco estético da Idade Media europea, con cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios, a través dunha linguaxe híbrida entre poesía, danza, videoproxección e instalación

Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade

Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N,  co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Isolda Comesaña inicia a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este martes, 11 de novembro, en Corcubión. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Capela do Pilar da vila coruñesa acollerá desde mañá e até o martes 25 de novembro a derradeira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Sagrado Corazón, de Isolda Comesaña. 

Sagrado Corazón é unha investigación escénica da artista galega Isolda Comesaña Alcaraz arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.

Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade. Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N,  co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas.

SOBRE O PROXECTO

Sagrado Corazón é unha investigación escénica da artista galega Isolda Comesaña Alcaraz arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.

A armadura amósase como o símbolo perfecto para as moitas fortalezas e muros que se constrúen ás veces nos corazóns das persoas, desconectadas das propias emocións e das dos demais. O cabaleiro é o símbolo do heroe que emprende unha viaxe iniciática, onde a superación de distintos obstáculos para “salvar” (tradicionalmente, unha princesa, ou liberar ao reino das garras dalgunha criatura máxica como un dragón) non é máis que un salvamento propio, unha viaxe interna, cuxo fin é abandonar a armadura para atopar o propio corazón: ese é o destino final. 

Este interese estético trae consigo unha reflexión necesaria desde o prisma político: que teñen que ver todas estas lendas coa construción de Europa como entidade? Como contribúe este imaxinario medieval á identidade europea? Cando, como e por que se constrúe o relato do cabaleiro medieval cristián e que relación ten coa presenza musulmá? Canto de relato contemporáneo hai na nosa visión dese pasado que, en realidade, non coñecemos tanto? Canto de racismo e etnocentrismo hai nesa construción? Foi ou é Europa branca, cristiá e nobre? 

Ademais, Sagrado Corazón é unha investigación escénica que, a través dunha linguaxe híbrida entre poesía, danza, videoproxección e instalación, aborda o corpo no artefacto artístico, xurdindo a tensión entre o imaxinario medieval e o corpo, neste caso, especificamente, das mulleres. Deste xeito, Isolda se pregunta: En que lugar desta cartografía se sitúa o desexo e a erótica? Que pasa se observamos moitas das obras ao longo da historia da arte europea, de contido cristián, que nos pasa cando vemos esas éxtases, paixóns, martirios? Como nomear este conflito subterráneo entre a propia institución da culpa xudeocristiá, a monitorización do corpo das mulleres e a súa adscrición ao pecado orixinal, e a erótica das éxtases, da percepción sensíbel da presenza divina, os versos de Santa Teresa de Xesús? Foi o cristianismo o principio ordenador que veu a trastocar esencialmente a relación dos pobos coa natura fértil e exuberante?

En Sagrado Corazón, Isolda busca cuestionar a feminidade extasiada e erótica da pasividade fértil, da muller-nai, muller-natureza, muller dadora de vida, para situarse na loita, na restauración da propia axencia, mediante os símbolos que se negaron historicamente ás mulleres: a espada, a armadura, o lume, a guerra, que, como na tradición sufí, non é unha guerra fronte a un inimigo externo, senón que as máis das veces esa yihad é, en realidade, unha guerra interna, unha viaxe pola paisaxe interior e descubrir os colonos do propio corazón.

SOBRE A ARTISTA

Isolda Comesaña Alcaraz é unha creadora e actriz formada en Interpretación Xestual pola ESAD, que actualmente estuda o Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación pola USC, ademais de Ciencias Ambientais pola UNED.

En 2022 creou Derrubo. Camille Claudel, un monólogo baseado no texto orixinal de Laura Rubio Galletero, ademais de desenvolver a investigación escénica arredor do desastre ecolóxico do Prestige Visions of Prestige. No 2023 obtén unha residencia de creación teatral arredor da literatura medieval galaico-portuguesa e a literatura renacentista de Creta, coordinado por SONSGaliza e a Universidade de Atenas, co proxecto Lyriqas Project, organizando, tamén, ese mesmo ano, o proxecto de microteatro Microescena Lab na Morada Cooperativa en Vigo. No 2024 resultou gañadora do 1º premio do Xuventude Crea na categoría teatro coa súa peza Prázdno, un traballo Fin de Estudos arredor da deconstrución da feminidade desde o hexemónico até o grotesco.

Como actriz, participou de reparto no filme de Irati Gorostidi  Anekumen / Aro Berria e na produción do Centro Dramático Galego Os actos e as profecías.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal

Fundamentacion-Residencia-Paraiso-Isolda-Comesana

2025.11.10.-NP-Residencia-Paraiso-Isolda-Comesana

Remata o prazo da votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público nos I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM

Este luns remata o prazo da votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público nos I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM

Co Premio á Excelencia na Experiencia do Público, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible 

Nesta categoría, a audiencia conforma o xurado que decidirá o proxecto que merece este recoñecemento na primeira edición do  Premios da Industria Musical de Galicia

O público pode votar a súa candidatura ata hoxe luns, 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico; só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura 

Deste xeito, a Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, pechan esta noite a votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible. Nesta categoría, a audiencia é quen decidirá o proxecto que merece o recoñecemento. O público pode votar a súa candidatura ata esta noite ás 23.59 horas, a través de: bit.ly/votacion-experiencia-publico. Só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura. 

Ademais deste Premio á Excelencia na Experiencia do Público, que será elixido por votación popular, os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, anunciaron hai unhas semanas as iniciativas e persoas nomeadas no resto de categorías. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. En paralelo, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia.

As iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías xerais son:

·       Mellor deseño de iluminación: 

o   Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.

o   Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.

o   José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.

·       Mellor implementación de son:

o   Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.

o   Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.

o   Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.

·       Mellor empresa provedora de servizos:

o   Escena Sonora.

o   Luxevan.

o   Vacaline.

·       Mellor profesional de produción:

o   Paco Iglesias.

o   Victoria Blanco.

o   Xabi Carnota.

·       Mellor manager:

o   Aitana Cuétara.

o   Kin Martínez.

o   Manuel Tarrío.

·       Mellor produción discográfica:

o   Iago Pico, por Pouland Studios.

o   Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.

o   Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.

·       Mellor posta en escena:

o   Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA, de Mondra.

o   Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.

o   Tanxugueiras, Diana Ballesteros “Dii Feeling” e Manuel Escurís por DILUVIO, de Tanxugueiras.

·       Mellor promotor/a-programador/a:

o   David Pedrouzo, de Todo Medre.

o   Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.

o   Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.

·       Mellor proxecto de comunicación:

o   Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña, por Aquí tamén se fala.

o   The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.

o   Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.

·       Mellor identidade visual:

o   Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.

o   Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.

o   Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.

·       Mellor videoclip:

o   Lorenzo Negueruela, Yago Rodríguez, Mara Iglesias, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.

o   Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.

o   Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.

·       Mellor evento cultural / musical:

o   Noites do Porto.

o   Surfing the Lérez.

o   WOS Festival x SON Estrella Galicia.

·       Mellor espazo musical:

o   Sala Capitol.

o   Náutico de San Vicente.

o   Café Torgal.

·       Mellor proxecto de sustentabilidade:

o   Festival Agrocuir da Ulloa.

o   Festival de la Luz.

o   Festival Sinsal SON Estrella Galicia.

SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.

En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.

Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.

Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, hai un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións poden realizarse ata o luns 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico

A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos. 

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.

O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

MÁS INFORMACIÓN

2025.11.10.-NP-ultimo-dia-Premio-do-Publico-AGEM