Desde este luns 17 e até o xoves 27 de agosto, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, Blanca Gómez Terán traballará  na súa proposta Como cuando el pelo se eriza

Mentres, Óscar Bueno fará o propio co seu proxecto La excitación del paisaje: conferencia montañera

Unha vez finalizadas as súas residencias, ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar o xoves, 27 de agosto, ás 20.00h, no mesmo vello Cárcere de Lugo, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo

Paralelamente, a artista e o creador e intérprete participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Blanca Gómez Terán e o creador e intérprete Óscar Bueno inician este luns, 17 de agosto, en Lugo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, até o xoves, 27 de agosto, estas dúas novas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno ás propostas Como cuando el pelo se eriza, de Blanca Gómez Terán, e La excitación del paisaje: conferencia montañera, de Óscar Bueno.

Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, os creadores ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o xoves, 27 de agosto, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, Blanca e Óscar participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE OS PROXECTOS

Como cuando el pelo se eriza

Este proxecto parte dunha incoherencia: unha desgarrada carencia de desexo e unha necesidade de facer o que me dea a gana. De aí nace unha investigación coreográfica obsesionada co capricho. Capriccio do italiano: combinación de caput (cabeza) e ericius (ourizo). As primeiras semánticas do termo aparecen no século XIII, onde se refería á sensación dun tremor súbito, como cando o pelo se ouriza de espanto. Durante o Barroco temperán, o significado evolucionou cara a «antojo repentino». Neste mesmo marco temporal, o termo comeza tamén a designar un tipo de formas artísticas, un xénero musical, pictórico e arquitectónico.

Como cuando el pelo se eriza é un proxecto coreográfico ao que lle interesa xogar e afondar nunha constelación semántica que deriva deste tremor súbito: o desexo, a clase e o tempo. Un corpo impaciente que habita unha relación cunha ausencia, unha potencia de algo que aínda non está, non é e que, tal vez, nunca sexa. Esa potencia especulativa paréceme extremadamente erótica e quero incorporala a través de “tal vez” bailes e de “tal vez” cantares.

La excitación del paisaje: conferencia montañera

La excitación del paisaje é un proxecto de investigación artística desde o que me propoño a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación: a que se establece entre quen mira e aquilo que é mirado. Nese cruzamento, a paisaxe aparece como un campo de preguntas sobre a nosa relación co contorno.

Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para desprazar esa relación e ensaiar outras formas de vincularnos co contorno. Non se trata só de mirar, senón de preguntarse que ocorre nese acto, que tipo de presenza produce e como pode transformarse.

Este proxecto nace do proceso de investigación La excitación del paisaje: La roca blanda, realizado nos Pireneos entre finais de 2025 e comezos de 2026. Trátase da Paisaxe nº4 e céntrase nas paisaxes que construímos coas montañas. Fronte á súa escala e á súa aparente inmobilidade, a rocha —dura, pesada— proponse como materia sensible: algo que pode escoitarse, rodearse, imaxinarse e incluso trasladarse. Tamén suavizarse: alterar o seu peso, desprazar a súa escala, abrila a outras percepcións. Mirala desde outros puntos de vista e achegala ao corpo.

O proxecto despregase en distintos formatos —encontros, materiais visuais e sonoros e un dispositivo escénico— e, nesta ocasión, toma a forma dunha conferencia expandida: un espazo onde a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse.

SOBRE AS ARTISTAS

Blanca Gómez Terán nace nun tórrido mes de xullo de 1990, no barrio de Prosperidade de Madrid antes da súa xentrificación, baixo un sol en Cáncer e un ascendente Xemelgos que contrarresta o melodrama canceriano. Vive entre Madrid e Gießen, onde está a finalizar o Máster en Coreografía e Performance na Justus Liebig Universität de Gießen, Alemaña. Este xullo, ademais, formou parte do programa DanceWEB no marco do festival Impulstanz.

Con formación en Arquitectura, o seu traballo móvese entre as artes vivas e visuais, abordando a coreografía como un medio de investigación perceptiva e política. Paralelamente á súa formación como arquitecta, recibiu formación en danza contemporánea e noutras disciplinas das artes en vivo. Viviu en Brasil durante case dous anos e realizou a primeira edición do PACAP (2017), no Forum Dança de Lisboa, onde desenvolveu o seu primeiro solo peça um.

Móvea unha paixón visceral pola danza e a coreografía, así como pola necesidade política de pensar a través do corpo. Gústanlle a maxia, o escuro, bailar, os sons e o descoñecido. Ademais, desenvolve unha práctica profesional vinculada ao deseño gráfico e editorial, realizando identidades gráficas para diversos artistas, comisarios e proxectos culturais.

No seu percorrido nas artes en vivo desenvolveu traballos propios e en colaboración en espazos como La Poderosa (BCN), La Caldera (BCN), Bombom Projects (BCN), Espaço Alkantara (Lisboa), Pradillo (MAD), La Casa Encendida (MAD), CA2M (MAD), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MAD), Mousonturm e Frankfurt Lab, entre outros.

En ocasións fai cartas astrais.

Óscar Bueno (1985, Avilés, Asturias) é licenciado en Arte Dramático pola ESAD de Asturias na especialidade de Interpretación Textual, titulado en Grao Profesional de Música con especialización en Piano e máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidade de Castilla-La Mancha e o Museo Reina Sofía (Madrid).

A súa práctica móvese de maneira constante entre o performativo, o musical e o visual, de forma máis ou menos intencional. Defínese como creador e intérprete, pero tamén traballa acompañando procesos doutros artistas.

Para desenvolver a súa práctica, xera marcos de traballo o suficientemente amplos como para afondar en distintas preguntas desde múltiples puntos de vista. O primeiro gran marco desde o que traballou titúlase Sonidación (o acto de xerar son mentalmente). Dentro deste espazo de investigación desenvolveu as pezas Soundtrack (2017), Amarillo Chillón (2017), Estudios para sonidación 1 (2020), Estudios para sonidación 2 (2021) e Estudios para sonidación 3 (2022).

O segundo gran marco de traballo, no que actualmente se atopa inmerso, titúlase La excitación del paisaje. Nel regresa ao son e propón como, desde a música, a imaxe e a performatividade, é posible reflexionar sobre as nosas relacións coa natureza. Dentro deste marco desenvolveu as pezas Apoyatura (2023), estreada no festival TNT; Vientos (2023), estreada no festival Supernova do Centro Conde Duque; Río (2025), estreada no festival Bosque Real; e La roca blanda (2025 – 2026), en residencia co CDAN.

Desenvolveu tamén diversos proxectos colaborativos e educativos, como os Talleres Sinfónicos para Familias no CA2M e La Casa Encendida (xunto coa artista Itxaso Corral), así como distintos laboratorios de creación sonora e musical en colaboración con institucións como Graner, o Museo Thyssen Málaga ou o MACBA, entre outros.

Realizou residencias artísticas en centros como Graner, La Casa Encendida, Casa Wabi (Oaxaca), o Centro Cultural de España en México e as Residencias Paraíso, e colabora habitualmente con artistas como Cris Blanco, Cuqui Jerez, María Jerez ou Anto Rodríguez.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.08.17.-NP-Residencias-Paraiso-LUGO