‘Alvela’, o novo disco de FAIA, estará dispoñible nas plataformas dixitais a partir do 23 de abril

  • Ata agora publicáronse, ademais do sinxelo ’E se queres’, os temas ‘Dona Alvela’, ‘Escribíache’ e ‘Teno sono’ a través das redes sociais da artista 
  • O lanzamento de ‘Alvela’ coincide co concerto presentación, tamén o 23 de abril no Teatro Principal de Santiago, que xa esgotou as entradas dispoñibles 
  • A partir de hoxe, martes 15, é posible adquirir localidades con visibilidade reducida, a metade de prezo, na Zona C 


Alvela, o novo disco de FAIA, estará dispoñible nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do vindeiro 23 de abril. Trátase dun traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. 

Son dez os temas que conforman o LP, dos que xa se coñecen E se queres, o primeiro adianto; ademais de Dona Alvela, que parte dunha peza do romanceiro tradicional e que aborda a violencia sobre a muller no momento do parto, e Escribíache, que procede do repertorio de Erminda Miramontes. A propia FAIA foi dando a coñecer estes temas no seu perfil de Instragram a través dunhas animacións elaboradas pola artista plástica Blanca Gracia. Esta mesma mañá a creadora vén de publicar o derradeiro avance de Alvela, o arrolo tradicional Teño sono, unha peza na que a arpa sostén, coa súa rítmica, o carácter circular, case mántrico, dun canto a dúo.  

O 23 de abril desvelarase nas principais plataformas dixitais o resto do disco, que sairá proximamente en formato vinilo, ata completar os dez que integran Alvela, un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco. 

As cancións de Alvela 

  1. E se queres 
  2. Escribíache 
  3. Cocón 
  4. Dona Alvela 
  5. Mixurriña  
  6. Totón 
  7. O romance 
  8. Teño sono 
  9. Maruxiña 
  10. Canta rola  

Entradas esgotadas 

O lanzamento de Alvela nas plataformas o día 23 de abril coincidirá co concerto de presentación no Teatro Principal de Santiago, un evento encadrado na programación musical de Compostela Cultura. Aínda que as entradas para o concerto están esgotadas, é posible adquirir localidades con visibilidade reducida a metade de prezo desde hoxe, 15 de abril, na Zona C -cómpre lembrar que, por mor dos festivos, só estará aberta hoxe, mañá e, de novo, o martes 22 de abril-. No caso de que non se esgoten estes boletos, o público poderá coller as últimas butacas na billeteira do teatro unha hora antes do comezo do concerto. 

Na presentación pública de Alvela no Teatro Principal, FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín/viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e co deseño de luz a cargo de Nonon Lab. 

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presenta Alvela, o seu segundo traballo. 


CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ | ENTRADAS ESGOTADAS 

23 de abril | 20.30 h | Teatro Principal (Santiago de Compostela) 

Venda de entradas con visibilidade reducida: 

  • Zona C · Punto de Información Cultural (15, 16, 22 e 23 de abril, 11-14 h e 16-19 h) 
  • Despacho de billetes do Teatro Principal (o día do concerto dende as 19.30 h)

TEMAS PUBLICADOS DE ‘ALVELA’:  

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc

Palestra LIEDERS: NACE UNHA ESCRITORA, ROSALÍA DE CASTRO, impartida por Pilar García Negro, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PALESTRA “LIEDERS: NACE UNHA ESCRITORA, ROSALÍA DE CASTRO, impartida por PILAR GARCÍA NEGRO, profesora honoraria da USC e escritora. 

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o martes 22 de abril de 2025, ás 20:00 horas, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-palestra-PILAR-GARCIA-NEGRO

Joseph Keckler ofrece este martes 15 en Vigo o seu primeiro concerto en España da man do Sinsal Primavera

Joseph Keckler, definido por The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, actúa por primeira vez en España mañá, martes 15, da man do Sinsal Primavera

  • O concerto terá lugar a partir das 20.30h no Salón de Actos do MARCO e as entradas están dispoñibles, desde 12 €,  na web de Sinsal
  • As seguintes citas terán lugar na Sala Radar o mércores 30 de abril e o sábado 3 de maio, cos directos da banda británica Chemtrails e dos belgas Bombataz

Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, inicia este martes, 15 de abril, a súa nova edición. Desta volta, serán tres directos singulares, liberados de prexuízos de xéneros e que ademais, suporán a estrea destes proxectos musicais en España.

O responsable de inaugurar o ciclo este martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, artista coñecido pola súa voz conmovedora e a súa prosa vívida, que chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.

A proposta musical de Joseph Keckler non atende a unha única categorización pola súa voz operística en constante metamorfose e a súa presenza magnética que atrapa durante o directo. As súas actuacións oscilan entre a comedia, o comentario e a comuñón. O estadounidense desprázase con sutileza entre baladas asombrosas, grooves inquietantes e arias ambiguamente autobiográficas nas que aborda cuestións da vida cotiá para afastarse e transformalas en absurdas e conmovedoras viaxes ao inframundo. 

Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio -promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón- co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos.

