Noelia Cotuna, Juliette Commeaux e Laia Blasco incorpóranse ao cartel do Noia Harp Fest

O Noia Harp Fest e a Asociación Española de Arpistas amplían a súa colaboración e ofrecen dous concertos con destacadas intérpretes do instrumento

O primeiro deles, con Noelia Cotuna como solista, renderá homenaxe á intérprete e compositora francesa Henriette Renié no 150º aniversario do seu nacemento

‘El concierto secreto’, o proxecto artístico da arpista Juliette Commeaux e da cantante e flautista Laia Blasco, presentarase por primeira vez en Galicia logo de visitar numerosos escenarios por toda a península

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia consolida na 12ª edición a súa aposta pola visualización do talento arpístico, a través de múltiples estilos, da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Un ano máis, ambas entidades revalidan o seu compromiso coa visualización de intérpretes sobranceiras de arpa para que teñan presenza no único evento cultural do noroeste peninsular dedicado exclusivamente a este instrumento.

Desta volta, no lugar de realizar un único concerto -liña habitual nas anteriores edicións-, NHF e AEDA ampliarán a súa colaboración para ofrecer dous directos que contarán con algunhas das figuras máis representativas da escena arpística da música clásica ou culta e antiga, como son a valenciana Noelia Cotuna e El concierto secreto, o proxecto artístico conformado por Juliette Commeaux e Laia Blasco. 

A primeira das citas terá lugar o 1 de agosto. A solista e músico de cámara Noelia Cotuna, galardoada tanto a nivel nacional como internacional pola súa técnica e calidade interpretativa, será a responsable de ofrecer en Noia un repertorio que renderá homenaxe á mítica arpista e compositora francesa Henriette Renié no 150ª aniversario do seu nacemento. Cotuna, quen ten actuado baixo a batuta de figuras recoñecidas como Kill Petrenko, Zubin Mehta, Daniel Barenboim, será un dos pratos fortes deste NHF 2025.

A segunda cita que o Noia Harp Fest programará da man de AEDA será ao día seguinte. O sábado 2 de agosto presentarase en Galicia El concierto secreto, unha proposta fiada polas polivalentes Juliette Commeaux (arpa) e Laia Blasco (voz e frauta) e no que buscan recrear pezas virtuosísticas da antigüidade con redución para voz e para arpa, inspirándose na execución dalgunhas das cortes italianas que interpretaban estas músicas na intimidade ou para un grupo selecto de intelectuais. O dúo estréase en Galicia logo de visitar numerosos ciclos de concertos e escenarios como o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, o Auditorio de León ou mesmo o Museo Marqués de dos Aguas de Valencia, entre outros.

Con este anuncio, a tríade conformada por Cotuna, Commeaux e Blasco súmase a nomes xa avanzados polo festival, como son a arpista flamenca Ana Crismán, a escocesa Rebecca Hill e a nova formación galega D’Súpeto. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer novos nomes e actividades que serán parte do único festival do noroeste de España cuxo fío condutor é a interpretación musical a través da arpa.


Noia Harp Fest

Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes

Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición. 

Fillas de Cassandra, nova aposta Up Next de Apple Music

Apple Music vén de escoller ao dúo vigués Fillas de Cassandra como a nova aposta dun programa de talento do que tamén formaron parte Billie Eilish, Bad Bunny, María José Llergo ou Alcalá Norte, entre outros nomes

Fillas de Cassandra suma, paseniño, un novo fito á súa carreira musical. Apple Music vén de anunciar publicamente que o dúo conformado por Sara Faro e María SOA é a súa nova aposta no marco do programa Up Next, unha iniciativa que pretende visualizar proxectos musicais de interese da escena local e internacional.

“É unha ledicia inmensa saber que a nosa música chega a novos lugares”, aseveran María e Sara, que veñen de publicar Hibernarse, un proxecto multidisciplinar no que abordan a construción social do tempo. Con Hibernarse, que se abre a distintas disciplinas artísticas -un EP, un fanzine, un videofilme e unha colección de xoias, polo de agora-, Fillas de Cassandra fai un chamado á pausa e respectar os tempos necesarios para deixar fluír a creatividade. 

A través de Up Next, Apple Music destaca a artistas, coidadosamente identificados por expertos de todos os xéneros, co fin de apoiar e fomentar as súas incipientes carreiras e descubrir novas apostas musicais de interese que irrompen con forza na escena local e mundial. O programa Up Next España convive e complementa ao programa Up Next Global. 

