
- A conversa entre Faia e a etnomusicóloga Beatriz Busto será este xoves, 15 de maio, ás 20 horas, con entrada libre ata completar capacidade
- ‘Alvela. Do arquivo ao disco’ forma parte da programación paralela da exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ do Museo do Pobo Galego
FAIA e a etnomusicóloga Beatriz Busto manterán este xoves, 15 de maio, a conversa ‘Alvela. Do arquivo ao disco’, unha oportunidade única para coñecer de primeira man a estreita vinculación do novo disco da artista co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ producida polo museo co gallo das Letras Galegas 2025, comezará ás 20.00 horas e terá entrada libre ata completar capacidade.
Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentou Alvela, o seu segundo traballo.
CONVERSA CON FAIA
Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Bustos
Xoves 15 maio | 20.00 h | Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)
Entrada libre ata completar capacidade
WEB FAIA | https://faia.gal
ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u
VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc
FAIA convida á conversa no Museo do Pobo Galego