• O espazo vigués Río Lagares (Falperra, 16) abre as súas portas ás 20.00 horas deste xoves, 20 de novembro, para acoller esta experiencia pioneira impulsada por Sinsalaudio e que conta coa financiación do Ministerio de Cultura
  • ANALOGIK DREAMS conxuga experimentación, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións únicas que contan coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), que desenvolven estas semanas unha residencia artística en Río Lagares

O selo musical analóxico ANALOGIK DREAMS celebrará mañá, xoves 20, a primeira das tres gravacións en directo de pezas musicais en vinilo e discos de cerámica reproducibles. Trátase dunha experiencia pioneira que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música ao vivo e traballo artesán; unha proposta inusual que contará coa colaboración de tres proxectos musicais do país: Clo Plas, Os Lindes e Carme López.

ANALOGIK DREAMS é un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura. O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. 

Da man do musicólogo Aleksander Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro. 

O proceso arrancará mañá, xoves 20 de novembro, coa gravación directa en vinilo con bandas do país. Neste caso será co dúo Clo Plas, conformado por Xiana Arias e Berio Molina. Trátase dun proxecto artístico que explora a oralidade da montaña de Lugo (concretamente da zona da Fonsagrada) con música experimental e midi. A sesión, que comezará ás 20.00 horas, será de entrada libre ata completar a capacidade do espazo en Río Lagares.

Estas gravacións levaranse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar pezas únicas e limitadas. En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunhaplataforma dixital.



ANALOGIK DREAMS

Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica

Do luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.
Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)

Gravacións abertas ao público*

– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS

– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES
– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ
* Entrada libre ata completar capacidade

20251119-Clo-Plas-en-ANALOGIK-DREAMS