A seguinte cita será o mércores 30 de abril na Sala Radar co garage-punk e power pop da banda inglesa Chemtrails; e os belgas Bombataz porán o ramo o 3 de maio co seu jazz contemporáneo no mesmo recinto. As entradas para as citas do Sinsal Primavera están á venda na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras. 

CONCERTO SINSAL PRIMAVERA
JOSEPH KECKLER
 (Estados Unidos) 15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos
Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos)
Vídeo: https://youtu.be/G9QlhtGMFfw?si=W8rT0NpPb4qWQhUZ

Andanzas do Suso de Lameliña. O BERRO DO SILENCIO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O BERRO DO SILENCIO


Por un motivo ou por outro, o que fora unha das súas grandes paixóns acabara por caer, sen remedio, no esquecemento. Quen antes enchera veladas con melodías, agora permanecía en silencio. As noites de esplendor semellaban pura utopia e o eco dos seus días de gloria esvaecíase na brétema do tempo. As obrigas cotiás e sobre todo o feitizo de novas afeccións, como a pintura e a escritura, fixeron do seu vello aliado algo ocioso, irrelevante. Agora, permanecía relegado nun recuncho do  salón, atrapado na súa caixa e cuberto por unha fina capa de po.

Había momentos que sentía remordementos e, por un breve tempo, collíao nos brazos e conseguía sacarlle un sorriso. Mais, pronto se cansaba e devolvíao ao seu encerro, dunha maneira fría, case despectiva.

Hoxe, ao pasar ao seu carón, lembrouse de que había máis de dous meses que non lle prestaba atención . Achegouse a el e un suspiro ruidoso, entre rabia e  deseseperación, pareceulle que saía do interior do estoxo, reclamando atención.

—Ah, estás aí! —exlamou, co corazón axitado polo que viña de escoitar.

—Levo aquí media vida —contestoulle desde dentro da súa gaiola— Pero iso a ti iso dache igual, verdade?

Ficou petrificado, sen saber que facer. O sentimento de culpa impedíalle reaccionar. O acordeón continuou:

—Lémbraste cando chegaches ao “Arco Iris” e me elixiches entre máis de media ducia que che amosou o dono?  Eu non me esquezo, non, viñas cun colega meu, que deixaches alí para que eu che resultase máis económico. Agora pregúntome. Cando me tocará a min pasar por ese trance? Porque cada vez teño máis claro que me detestas. Ai, aqueles anos! Xa esqueciches os concertos con bailes baixo a luz ténue do solpor, que facían que me sentise vivo? Tempos felices aqueles, e non como agora, encerrado aquí, dia tras día, facéndose eternas as horas.

O dono baixou a cabeza, incomodo e avergonzado, dirixiuse cara a el. Abriu a caixa e tomouno en brazos. O acordeón seguiu a falar:

—Eramos inseparables, e os teus dedos atopaban as harmonías precisas nas miñas teclas, cada nota era unha confesión, un segredo. Ata que rematada a pandemia todo mudou. Un día deixaches de collerme e tras del viñeron outros e outros. O encanto, polo motivo que fose, esvaecérase. Foi quizais culpa miña, di?  Ou hai outro motivo? Acaso xa non che sirvo? 

Tentou  responder e nun fino fío de voz, murmurou:

—Non é iso. Ti non tes culpa ningunha…, é a vida, os problemas.

—A vida! —exclamou o acordeón. Desculpas, só desculpas. Eu estiven sempre ao teu lado nos momentos de alegría pero tamén nos malos e así é como mo agradeces?

O silencio envolveu o salón. Abriu os foles e comezou a acariñarlle as teclas. Despois de moito tempo, o acordeón comezou a respirar compasadamente e as notas encheron de nostalxia e ledicia o salón. Esa noite as paredes volveron vibrar de novo, cun vals perdido, cun pasodobre agardado, cunha muiñeira sentida. Quizais aquel vello amor aínda non morrera de todo. Quizais só estaba esmorecido e a tempo de rexurdir.

Presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO na Casa da Cultura de Vilalba [Galería gráfica]


Este sábado 12 de abril ás 12 h. a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO. Un volume editado por Alvarellos Editora, e no que aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.

Na presentación participaron Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estive ron Mónica González en calidade de concelleira de Cultura e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.

O acto foi conducido por Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, web cultural que colabora co Concello de Vilalba na convocatoria deste concurso de narrativa hiperbreve. Ao pouco de comezar a presentación produciuse unha ‘interrupción’ teatral co título de Protocolo Micro, interpretada por dúas actrices da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, Susana Pérez Fernández e Tamara Grandío Barrio. A continuación interviron Mónica González e Henrique Alvarellos, que salientaron o bo camiño que levaba o Certame de Microrrelatos dentro do panorama literario galego. Na parte final do acto leron os seus textos Duarte Mariño Torrado, Paula Pérez Cendán, Henrique Neira Pereira, Lucía Domínguez Pereira, María Fernández Escariz e Carlota Millor Prado, autores/-as premiadas nas edicións de 2023 e 2024. O acto rematou coas palabras da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a foto colectiva de todas as partes implicadas no desenvolvemento do certame literario ( entidades convocantes, editorial e persoas galardoadas).

Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da presentación deste sábado

*Imaxes facilitadas por Sonia García, técnica de Cultura do Concello de Vilalba