A nivel mundial, Apple Music leva apoiando a artistas desde os seus inicios, como Billie Eilish, Bad Bunny, Khalid, Megan Thee Stallion, Jhay Cortez ou Elo Armado, entre moitos outros; mais tamén brinda aos artistas locais a oportunidade de obter apoio temperán no seu camiño cara a un recoñecemento mundial. Nomes da escena estatal como Dora Postigo, Guitarricadelafuente, Maria José Llergo, Judeline ou Alcalá Norte foron algunhas das apostas máis notorias do programa de Apple Music, que agora conta con Fillas de Cassandra como novo referente. 

FAIA comparte co público o proceso de creación de ‘Alvela’ e a súa vinculación co arquivo do Museo do Pobo Galego

Concerto de Faia no Teatro Principal de Santiago de Compostela Rocío Cibes 24/04/25

  • A conversa entre Faia e a etnomusicóloga Beatriz Busto será este xoves, 15 de maio, ás 20 horas, con entrada libre ata completar capacidade 
  • ‘Alvela. Do arquivo ao disco’ forma parte da programación paralela da exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ do Museo do Pobo Galego 


FAIA e a etnomusicóloga Beatriz Busto manterán este xoves, 15 de maio, a conversa ‘Alvela. Do arquivo ao disco’, unha oportunidade única para coñecer de primeira man a estreita vinculación do novo disco da artista co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ producida polo museo co gallo das Letras Galegas 2025, comezará ás 20.00 horas e terá entrada libre ata completar capacidade. 

Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco. 

Sobre FAIA 
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentou Alvela, o seu segundo traballo. 

CONVERSA CON FAIA 
Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Bustos 
Xoves 15 maio | 20.00 h | Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) 
Entrada libre ata completar capacidade 

WEB FAIA | https://faia.gal

ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc

FAIA convida á conversa no Museo do Pobo Galego

O IESCHA organiza a XXII Ruta Chairega

O IESCHA organiza a XXII Ruta Chairega “RUTA DO RÍO DA PONTE DE PEDRA por terras de AS PONTES, prevista para o domingo 1 de xuño de 2025.

A saída de Vilalba, dende os arredores da Casa da Cultura, producirase ás 9:30 horas. A continuación, viaxe Vilalba–As Pontes para dende O Lago dar comezo ao recorrido da mencionad “RUTA DO RÍO DA PONTE DE PEDRA”.

NOTA-INFORMATIVA-XXII-RUTA-CHAIREGA-AS-PONTES

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia activa esta semana a venda de entradas para a súa nova edición

Os abonos poderanse adquirir a partir de mañá, martes 13, a través de Enterticket.es; mentres que as entradas por día estarán dispoñibles a partir do xoves 15

O evento cultural, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca en San Simón, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento os días 25, 26 e 27 de xullo


O Festival Sinsal SON Estrella Galicia activará esta semana a venda de entradas para a súa nova edición, que terá lugar os días  25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón. O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo.

A partir das 12.00 horas de mañá, martes 13, e até as 23.59 horas do mércores 14 -ou ata esgotar existencias-, poderanse adquirir os abonos para gozar das tres xornadas de programación cultural; mentres que as entradas por día estarán á venda a partir das 12.00 horas do xoves 15. Cómpre salientar que, nesta edición, o primeiro día coincide cunha data festiva (25 de xullo), polo que a actividade comezará en horario de mañá. 

Para poder acceder ao festival, o público debe coller un dos barcos que Sinsal pon á súa disposición nos embarcadoiros da Estación Marítima do porto de Vigo ou do Centro de Interpretación de Rande, en Meirande; un traxecto que se pode escoller á hora de comprar a entrada, cando tamén se informa dos horarios dos barcos tanto da ida como da volta. O transporte ata a illa está incluído no billete e os prezos son diferentes en función do punto de saída así como da idade, sendo máis económico o acceso para menores de 16 anos.

Así, o abono Sinsal, que abrangue as tres xornadas de programación, poderase adquirir desde os 166,50 € (máis gastos de xestión); mentres que as entradas por día sairán á venda a partir dos 60 € (máis gastos) no caso das persoas adultas e de 23 € (máis gastos) no caso das menores de 16 anos.  



SINSAL SON ESTRELLA GALICIA

Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacionall: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América. Todos os anos os abonos e as entradas esgótanse axiña. 

A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón, Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar– ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; -e que no 2024 supuxo a redución nun 30% do volume dos mesmos-; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.

Novamente, o evento cultural  contará coa colaboración de SON Estrella Galicia, o proxecto musical cervexeiro máis consolidado do panorama estatal e que leva máis de 15 anos tanto impulsando iniciativas chamadas a mudar a escena como apoiando o talento xurdido en calquera parte do mundo.