IV Festival de Poesía das Lupercais no Vello Cárcere de Lugo

O Vello Cárcere acolle a IV edición do Festival de Poesía das Lupercais

O vindeiro tres de maio terá lugar unha nova edición deste festival, que se consolida coma unha das citas mais importantes coa poesía de Lugo organizada pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Desta volta contará coma sempre con versos procedentes da provincia, dende a chaira como Martiño Maseda, até a montaña, como Toño Núñez. Con poetas achegadas a Lugo hai xa anos, coma Tere Larios, até aquelas que marcharan e que regresan cunha enchenta de libros baixo os brazos, coma Mónica Raquel Vázquez. E máis voces galegas, que van dende algunhas de longo consolidadas, coma Mariña Pérez Rei, até outras acabadas de debutar no libro de poesía, coma Jose||González. Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales.

Así, dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea.

O programa desenvolverase en unha sesión pola mañá e dúas de tarde. Os horarios e participantes son como seguen:

12h30
Toño Núñez, Marcelo Morales, Tere Larios e Raquel Vázquez

18h30
Martiño Maseda, Quico, Gian Pierre Codarlupo e Mariña Pérez Rei

19h30
Jose||González, Luz Pichel, María Ángeles Pérez López e Mónica Caldeiro

As actividades son de entrada gratuíta até completar aforo.

FAIA presentará ‘Alvela’ este venres, 2 de maio, na Capela de Santa María de Lugo

A cita, que comezará ás 20.30h e que se organiza co apoio da Vicepresidencia da Deputación luguesa, será de acceso libre ata completar capacidade


FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, o vindeiro venres, 2 de maio en Lugo. A partir das 20.30 horas, a Capela de Santa María acollerá un directo acústico no que a veciñanza, grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación luguesa, poderá descubrir un traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Neste concerto, FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e a formación Suelen Estar Quartet.

O pasado 23 de abril Alvela publicábase nas plataformas dixitais, mais proximamente estará dispoñible en formato vinilo. O segundo álbum en solitario de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

Sobre FAIA

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este mes de abril publica Alvela, o seu segundo traballo.

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ EN LUGO2 de maio de 2025, ás 20.30 horas
Capela de Santa María
Acceso libre ata completar capacidade

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc

*Autoría imaxes de FAIA: Arancha Brandón

O garage punk de Chemtrails aterra este mércores 30 na Sala Radar da man do Sinsal Primavera

© Joel Goodman – 07973 332324 – all rights reserved . 20/05/2023. Manchester , UK . Chemtrails perform at Projekt Skate Park in Manchester . Photo credit : Joel Goodman

O banda inglesa presentará a partir das 21.30h o disco más recente e bailable da súa traxectoria; e as entradas están dispoñibles, desde 10 euros, na web de Sinsal

Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, chega este mércores á Sala Radar para presentar, por primeira vez en España, a banda inglesa Chemtrails. As entradas están á venda na web de Sinsal e na plataforma Enterticket desde 10 euros (no despacho de billetes do recinto o prezo será superior, 12 euros). 

Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos, como é o caso de Chemtrails, que fará bailar ás e aos asistentes co seu post garage punk e power pop psicodélico.

Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación do grupo de Manchester -que comezou como un proxecto de gravación caseiro- liderado pola activista trans Mia Lust. O seu asombroso talento para crear cancións pop raras pero irresistiblemente contaxiosas foi rapidamente descuberto polo selo sueco PNKSLM Recordings, que as fichou xusto despois do seu primeiro concerto no Trans Pride Brighton.A banda cita como as súas maiores influencias a Pixies, Blondie, Oh Sees, Fat White Family e o psicodelia e garage punk dos sesenta, pero o que sempre mantivo unido ao proxecto é a inesgotable cantidade de composicións pegadizas, interpretadas coa inesgotable emoción e enerxía da banda. O seu terceiro e máis recente traballo, The Joy of Sects, é o máis bailable da súa traxectoria. O grupo cambiou o enfoque caseiro por un son de estudo máis de alta fidelidade, que, grazas á maxia da produtora Margo Broom (Fat White Family, Big Joanie, Goat Girl) segue sendo tan cru e salvaxe como sempre, pero cun novo nivel de intensidade.

CONCERTO SINSAL PRIMAVERA | CHEMTRAILS (Inglaterra)30.04.2025, 21.30h | Sala RadarVídeo: https://youtu.be/XGdmSs5SDl0?si=z82_jbeU977QbuAy&t=62
Entradas á venda en festival.sins.al e enterticket.es (10 € + gastos)