
O festival GALICIA DESIGN WEEK mostrará o mellor do deseño galego e internacional na Coruña do 16 ao 24 de maio
- Parladoiros, exposicións, obradoiros, sesións musicais e gastronomía conflúen nunha iniciativa que conta con entrada libre na meirande parte das súas actividades
- A praza de Lugo e a avenida da Mariña acollen desde hoxe dúas exposicións sobre o mellor deseño galego do último ano así como do talento emerxente do país
- A programación PRO do sábado 24 de maio será 100% feminina e contará con figuras recoñecidas como a produtora Canada, a tipógrafa Marta Cerdà ou a directora de escena Marta Pazos
GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular e membro da prestixiosa organización World Design Weeks, regresa esta primavera á cidade da Coruña. A sexta edición do evento, que se celebrará do 16 ao 24 de maio, reunirá o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais.
Ao longo de nove días, GALICIA DESIGN WEEK (#GDW25) ofrecerá unha ampla programación gratuíta con 21 actividades. Obradoiros, paraladoiros, exposicións a ceo aberto ou sesións musicais serán parte dunha proposta que pretende poñer en valor un sector fundamental para o país, ademais de abrir o deseño galego ao exterior.
A programación da #GDW25 dividirase en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións que se abren hoxe mesmo tanto na praza de Lugo coma na avenida da Mariña; SESSIONS, a parte máis festiva do evento e como peche da actividade PRO; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade.
Este venres, 9 de maio, ponse en marcha a liña SHOW a través de dúas exhibicións arredor do deseño que xa están abertas ao público. Así, a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra artellada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e #NOVODESEÑOGALEGO, que presenta o máis salientable talento emerxente da comunidade a través dunha instalción do estudio Flu-or na avenida da Mariña. Ambas exposicións poderanse visitar até o 24 de maio.
A liña SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas desta edición. Toda a información da #GDW25 e das súas participantes xa está dispoñible no espazo web www.gdw.gal.
21 actividades e 9 días arredor do deseño
GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caraméns, é a gran cita que aúna á comunidade do deseño galego. Na programación profesional PRO -que o sábado 24 de maio será 100% feminina-, atópanse parladoiros da prestixiosa produtora catalana Canada, da gran tipógrafa catalana Marta Cerdà ou mesmo da recoñecida escenógrafa pontevedresa Marta Pazos.
Nesta parte PRO, tamén haberá espazo para unha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, da creativa internacional Isabelita Virtual, do estudio de arquitectura madrileño Burr, da axencia de branding Novagarda, da marca de moda Rígido e as súas creativas Carta et Stik; ademais dun taller de deseño de mobiliario impartido polo Grupo Malasa e outro de branding con Vagrant, que mostrará a nova identidade do festival de música Sónar.
Ao peche das xornadas PRO, celebraranse as SESSIONS, que correrán da conta co DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente.
Ademais da liña PRO, SESSIONS e SHOW, GALICIA DESING WEEK conta cun último eixe, OFF, que comezará o venres 16 de maio (17.00 a 21.00 horas) con USUAL PLACES, unha serie de actividades que terán lugar en diversos espazos creativos da cidade en colaboración co magazine coruñés Usual e Cervexas Alhambra. Ao día seguinte, o sábado 17 ás 12.00 horas, celebrarase ORIXES, un encontro de arte, artesanía e deseño impulsado polas ceramistas Verónica Moar e Risco no estudio deste último.
A programación OFF retomarase o mércores 21 co lanzamento da Burguer GDW ás 20.00 horas en Rosmon, local que acollerá unha exposición de pósters do deseñador gráfico galego Miguel Quiroga. Finalmente, o xoves 22, Malte Atochas será sede de USUAL SUMMIT, unha conversa entre mulleres sobre a capacidade do deseño como axitador cultural comisariada e moderada por Usual e coas hamburguesas de Rosmon.

#GDW25
GALICIA DESING WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Dida, Goloso Coffee Counters, Gràffica, Malte, News&Coffee, Rosmon, Studio Follow e Usual.
A #GDW25 ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.
PROGRAMACIÓN GALICIA DESIGN WEEK 2025
SHOW
9 ao 24 de maio
Praza de Lugo – Exposición DESIGNED IN GALICIA
Avenida da Mariña – Exposición #NOVODESEÑOGALEGO
www.gdw.gal – Showroom dixital
OFF
16 de maio, varias localizacións \ 17.00 a 21.00 horas
USUAL PLACES
17 de maio, Risco Estudio \ 12.00 horas
ORIXES
21 de maio, Rosmon \ 20.00 horas
Presentación Burguer GDW + exposición Miguel Quiroga
22 de maio, Malte Atochas \ 20.00 horas
USUAL SUMMIT
PRO
23 de maio, Espacio Avenida \ 12.00 horas
Apertura + Grupo Malasa Talent Contest
PRO Workshops: O novo branding do festival Sónar x Vargrant
PRO TALKS: Desescribir, Novagarda, Rígido + Carla et Stik, Burr
24 de maio, Espacio Avenida \ 10.30 horas
PRO TALKS: Aldea, Corbar, Lixo, Proxecto Bolina, Inma Hortas, Marta Pazos, Marta Cerdà, Isabelita Virtual, Canada
PRO WORKSHOPS: A túa idea en marqueta. Do papel á forma x Grupo Malasa
SESSIONS
23 de maio, Espacio Avenida \ 19.30 horas
Certain People
24 de maio, Espacio Avenida \ 19.30 horas
Dj Gulya & Héctor de la Puente
24 de maio, Malte Atochas \ 23.00 horas
Certain People