
O novo proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina) presentará o seu disco debut o sábado 6 de decembro na Foliada da Fonsagrada
Rumbas, jotas e muiñeiras soan nun álbum festivo e retranqueiro no que o blues se mestura con melodías da terra
Tona, o proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina), dará a coñecer o 2 de decembro o seu álbum debut, titulado ‘Cruseiro’; un traballo no que se cruzan, como non podería ser doutro xeito, sonoridades diferentes e coplas retranqueiras que convidan a bailar.
‘Cruseiro’ ten un pouco de todo. Disto e un pouco daquelo. Tanto da montaña coma da ribeira. Mestura blues con melodías da terra. Ten harmonía, ten melodía e, obviamente, ten retranca. Sen dúbida, “é unha apoloxía da aldea, da língua, do noso carácter e da nosa tradición”, sinala Miguel Cernadas sobre un álbum do que xa se coñecen catro temas: ‘Maio’, ‘O casal’, ‘Rhumba95’ e ‘Carracho’.
“Tona nace da necesidade de seguir facendo música, aprendendo, investigando… Da curiosidade e tamén da aventura. De buscar sonoridades diferentes para botarlle o que sempre se botou, xa que, neste ‘Cruseiro’ hai rumba, hai pasodoble, hai jota e hai muiñeiras”, explica Cernadas sobre o álbum, que define como “festivo e feito para bailar”. Para mostra, a festa escollida para a estrea: a Foliada da Fonsagrada (sábado 6 de decembro, a partir das 12.00 horas), que este ano celebra a súa décima edición.
Tona conta con Miguel Cernadas na voz e composición; Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición; Andrés Real (Oh Ayatollah) ao baixo; Roberto Comesaña no acordeón; e Gutier Álvarez no violinofón. Todos eles acompáñanse de Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico de son ao vivo.

EP ‘CRUSEIRO’, DE TONA
Lanzamento: 2 de decembro de 2025
Videoclip Carracho: https://www.youtube.com/watch?v=BL2anhmrreg