O Noia Harp Fest e a Asociación Española de Arpistas amplían a súa colaboración e ofrecen dous concertos con destacadas intérpretes do instrumento

O primeiro deles, con Noelia Cotuna como solista, renderá homenaxe á intérprete e compositora francesa Henriette Renié no 150º aniversario do seu nacemento

‘El concierto secreto’, o proxecto artístico da arpista Juliette Commeaux e da cantante e flautista Laia Blasco, presentarase por primeira vez en Galicia logo de visitar numerosos escenarios por toda a península

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia consolida na 12ª edición a súa aposta pola visualización do talento arpístico, a través de múltiples estilos, da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Un ano máis, ambas entidades revalidan o seu compromiso coa visualización de intérpretes sobranceiras de arpa para que teñan presenza no único evento cultural do noroeste peninsular dedicado exclusivamente a este instrumento.

Desta volta, no lugar de realizar un único concerto -liña habitual nas anteriores edicións-, NHF e AEDA ampliarán a súa colaboración para ofrecer dous directos que contarán con algunhas das figuras máis representativas da escena arpística da música clásica ou culta e antiga, como son a valenciana Noelia Cotuna e El concierto secreto, o proxecto artístico conformado por Juliette Commeaux e Laia Blasco. 

A primeira das citas terá lugar o 1 de agosto. A solista e músico de cámara Noelia Cotuna, galardoada tanto a nivel nacional como internacional pola súa técnica e calidade interpretativa, será a responsable de ofrecer en Noia un repertorio que renderá homenaxe á mítica arpista e compositora francesa Henriette Renié no 150ª aniversario do seu nacemento. Cotuna, quen ten actuado baixo a batuta de figuras recoñecidas como Kill Petrenko, Zubin Mehta, Daniel Barenboim, será un dos pratos fortes deste NHF 2025.

A segunda cita que o Noia Harp Fest programará da man de AEDA será ao día seguinte. O sábado 2 de agosto presentarase en Galicia El concierto secreto, unha proposta fiada polas polivalentes Juliette Commeaux (arpa) e Laia Blasco (voz e frauta) e no que buscan recrear pezas virtuosísticas da antigüidade con redución para voz e para arpa, inspirándose na execución dalgunhas das cortes italianas que interpretaban estas músicas na intimidade ou para un grupo selecto de intelectuais. O dúo estréase en Galicia logo de visitar numerosos ciclos de concertos e escenarios como o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, o Auditorio de León ou mesmo o Museo Marqués de dos Aguas de Valencia, entre outros.

Con este anuncio, a tríade conformada por Cotuna, Commeaux e Blasco súmase a nomes xa avanzados polo festival, como son a arpista flamenca Ana Crismán, a escocesa Rebecca Hill e a nova formación galega D’Súpeto. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer novos nomes e actividades que serán parte do único festival do noroeste de España cuxo fío condutor é a interpretación musical a través da arpa.


Noia Harp Fest

Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes

Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.