
O actor e manipulador mindoniense, Ton Arenas (Mircromina Títeres), leva ao cenario da Casa-Museo Manuel María, para público infantil e familiar, a traxicomedia Pasmo de pedra. Será este sábado, día 22 de novembro, ás 17 horas. Para asistir á representación é necesario reservar (billete: 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
A sinopse da peza é a seguinte: decorre o ano 1543 cando Isabel de Castro e Pardo de Cela, casados e residentes no castelo da Frouxeira, desfrutan dunha vida relaxada, chea de privilexios e distraccións. Mentres, na outra punta da comarca, o bispo de Mondoñedo leva tempo reclamándolles os seus dereitos, bens e propiedades. Canso de ser enganado pola parella, contrata o mercenario Mudarra para que lle faga o traballo suxo. A pregunta é, perderá Pardo de Cela a cabeza?